DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o estudo que Xesús Pena realizou con 1300 estudantes de secundaria e bacharelato

Os adolescentes que practican fútbol asocian valores máis negativos ao deporte que os doutras disciplinas

A análise parte da enquisa de valores olímpicos que desenvolveu para a súa tese

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/07/2020

Coñecer que valores asocian os mozos e mozas á práctica deportiva constituía o obxectivo principal da tese de doutoramento de Xesús Pena, que deseñou para esta investigación un cuestionario de valores deportivos ou olímpicos, validado cunha mostra de 1316 estudantes galegos de entre 12 e 18 anos. Esta análise permitiulle constatar como as e os adolescentes asocian polo xeral a práctica deportiva a “calidades eminentemente positivas” como a diversión, o esforzo, o xogo limpo, a amizade ou o respecto. Mais, ao mesmo tempo, tamén detectou algúns “síntomas de alerta”, como o feito de que o fútbol, o deporte máis practicado pola poboación obxecto de estudo, mostrase “os peores resultados” nesta análise, ao outorgarlle aqueles que o practican un maior valor a aqueles valores “asociados coa competitividade”, como triunfar ou ser o mellor. 

Defendida este curso na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a tese Caracterización y análisis de los valores asociados al deporte en alumnos no universitarios foi dirixida pola investigadora do grupo GIES-10 e directora do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, María José Martínez Patiño. Pena Pérez, presidente da Asociación de Estudos Olímpicos, membro do Comité Español Pierre de Coubertin e editor da revista científica Journal of Human Sport and Exercise, desenvolveu esta investigación con estudantes de secundaria e bacharelato de 15 centros de Galicia. En termos xerais, “a percepción dos valores asociados á práctica deportiva” na poboación analizada “pode cualificarse de satisfactoria”, mais ao mesmo tempo, sinala, detectáronse diferencias nesa percepción “en función do xénero” e da disciplina, poñendo o foco o investigador no “caso particular do fútbol como deporte de referencia, que mostra e amplifica os peores resultados da poboación estudada”. Segundo explica, aqueles que afirmaron practicar este deporte, puntuaban “significativamente máis alto que a media as variables negativas” propostas no cuestionario, tanto con respecto ás rapazas que tamén o practican, como co resto de deportes, cuestión na que Pena afondou tamén nun artigo publicado na revista científica Retos.

Unha ferramenta de análise

“O deporte como instrumento educativo e de formación en valores está adquirindo cada vez unha relevancia máis notable”, salienta Pena, que tratou coa súa investigación de afondar en como, no referido á mocidade, a práctica deportiva “está influíndo nos seus procesos formativos e, o máis importante aínda, como podemos influír neles para adecualos á mellora educativa da sociedade”. De aí que buscase dar forma a un “instrumento de medida para coñecer dunha forma estandarizada e sinxela” que valores ou calidades asocian á práctica deportiva, análise que, sinala, pode constituír “o punto de partida para o deseño de actividades formativas que axuden a unha educación transversal en valores”. 

Con esa idea, elaborou un cuestionario integrado por 19 variables, no que “cobran unha especial relevancia os valores asociados ao movemento olímpico desde a súa restauración polo pedagogo francés Pierre de Coubertin”. Ademais dunha serie de preguntas que permiten avaliar os resultados tendo en conta a idade, o sexo, o nivel educativo e os deportes practicados, o cuestionario presenta unha serie de items nos que aos enquisados e enquisadas debían atribuír, cunha puntuación entre o 0 e o 4, unha menor ou maior relación co deporte. Entre eles atopábanse unha serie de variables con “connotacións positivas”, como facer amigos, fomentar a igualdade, a colaboración, a diversión, a constancia, o xogo limpo, o esforzo, a superación, o respecto e a unión; e outras “negativas”, como ter éxito, gañar, conseguir títulos, ser admirado, machucar ao rival, ser o mellor, triunfar, alcanzar a fama ou sobresaír.

Sobresaen os valores positivos

Tres de cada catro estudantes afirmaron practicar deporte con regularidade, unha media de tres días por semana, mais, se ben o 54% destes eran homes e o 46% mulleres, as rapazas representaban o 79% das e os “non practicantes”. En termos xerais, o valor maioritariamente asociado ao deporte foi a diversión, cunha puntuación de 3,62 sobre 4, situándose as variables consideradas a priori positivas como as máis puntuadas, xunto co ‘competir’, que, como salienta Pena, “tampouco podemos considerar intrinsecamente negativa”. Así mesmo, as variables que representan os “valores olímpicos”, o esforzo, o xogo limpo, a amizade e o respecto, situáronse entre as seis máis puntuadas, mentres que aquelas caracterizadas por un “nesgo negativo sitúanse claramente como as menos valoradas da serie”, como é o caso de “machucar o rival, converterse nun ídolo ou ser o mellor”.

O caso do fútbol

Das 43 disciplinas practicadas por mozos e mozas, o fútbol erixiuse como a máis popular, ao ser a que realizaban con maior frecuencia o 36% dos enquisados e enquisadas, seguida da natación co 12%, o baloncesto co 8% e o balonmán e o ciclismo, ambos co 5%. No caso concreto do fútbol, o 82% dos que o practicaban eran homes, que outorgaron puntuacións “significativamente máis altas que a media as variables cualificadas como negativas”, como sería o caso de “competir, triunfar, facer músculo e ser o mellor”. Isto non acontecía, engade Pena, no caso das rapazas que practicaban este mesmo deporte, que deron maior puntuación que eles a todas as variables consideradas como positivas, agás ‘superación’ e ‘constancia’, e menor puntuación ás consideradas negativas, coa excepción de ‘adelgazar’. Así mesmo, sinala Pena, tamén os enquisados que afirmaron non practicar ningún deporte asociaron a este “calidades máis positivas que os futbolistas”.