DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto acada o ecuador coas actividades de deseño e desenvolvemento case rematadas

SeaFeed encara a construción e validación do primeiro alimentador para acuicultura adaptado a granxas pequenas e medianas 

O Conecta PEME ten un financiamento dun millón de euros

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/09/2019

Co deseño e o desenvolvemento practicamente finalizados, o proxecto SeaFeed acada o seu ecuador, “entrando nunha fase crucial na que se construirá a pontona, ou estrutura da plataforma, e se integraran os equipos a bordo, cara unha fase final de probas e validación experimental do conxunto en condicións reais de operación”, explican os responsables da empresa Fish Farm Feeder. A firma viguesa está a desenvolver en colaboración co grupo CIMA e investigadoras e investigadores do Centro Investigación Mariña da Universidade de Vigo e coas empresas Engranor, Quantum Innovative e Montajes Cancelas o primeiro alimentador para acuicultura adaptado a granxas pequenas e medianas, ao abeiro dun proxecto Conecta PEME da Xunta de Galicia, cun investimento total de algo máis de un millón de euros.

Ao non existir no mercado un sistema de alimentación flotante para acuicultura no mar cunhas dimensións adaptadas ás explotacións de tamaño mediano e pequeno, as empresas do sector vense obrigadas a adaptar os pontóns de grandes dimensións a outras instalacións e especies, cos problemas que estes axustes poidan ter sobre a produción. “O proxecto SeaFeed ten como obxectivo xeral o desenvolvemento dun sistema de alimentación destinado á acuicultura en mar, xa sexa offshore ou nas proximidades da costa, automatizado, intelixente e autónomo, instalado nunha plataforma flotante e enerxeticamente eficiente, que permita optimizar os procesos de alimentación e garantir a independencia tecnolóxica da industria acuícola galega fronte á importación técnica de terceiros países”, explican as e os investigadores do grupo CIMA da Universidade de Vigo, que participan no proxecto. 

Executada con éxito da segunda anualidade

Cunha duración de dous anos e medio e data de finalización estimada para setembro de 2020, o proxecto xa executou a súa segunda anualidade “con éxito e de acordo ao establecido na planificación”, explican os promotores de SeaFeed, que está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), apoiado pola Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. 

Trala construción da pontona que albergará no seu interior todos os equipos necesarios (xeración eléctrica, dosificación de alimento, etc…), realizaranse as probas entre abril e setembro de 2020. “Parte das probas executaranse en estaleiro, mentres que o líder do proxecto está en negociacións con distintas empresas nacionais para desenvolver o resto de ensaios sobre os prototipos en condicións reais”, explican desde o grupo CIMA. 

Preto de 40 persoas participaron ata este momento no proxecto, que aseguran os seus promotores “permitirá a partir de 2021 ofrecer solucións personalizadas, desenvolvidas a partir do proxecto. Hai que lembrar que a Comisión Europea considera a acuicultura un sector cun elevado potencial para a xeración de crecemento e emprego sostible, mentres o Programa Marco Europeo H2020 establece no seu programa de retos sociais como un eixo prioritario a mellora da investigación mariña e marítima”, argumentan os promotores do proxecto.