DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Observatorio Económico Ourensán

Ourense presenta unha mellor evolución en afiliacións e desemprego que a media galega e española

A entidade sinala que se retarda o impacto da COVID-19 na provincia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 03/06/2020

O Observatorio Económico Ourensán constata nun novo informe sobre o impacto da crise da COVID-19 que nestas últimas semanas retárdase o impacto da crise do coronavirus na provincia. “A economía ourensá presenta unha mellor evolución en afiliacións e desemprego que a media galega e española, tanto respecto ao comezo da crise como en termos interanuais, mentres que o sector primario ourensán segue mostrando a súa fortaleza”, destaca do documento Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entidade promotora do observatorio que dirixe Andrés Mazaira, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. 

O informe, indican en nota de prensa desde o órgano provincial, sinala que en Ourense os datos de desemprego rexistrado e de afiliacións medias do mes de maio amosan un freo na deterioración que está a producir a crise da COVID-19 no mercado laboral. Así, detállase no estudo, o número de afiliados medios á Seguridade Social na provincia de Ourense durante o mes de maio ascendeu a 98.085 (96 afiliados máis que no mes de abril, 3133 menos desde o inicio da crise e 3496 menos en termos interanuais), o que supón un descenso do 2,33% das afiliacións en termos intermensuais, do 3,07% en comparación co mes de febreiro deste mesmo ano e un descenso do 3,41% con respecto ao mes de maio de 2019.

En termos comparativos, apuntan desde o observatorio, a perda de afiliados en Ourense é menor que a que sofren as economías galega e española, tanto interanualmente como respecto ao comezo da crise. Así, indican, “fronte ao 3,41% que descenden as afiliacións na provincia, en comparación coas de maio de 2019, as galegas diminúen un 4,13% en termos interanuais e as españolas un 4,56 %. En comparación coas afiliacións a febreiro deste ano, o xa mencionado descenso do 3,07 %, pasa a ser de case medio punto máis en Galicia (que perde o 3,55% dos seus afiliados), mentres que a caída en España durante o mesmo período é do 3,61%”.

Sectores e afiliacións

Por sectores económicos, o informe do observatorio dirixido por Andrés Mazaira recolle que o número de afiliacións supera ou iguala o rexistro do mes de abril en 10 dos 21 sectores. Porén, engádese no documento, "se realizamos a análise desde o inicio da crise, o sector primario e o das administracións públicas son os únicos que presentan evolucións positivas", con crecementos do 5,24%, e do 2,66% (presentando en ambos casos cifras de crecemento superiores a Galicia e España. No caso das cotizacións do sector primario, analizan os expertos, “Ourense segue mantendo a súa fortaleza relativa". O crecemento, engaden, “tamén se produce en termos interanuais cunha subida do 5,24%”. 

A perda de afiliacións, recolle o estudo, “é especialmente significativa no réxime xeral dentro das actividades artísticas e recreativas (-18,24% en comparación coas de febreiro) e na hostalaría (-11,91 %), en ambos casos con perdas de cotizantes superiores á galega e española”. En canto ao réxime de autónomos, o descenso no seu número de afiliacións, detállase no documento, “é significativamente menor ao que experimentan os afiliados no réxime xeral producíndose os maiores retrocesos en termos interanuais -dentro dos sectores con máis de 500 afiliados provinciais-  en hostalaría (-4,17%), comercio e reparación de vehículos (-3,99%) e construción (-2,37%), aínda que en todos eles con perdas de afiliacións menores ás do réxime xeral”.

Do mesmo xeito que co descenso das afiliacións, no informe indícase que “tamén se retarda a subida de desempregados rexistrados fronte ao sufrido nos dous meses anteriores”. Así, detállase en nota de prensa desde o órgano provincial, a cifra de parados no mes de maio na provincia situouse en 20.714 desempregados, 25 máis que no mes de abril. "O efecto da crise no emprego móstrase ao comparar o número de desempregados actuais cos do inicio da crise e os existentes fai un ano, mostrando nesos crecementos do 12,6% fronte aos rexistrados no mes de febreiro e un 14,4% máis en comparación con maio de 2019", indícase. Outros datos recollidos no estudo sinalan que “o incremento de paro en termos interanuais tamén foi menor que en Galicia, onde sube un 18,8 % (catro puntos e medio máis que en Ourense), e que no conxunto de España (do 25,3%, máis de dez puntos superior ao provincial)". Ademais, engádese no documento, “en comparación co mes de abril, o número de desempregados rexistrados na provincia de Ourense mantense estable (crecemento de algo máis dunha décima) experimentando descenso nos sectores primario (-2,22%), industrial (-0,25%) e construción (-3,17 %), mentres se incrementa no sector servizos (0,64%) e nos desempregados sen sector anterior (1,15%).  Tamén en termos de desemprego presenta un mellor comportamento o sector primario ourensán que o do conxunto de Galicia.