DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Examínanse en toda Galicia 14.500 estudantes, 6340 nas comisión delegadas da UVigo

Récord de participación na ‘selectividade’ máis atípica

Aos exames nos campus sumáronse os realizados en diferentes pavillóns municipais

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 07/07/2020

A alerta sanitaria provocada pola covid-19 interrompeu de forma abrupta as clases o pasado mes de marzo. Agora, case catro meses despois, o rebulir universitario volveu aos campus da man do alumnado que este martes iniciou a realización das probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade, ABAU. Fíxoo nos campus pero tamén espallados por múltiples pavillóns municipais e institutos de ensino secundario de toda Galicia, cumprindo estritas normas de seguridade sanitaria, gardando as distancias, coas orellas descubertas e desprovistos de todo tipo de tecnoloxía... cun intenso día de calor e con máis nervios que nunca, dado o tempo que levan sen facer un exame por escrito, pero mantendo intacta a súa ilusión por iniciar a vida universitaria. É a edición máis atípica dunhas probas que baten récord de participación con 14.555 estudantes matriculados en toda Galicia, un 27.6% máis que o ano pasado, dos cales 6340 se examinan ata o este xoves nas diferentes comisións delegadas da UVigo.

En Vigo e comarca examináronse máis de 3300 alumnos e alumnas

En Vigo e nos concellos da súa contorna examináronse máis de 3300 alumnos e alumnas.  Por primeira vez houbo exames en lugares tan atípicos para realizar estas probas como no pavillón universitario do campus, no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ou no comedor da Facultade de Filoloxía e Tradución. En total nas diferentes instalacións do campus examináronse 1422 rapaces e rapazas, 434 na comisión delegada da EU de Estudos Empresariais de Torrecedeira (con exames  en Empresariais e na Escola de Enxeñería Industrial) e 988 no propio campus  (418 na FFT, 308 na Facultade de CC Económicas e Empresariais e 262 no pavillón universitario).

Sen ningún tipo de aglomeración no momento de entrar ás aulas, todo transcorreu a primeira hora da mañá con total normalidade. “O mellor é que por fin chegou o momento”,  explicaba Maria Diley, alumna do IES Alexandre Bóveda intres antes de iniciar o seu exame no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. “Penso que todos estamos moi nerviosos e desexando xa que pase e que, por fin, comece tamén para nós o verán”, admitía a alumna, que espera acadar a nota suficiente para estudar Enfermaría no Meixoeiro.  “Estes últimos meses foron moi agoniantes, sobre todo ao principio, pero, unha vez organizados, as cousas foron mellor”, explicou tentando relaxarse antes de realizar o primeiro exame.
Malena Sousa e Natalia Miquel, estudantes do Apóstol Santiago, tamén teñen claro o que queren estudar o vindeiro curso, Dereito e Bioloxía, respectivamente. Agora quédanlles por diante tres días para conseguir a nota precisa para entrar nas carreiras desexadas. Tras facer o primeiro exame, o de Historia de España, recoñecían estar máis tranquilas. “Estamos contentas co que entrou e xa sacamos de enriba unha das materias con máis contido” explicaban, ao tempo que recoñecían que, tras o primeiro exame, rómpese unha barreira invisible que lles permite afrontar o resto da xornada dun xeito máis relaxado. Pare elas, este curso tan atípico foi complexo e, aínda que consideran que tiveron “moita sorte” coa docencia en liña e a implicación dos seus profesores, “preparar un trimestre enteiro na casa, sobre todo as partes prácticas, foi complicado”. 

Tamén en Vigo, pero xa fóra do campus, 555 estudantes procedentes de sete institutos da cidade examináronse no pavillón das Travesas e outros 1300 alumnos e alumnas examináronse en seis comisións delegadas espalladas por diferentes concellos da comarca: CEIP de Cova Terreña de Baiona (190 estudantes procedentes deste municipio xunto con Nigrán e Gondomar); IES de Rodeira  (276 estudantes procedente de Cangas e Moaña); IES Val do Tea de Ponteareas, (251 alumnos procedentes deste concello, Salvaterra de Miño, A Cañiza e As Neves); IES Pino Manso (214 mozos e mozas de Porriño e Mos); IES Mendiño (186 de Redondela e Soutomaior), e IES Indalecio Pérez Tizón (237 mozos e mozas  de Tui, A Guarda e Tomiño).

Preto de 900 estudantes examínanse no campus pontevedrés

Un total de 1651 alumnos e alumnas examínanse desde este martes nas comisións delegadas creadas en Pontevedra, Marín e Vilagarcía de Arousa e deles, 874 fano en tres facultades e escolas do campus pontevedrés. Ata estas chegaron este xoves alumnos e alumnas de 18 centros educativos, fronte aos 29 que se reuniron nos tres centros o pasado curso, e deles 370 enfróntanse á ABAU nas aulas, no ximnasio e no pavillón, habilitados para estas probas, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Outros 279 realizan estas probas na Escola de Enxeñaría Forestal e 225 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Fóra do campus, a ABAU tamén arrincou este martes no Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra, onde, coas adaptacións necesarias, realizan os exames 16 estudantes con discapacidade.

Procedentes do CPR Los Sauces, Carolina Matilde e Rubén Lago son dous dos alumnos que esta mañá enfrontábanse aos primeiros exames da ABAU na EE Forestal, nun ano marcado polas medidas de seguridade, o distanciamento e as mascarillas. “A verdade é que pasei bastante calor no exame”, recoñecía Lago, trala proba de de Historia de España. Superar ese primeiro exame e deixar atrás os nervios iniciais, engade Matilde, axuda a afrontar “máis relaxados” o resto de probas dunha ABAU marcada tamén por un formato con máis opcións, que co que estes dous alumnos se amosan conformes. “Totalmente, porque hai que ter en conta que hai estudantes que non puideron chegar a dar todo o temario”, salienta Matilde, que agarda poder cursar a partir de setembro o grao en Administración e Dirección de Empresas, mentres que o desexo de Lago é marchar a Madrid a cursar Enxeñaría de Software.

No campus de Ourense: “Vimos facer os exames e o virus é secundario”

Sara Seoane e Nerea Barrera do IES Otero Pedrayo amosáronse satisfeitas despois do primeiro exame, no que máis aló da materia tamén tiñan dúbidas sobre se debían utilizar ou non a mascarilla. “Tiña medo por se había que facer os exames coa mascarilla, pero non” explicaron as dúas rapazas, que queren estudar Filoloxía inglesa e Maxisterio. Ao igual que Sara e Nerea, Joel Dorribo, do Salesianos e Roberto Vila do 12 de Outubro, lamentaron os problemas que, derivados da covid-19, tiveron que sufrir para preparar a ABAU. “Estudar na casa era complicado e a biblioteca tiña horario reducido”, explicou Joel, mentres que Roberto Vila aseguraba que non lle afectou estudar na casa. Ambos os dous estudantes, que aspiran a cursar ADE e Historia ou Xeografía aseguraron “vir facer os exames, mentres que o virus é secundario”.

Seis comisións delegadas, tres no campus, outra en O Carballiño, outra en Xinzo de Limia e outra e A Rúa, encárganse desde esta mañá da realización das probas da ABAU na provincia de Ourense, onde están matriculados un total e 1358 estudantes. Chegados de todos os puntos da provincia, os 912 alumnos e alumnas que se examinan na Biblioteca do campus; no Edificio Politécnico, Edificio Xurídico-Empresarial e na Facultade de Historia do campus ourensán, comenzaron os exames de acceso á universidade coa proba de Historia de España, logo de recibir durante unha hora as indicacións pertinentes para a realización das probas, que se prolongarán ata o vindeiro xoves. Así, nunha ABAU na que por vez primeira, un terzo do alumnado fai as probas de acceso á universidade fóra da cidade de Ourense, na comisión delegada de O Carballiño examínanse 116 estudantes; 195 en Xinzo de Limia e 135 en A Rúa. Respecto de 2019 o número de matriculados incrementouse en 301.