DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As sesións desenvolveranse os mércores pola tarde na plataforma Zoom

Ponse en marcha unha Aula Virtual de Mindfulness para traballar as consecuencias da COVID-19

Trátase dunha iniciativa do profesor Stuart McNicholls

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Ourense 20/05/2020

Entre a oferta de obradoiros de extensión universitaria que cada curso se imparten no campus de Ourense hai un dedicado ao mindfulness, práctica tamén chamada atención ou conciencia plena. Tendo en conta as especiais circunstancias provocadas pola crise da COVID-19, o seu docente, Stuart McNicholls, profesor da Facultade de Ciencias da Educación, pon este mércores en marcha unha Aula Virtual de Mindfulness “coa que adentrármonos con presencia e compaixón nas próximas fases de desescalada do confinamento e nas consecuencias individuais e colectivas da crise da Covid-19”.

“O que me propoño é ofrecer algo á xente que quere practicar mindfulness, tendo en conta que estamos vivindo unha situación difícil e que facilmente pode ter repercusións negativas na saúde psicoafectiva das persoas”, explica Stuart McNicholls, que conta con formación como psicólogo e psicoterapeuta e 20 anos de prácticas de meditación de diferente tipo, nos últimos oito anos centradas no mindfulness no campo educativo en xeral e para adultos. 

O mindfulness, detalla Stuart McNicholls, é unha disciplina relacionada co benestar integral que está en auxe dende hai máis de tres décadas, cada vez en máis campos, empezando polo ámbito da saúde física, logo no da saúde mental ata estenderse ao campo da educación. “Múltiples investigacións indican que unha práctica de mindfulness xera mellorías na memoria, a resposta inmunolóxica, o autocontrol, a atención e a resiliencia emocional, ademais de desencadear cambios no noso organismo que axudan a contrarrestar os efectos nocivos das emocións negativas (estres, ansiedade, depresión...), axudando a restablecer o equilibrio entre corpo e mente”, indica o profesor do campus de Ourense. O mindfulness, engade McNicholls, “é como levar a atención ao noso interior, prestar atención á respiración, ao estado do corpo, aos sinais que nos vai dando”. Trátase, apunta, de “conectar co acontece dentro do meu corpo, escoitalo, ver como entra en reacción, como respira e a partir de aí responder máis calmadamente”.  

Práctica semanal de balde 

A Aula Virtual de Mindfulness, que conta co apoio da Área de Actividades Culturais do Campus de Ourense, consistirá nunha clase semanal gratuíta os mércores de 19.00 h a 20.00 h, comezando este mércores, día 20 de maio, e prolongándose ata finais de xullo. A estrutura básica de cada sesión, que se desenvolverá a través da plataforma Zoom, consta dunha breve práctica silenciosa inicial, unha introdución á practica principal da semana, unha práctica guiada en grupo grande de arredor de 20 minutos, unha ronda aberta de intervencións e/ou preguntas, unha práctica de meditación social en grupos pequenos de arredor de 15-20 minutos e unha breve práctica silenciosa final. 

Aínda que pensada principalmente para as persoas que xa fixeron cursos introdutorios de mindfulness, a  iniciativa, que é de balde está aberta ás persoas que queiran aprender sobre esta práctica. As persoas interesadas teñen que enviar un correo electrónico a stuartmcnicholls@gmail.com co asunto Aula de Mindfulness e recibirán  as instrucións de acceso á primeira sesión. Desde a organización tamén indican que as e os interesados poden propoñer un horario alternativo por se fose posible organizar un segundo grupo para aquelas persoas que lles é imposible realizar a sesión prevista para os mércores.