DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento reunirá na cidade 4000 deportistas do 27 de abril ao 4 de maio

Os atletas do Mundial Multisport adestrarán no campus desde o luns 22

Trátase dunha “oportunidade única” para amosar o compromiso universitario co fomento da práctica dep

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI 12/04/2019

Do 27 de abril ao 4 de maio Pontevedra será a sede central do Mundial Multisport, unha cita deportiva que reunirá na cidade do Lérez aos máis de 4000 deportistas inscritos entre os Campionatos do Mundo de Duatlón, Triatlón Cross, Acuatlón, Aquabike e Triatlón de Longa Distancia.

Será o maior evento deportivo da historia da cidade e o campus non podía permanecer alleo, tal e como indicaba este venres o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés, quen recalcou que dende a Universidade de Vigo “imos apoiar sempre a utilización do campus para probas deste estilo, sobre todo cando se trata de acontecementos tan importantes para a cidade coma este”. Engadiu que se trata, ademais, dunha “oportunidade única” para amosar o compromiso da Universidade de Vigo co fomento da práctica deportiva e a vida saudable.

A actividade das e dos atletas comezará xa a sentirse no campus dende o luns 22, coincido co regreso da Semana Santa e co arranque dos adestramentos libres das probas de longa distancia. “Toda esa semana vai haber atletas correndo e preparándose para as probas en toda a zona do campus”, recalcou Míguez Tabarés.

Ademais, o venres 26 a partir das 15.30 horas, terá lugar unha proba de familiarización co circuíto de ciclismo (elite, U23, junior) na que as e os atletas sairán das instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva cara a rúa José Malvar, ponte dos Tirantes, Rafael Areses, avda. Compostela, Celso E. Ferreiro, campus e, de novo, Celso E. Ferreiro, avda. Compostela, xiro antes da glorieta con Médico Balllina, ponte de Santiago, avda. Bos Aires, José Malvar e acceso ao interior do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.