DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con sede na EE Forestal, que acolle tamén a unidade de Medicina Deportiva

Os problemas de costas centran a actividade do servizo de Fisioterapia do campus

Trátase de dúas iniciativas promovidas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Pontevedra 11/10/2019

Tratar diferentes patoloxías e lesións, realizar unha avaliación do estado físico ou unha consulta dietética sen saír do campus son algunhas das posibilidades que ofrecen á comunidade universitaria as unidades de Fisioterapia e Medicina Deportiva impulsadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade e que no campus teñen a súa sede na Escola de Enxeñaría Forestal. Preto de 200 consultas foron atendidas o pasado curso nestes dous servizos que, no primeiro dos casos, ten como principal foco de actividade o tratamento de problemas de costas, como cervicalxias ou lumbalxias, mentres que, no caso da Unidade de Medicina Deportiva, as consultas máis frecuentes están relacionadas coa valoración do estado físico de cara a práctica dunha determinada actividade.

Con diferentes prezos, segundo se trate de integrantes da comunidade universitaria, familiares, titulados ou persoas alleas á institución, estes dous servizos inclúen tamén “unha serie de vantaxes” para os usuarios e usuarias do abono Muver da Área de Benestar, Saúde e Deporte, como a posibilidade de realizar unha “revisión médico deportiva básica de xeito gratuíto ou descontos nas sesións de fisioterapia”, como explica o coordinador destas unidades no campus, Jorge Cachafeiro.

Tratamento de lesións ou patoloxías

Readaptación funcional, recuperación de lesións deportivas, prevención e tratamento da dor ou de patoloxías laborais son algúns dos servizos que centran a actividade da Unidade de Fisioterapia, que desde este curso ten á fronte ao titulado pola Universidade de Vigo Alfonso Palomanes. “Unha porcentaxe moi alta dos pacientes veñen por problemas de columna, como cervicalxias ou lumbalxias”, explica o responsable deste servizo, que se ofrece os martes en horario de 13.00 a 16.00 horas e os xoves entre as 14.00 e as 16.00 horas. “A verdade é que para a comunidade universitaria supón unha vantaxe enorme, porque evitas un desprazamento, pero tamén económica,”, recoñece Palomanes dun servizo que ofrece tanto a posibilidade de consultas puntuais como bonos de cinco sesións e no que este fisioterapeuta e titulado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte busca tamén establecer “unha coordinación coa sala de cardio-fitness” do Pavillón Universitario, “transmitíndolles información para que poidan establecer exercicios favorables á patoloxía” dos usuarios e usuarias.

Asesoramento médico e dietético

A realización dunha revisión médico-deportiva básica, que inclúe a exploración física e ortopédica, un estudo da composición corporal, a medición da resistencia cardiorrespiratoria ou un electrocardiograma basal foi o pasado curso o servizo máis empregado da Unidade de Medicina Deportiva no campus. Consultas informativas, gratuítas para a comunidade universitaria, a realización de revisións médico-deportivas avanzadas, que engaden a realización dunha proba de esforzo, e consultas dietéticas forman parte tamén dos servizos dunha unidade que atende nas tardes dos mércores, cada dúas semanas, Santiago Perote. “Ter ao seu dispor un asesoramento médico inmediato, que lles vai axudar con dúbidas médicas, lesións, apoio nos adestramentos, asesoramento dietético....”, constitúen como sinala Perote, as principais vantaxes dunha unidade á que acode principalmente alumnado do campus. “As consultas máis frecuentes están relacionadas coa valoración do estado físico dos usuarios de cara a práctica de exercicio, teñan ou non algunha patoloxía que puidera condicionala”, explica o responsable desta unidade, na que as consultas puntuais se combinan coa asistencia a usuarios e usuarias “que van facendo un seguimento da súa evolución médico-deportiva”, así como dos efectos das dietas que lles prescriben.