DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Amplíase ata este venres a presentación de candidaturas para o taller ‘Habitar un rostro’

Os retratos audiovisuais do alumnado do campus proxectaranse en Novos Cinemas

A directora Jaione Camborda guiará a dez estudantes na creación das súas pezas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/09/2019

Explorar a idea de retrato, na súa acepción máis ampla, a través da experimentación cinematográfica. Esta é a proposta que o festival Novos Cinemas achega ao alumnado do campus a través do obradoiro Habitar un rostro / O xesto dun encontro, un taller impartido pola cineasta Jaione Camborda no que dez estudantes desenvolverán unha serie de pezas audiovisuais que, no mes de decembro, exhibiranse na xornada inaugural da cuarta edición deste festival. Ata este venres 13 de setembro ampliouse o prazo de presentación de candidaturas para este taller coorganizado e patrocinado pola Vicerretoría do campus, aberto a un máximo de dez estudantes.

Integrado por catro sesións, que se desenvolverán entre o 20 de setembro e o 22 de novembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, este obradoiro gratuíto de 24 horas está aberto tanto a estudantes do campus como a egresados e egresadas que no curso 2018/2019 completasen os seus estudos de grao, máster ou doutoramento. As e os interesados dispoñen de prazo ata este venres para presentar a súa candidatura, a través do enderezo electrónico info@novoscinemas.com. Nela, ademais dos seus datos persoais e curriculares, deberán achegar tamén o enlace a unha peza audiovisual de autoría propia e dun máximo de cinco minutos, “que denote unha sensibilidade acorde cos obxectivos do obradoiro”, indica a organización.

Achegamento ao cinema experimental

Tomando o relevo de Lois Patiño, Oliver Laxe e Eloy Enciso, Camborda será nesta edición a responsable deste obradoiro inserido no programa formativo de Novos Cinemas. “Trátase dunha mellores realizadoras experimentais”, salienta o codirector do festival Suso Novás sobre a responsable dun obradoiro no que proporá un achegamento á “narrativa desde un elementos máis formalistas, que beben do cinema de autor documental e do experimental”. Tras formarse na prestixiosa Escola de Cinema de Praga (Famu) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF), Camborda fundou en Galicia Esnatu Zinema, produtora coa que desenvolve o seu traballo como directora de pezas experimentais rodadas en celuloide. As súas creacións estiveron presentes nos últimos anos en máis de 40 festivais, acadando numerosos premios e neste 2019 Camborda produciu, escribiu e dirixiu a súa primeira longametraxe, Arina, que se atopa pendente de estrea. Así mesmo, a cineasta tamén colaborou como guionista e directora de arte en películas como Os Fenómenos (2014), Las Altas Presiones (2015) ou Tempo Vertical (2017).