DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle en outubro dúas xornadas con estas temáticas

Unha ollada de xénero á antigüidade e a precariedade laboral na era dixital

As citas celebraranse nas facultades de Historia e Dereito

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 04/10/2019

Entre a programación de actividades previstas para o mes de outubro nos diferentes centros do campus de Ourense están a II Xornada olladas á antigüidade. Mulleres que entreteñen e mulleres que se entreteñen e a xornada Precariedade da traballadora ante os empregos dixitais atípicos. As dúas actividades, financiadas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, coinciden en abordar temáticas moi diversas pero ambas desde unha perspectiva de xénero.

Analizar o pasado para entender o presente

A primeira das actividades que se celebrará será a II Xornada olladas á antigüidade. Mulleres que entreteñen e mulleres que se entreteñen, que terá lugar o día 14 de outubro na Facultade de Historia. Coordinada pola decana e profesora do centro Susana Reboreda, esta iniciativa “constará de catro intervencións realizadas por profesoras/doutoras de recoñecido prestixio e expertas na investigación sobre a muller en distintas culturas da historia antiga: Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma”. Así, Agnés Gracia, doutora en Historia e membro do Instituto de Estudos do Próximo Oriente Antigo de Barcelona, ofrecerá a conferencia De mulleres, farándula e tabernas na antiga Mesopotamia: unha ollada dende os estudos de xénero. Do mesmo instituto, Núria Castellano, doutora en Exiptoloxía, falará das casas da cervexa no antigo Exipto. Ana Iriarte, catedrática de Historia Antiga na Universidade do País Vasco intervirá sobre Animadoras da antiga Grecia nas cidades, e Carla Rubiera, investigadora da Universidade de Oviedo, falará sobre Espectáculo e entretemento na Roma antiga: a participación das mulleres.

Especialmente dirixida ao alumnado do centro pero tamén aberta á sociedade en xeral, esta xornada ten entre os seus obxectivo, segundo explican desde a organización, “presentar un aspecto reiterado na historia das mulleres en distintos espazos xeográficos como é a función de entreter aos varóns sexa como prostitutas ou con actuacións en público, referíndonos neste caso ás primeiras culturas”. A cita, engaden, tamén quere expor argumentos que permitan asimilar esta faceta das mulleres na sociedade da antigüidade e deste modo incitar ao desenvolvemento do espírito crítico e establecer elementos comparativos entre as sociedades antigas, e entre estas e as actuais respecto a esta función da muller, detectando similitudes e diferenzas. “En definitiva, trátase de destacar a relevancia do coñecemento histórico do rol das mulleres como único xeito de coñecer e comprender a situación actual e ter máis argumentos para reivindicar os cambios”, comenta Susana Reboreda.

A muller ante os empregos dixitais atípicos

A segunda das xornadas terá lugar o día 16 de outubro na Facultade de Dereito e levará por título Precariedade da traballadora ante os empregos dixitais atípicos. A cita está coordinada polas profesoras de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Marta Fernández e Francisca Fernández Prol e pretende proporcionar ao alumnado "unha formación complementaria á dispensada no marco da docencia tradicional sobre temáticas de actualidade", como a vulnerabilidade da muller na economía das plataformas; o dereito a unha protección social suficiente e a fenda de protección das mulleres nos empregos atípicos; o teletraballo e a precariedade da muller; a vulnerabilidade social e a discriminación múltiple das mulleres no mercado de traballo; a conciliación da vida familiar e laboral ou o dereito á desconexión dixital.

Especialmente pensada para o alumnado do centro aínda que tamén aberta á cidadanía, esta actividade arrancará coa participación de Lourdes Mella, catedrática de Dereito do Traballo da Universidade de Santiago de Compostela, que falará sobre Muller, dixitalización e precariedade. Fernando Lousada, maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, intervirá sobre Vulnerabilidade social e discriminación múltiple das mulleres no mercado de traballo, e M.ª Reyes Martínez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de León, sobre Traballo atípico e perspectiva de xénero en materia de protección social. Esta xornada desenvólvese no marco do proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades Os dereitos fundamentais ante as transformacións laborais na era dixital, concretamente no subproxecto Os dereitos fundamentais ante o cambio do traballo autónomo na era dixital.