DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócanse seis galardóns distribuídos por ámbitos de coñecemento

Premio para os traballos fin de grao e de mestrado ‘comprometidos co planeta’

A temática debe estar relacionada coa Axenda 2030, cooperación ao desenvolvemento ou RSC

Tags
  • Estudantes
  • Vigo
  • Premios
  • Académica
DUVI 10/07/2019

Suma e segue. Desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación séguense a lanzar novas iniciativas comprometidas coa implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible incluídos na Axenda 2030. Nesta ocasión faino cunha nova convocatoria de premios, os Premios ao mellor Traballo Fin de Grao / Traballo Fin de Mestrado no curso 2018/2019, galardóns cos que recoñecer os mellores proxectos realizados polo alumnado da Universidade de Vigo en temáticas relacionadas coa Axenda 2030, a cooperación ao desenvolvemento e a responsabilidade social, facilitándolle a gratuidade da matrícula na continuación dos seus estudos.

Xosé Mahou: “hai un bo número de estudantes que poden presentarse”

“Desde a vicerreitoría cremos que unha boa forma de fomentar a investigación comprometida co planeta e coa consolidación de sociedades más xustas e inclusivas é premiar aqueles estudantes que realicen o seu TFG ou TFM en torno á Axenda 2030 e a responsabilidade social”, salienta Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, que fai tamén fincapé en que “moitas das investigacións que se están a realizar na Universidade están perfectamente aliñadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, así como moitas das temáticas abordadas nos TFG e TFM. Con este premio pretendemos afloralas, darlle visibilidade e premiar os traballos de maior calidade”, recalca o docente, quen fai fincapé en que “hai un bo número de estudantes en todas as ramas de coñecemento que poden presentarse”. 

Os obxectivos recollidos dentro da Axenda 2030 tratan de instar a todos os países a adoptar medidas para promover a prosperidade ao mesmo tempo que protexen o planeta. Comprometida con este obxectivo, a través destes galardóns a Universidade pretende fomentar unha investigación que redunde nun beneficio para toda a sociedade ao mesmo tempo que se lle dá visibilidade e se premia os mellores TFG e TFM que o alumnado realice seguindo esta premisa.

Ademais do cumprimento da Axenda 2030, estes premios tamén queren recoñecer o traballo en temáticas relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento (cooperación técnica, axuda alimentaria, axuda humanitaria, etc.) e a responsabilidade social (políticas públicas inclusivas, para a igualdade de xénero, para a inclusión de persoas con discapacidade no emprego público, etc.). 

Solicitudes abertas ata o 7 de agosto

En total convócanse seis premios, distribuídos por ámbitos de coñecemento: dous para Ciencias Sociais e Xurídicas, dous para Enxeñaría e Arquitectura, un para Ciencias e Ciencias da Saúde e outro para Artes e Humanidades. Poderán optar a estes galardóns todos os alumnos e alumnas matriculadas na Universidade de Vigo no actual curso, sempre e cando teñan superado o TFG ou o TFM cunha cualificación igual ou superior a 8,5 puntos. As persoas interesadas poden facer a solicitude ata o vindeiro 7 de agosto a través do Portal de Bolsas. 

A beneficiaria da bolsa de mobilidade viaxará á República Dominicana

A maiores destes premios, este mes resolveuse tamén a última convocatoria de bolsas para a mobilidade do estudantado interesado en desenvolver os seus TFG ou TFM con cuestións relacionadas co cumprimento da Axenda 2030. Nos requisitos establecíase que a estadía debía estar vencellada á elaboración do TFG ou TFM en países en vía de desenvolvemento, polo que a alumna beneficiada poderá acceder a datos e información sobre o terreo, sempre coa axuda e supervisión dunha ONG, o que lle permitirá imprimirlle ao seu traballo un compoñente práctico e ético na procura de solucións a problemas reais en contextos concretos. Neste caso, a persoa beneficiada é a alumna de mestrado, Alejandra Castro Sa, que vai a realizar a súa estadía na República Dominicana.