As unidades móbiles estarán o martes 8 en Vigo, Ourense e Pontevedra
Os campus súmanse ao Reto 5000 doazóns de sangue
No marco do Día das Universidades Saudables
No marco da Rede Española de Universidades Saudables, os tres campus da Universidade de Vigo súmanse o vindeiro martes 8 de outubro ao Reto 5000 doazóns de sangue, unha iniciativa que trata de fomentar a solidariedade entre as comunidades universitarias para chegar a unha dobre meta: acadar as 5000 doazóns nunha soa xornada entre todos os campus de España e chegar á mesma cifra ao longo do curso académico entre os sete campus galegos.
Para iso desenvolveranse dúas campañas, unha en cada cuadrimestre, en colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia. A próxima cita será o 8 de outubro, cando as unidades móbiles se achegarán aos sete campus galegos. No caso da UVigo, os autobuses estarán dispoñibles na Escola de Enxeñería Industria, sede campus, tanto o martes 8 como o mércores 9, de 09.30 horas a 14.30h e de 15.30 h a 21.00 horas . Na campus de Ourense a unidade móbil situarase diante da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo o martes de 09.30 h a 14.30 h e de 15.30 h a 21.00 horas. En Pontevedra poderase doar diante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación tamén o martes de 09.30 horas a 14.30h e de 15.30 h a 21.00 horas. Para poder doar tan só é preciso ter máis de 18 anos e pesar máis de 50kg. É necesario almorzar e, despois de xantar, agardar dúas horas.
Esta campaña enmárcase na celebración do Día das Universidades Saudables, unha iniciativa posta en marcha por REUS, a Rede Española de Universidade Saudables, da que forman parte 55 institucións académicas e dous ministerios, xunto coa CRUE e nove estruturas de saúde pública das comunidades autónomas. O obxectivo é incorporar e integrar a promoción da saúde no eido universitario, xerando así un modelo para a sociedade. Nesta edición, son 29 as universidades que participan no Reto 5000 que buscarán captar doantes novos e fidelizar ás persoas que doan de xeito habitual para chegar ás cifras que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera recomendables: entre 40 a 60 doazóns de sangue por cada 1000 habitantes e ano. De feito, estímase que os hospitais precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día para facer fronte ás demandas sanitarias.
1391 doazóns o curso pasado na Universidade de Vigo
Durante o pasado curso académico 2018–2019, as campañas desenvolvidas por ADOS nas tres universidades galegas rexistraron 4601 doazóns de sangue, das que o 30,8% foron realizadas por persoas que participaban por primeira vez (1418). Esta cifra representa un crecemento do 1,3% das doazóns de sangue con respecto á participación do curso anterior. Atendendo ás universidades, produciuse unha recuperación da de Santiago (1684), de xeito salientable grazas a evolución do campus de Santiago; unha estabilización da Universidade da Coruña (1526) e un lixeiro descenso da Universidade de Vigo, que rexistrou 1391 doazóns. O campus máis solidario da UVigo é Vigo, con 782 doazóns, seguido de Ourense (335) e Pontevedra (274).