DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 12º Festival Internacional de Teatro de Ourense terá lugar do 23 ao 27 de outubro

Seis obras, cinco días de representacións e unha edición “de supervivencia”

O campus participa no seu patrocinio e acollendo un dos espectáculos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 10/10/2019

Seis obras de teatro, cinco días de representacións e unha edición “de supervivencia”. Así se presentou este xoves no Teatro Principal de Ourense o 12º Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). O certame volve á programación cultural da cidade do 23 ao 27 de outubro contando nesta ocasión co apoio económico do campus de Ourense, da Deputación e de Agadic.

O impacto da redución de orzamento

Na presentación da cita, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, salientou como “a Universidade é unha institución comprometida coa cultura” e como para “o campus de Ourense é importante participar na activa vida cultural da cidade de Ourense”. Sobre esta nova edición do Fito, a vicerreitora subliñou que “é importante que todas as institucións públicas confíen nestas actividades e para nós é importante colaborar con elas”. Do mesmo xeito, Olga Mojón, directora do Teatro Principal, tamén quixo “agradecer que un proxecto cultural tan importante se manteña xunto con outras citas anuais nas que tamén se traballa en colaboración”.

Sabela Gago, directora do festival desde a compañía organizadora, Sarabela Teatro, salientou como o FITO se presenta este ano cunha “programación fiel á das anteriores edicións e coa vontade de servizo á cidade de Ourense”. Gago reivindicou como “o teatro é un vehículo que nos ensina quen fomos e cara onde imos” ao mesmo tempo que “dinamiza a cidade e dá emprego a moitas persoas”. “Queremos, cremos e soñamos co teatro nestes tempos nos que querer, crer e soñar estase volvendo cada vez máis complexo”, afirmou a directora do certame. Sabela Gago explicou como nesta edición o festival ve reducido nun 68% o seu orzamento ao non contar coa axuda do Concello de Ourense e ver reducida a achega de Agadic, pasando de 89.824 euros o ano pasado a 30.000 euros nesta edición, 20.000 deles achegados pola Deputación, 8000 por Agadic e 2000 pola Universidade de Vigo.

“Esta é unha edición de resistencia” que se leva a cabo “con vontade de que non se perda unha edición, xa que retomalo despois é máis difícil”, salientou a directora do FITO. Esta redución de orzamento, indicou Gago, tradúcese na redución de número de espectáculos e días de actuacións, pasando de 16 funcións en dez días o ano pasado a seis funcións en cinco días este ano. Porén, recalcou, neste contexto “os espectáculos son de gran calidade e non perdemos para nada os criterios de selección que tivemos desde a primeira edición”. Tampouco mingua, indicou Sabela Gago, o compromiso do certame coa igualdade a pesar de ter que eliminar da súa programación o encontro de mulleres creando que se celebraba. Así, a directora do festival indicou como dos seis espectáculos que se poderán ver no certame a metade están dirixidos por mulleres, catro teñen autoría feminina e o 70% do elenco son mulleres.

A programación

A programación desta edición do FITO arrancará o día 23 de outubro no Teatro Principal, ás 20.00 h, coa representación La voz dormida, de Euroscena (Salvador Collado), compañía procedente de Madrid. A obra, explican os seus responsables, nace da man da escritora española Dulce Chacón e ambiéntase na posguerra española, concretamente “nun grupo de mulleres apresadas na madrileña prisión de Ventas que enarbora a bandeira da dignidade e o coraxe, como única arma posible para enfrontarse á humillación, a tortura e a morte”. O día seguinte, no mesmo escenario e á mesma hora, será a quenda de La miel es más dulce que la sangre, da compañía colombiana L’Explose. Trátase, indican desde a compañía, dunha peza que se somerxe no universo de Lorca “para reunir ao autor e á súa obra nun mesmo plano da realidade”.

O terceiro día de festival, o día 25, a programación cambia de lugar e arrancará ás 19.00 h na rúa co espectáculo da compañía de circo-teatro Tresperté, de Andalucía, Oopart, e continuará ás 21.00 h no campus coa representación Chola a it girl, da nova compañía galega Artesa. Nesta última obra, “debido á repercusión mediática que Chola ten coa súa canle de Youtube é contratada por un teatro para realizar o seu primeiro titorial en directo, no que revelará en dez sinxelos pasos como converterse nunha verdadeira it girl rectificada: o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia”, explican os responsables da peza. O sábado e domingo a programación volverá ao Teatro Principal coa representación respectivamente de Hemos venido a darlo todo, do grupo galego Voadora, e Generación Why, de Teatro en Vilo. A primeira destas pezas é “un espectáculo con música en directo composta a partir dos sons que o home mandou ao espazo no 1977 nun disco de ouro” e a segunda achégase ás “esperanzas, ambicións e medos dunha xeración abrumada pola altura dos seus soños e expectativas”.