DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana ábrese a preinscrición nos cursos de extensión universitaria do campus

Seis opcións formativas para un ‘verán cósmico’

A educación emocional e a dislexia centran algunhas das novidades desta edición

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Ourense 14/05/2019

Co curso académico 2018/2019 entrando na súa recta final, comeza a oferta de opcións formativas para aproveitar o tempo libre dos meses do verán. Entre elas, a Vicerreitoría do campus de Ourense abre esta semana a preinscrición na súa programación de cursos de extensión universitaria. Nesta edición, que leva por lema Verán cósmico, son seis as propostas dispoñibles, entre as que se inclúen novidades centradas na educación emocional, a dislexia e a lingua de signos.

As actividades, que contan con financiamento da Deputación de Ourense, desenvolveranse nos meses de xuño, xullo e setembro, oscilando as súas prazas entre as 25 e as 65 e o número de horas entre as 30 e as 60. Por cada 30 horas de formación, as persoas matriculadas poden obter un crédito ECTS. Os prezos tamén varían en función do tipo de curso e do tipo de público. Deste xeito, as taxas abranguen desde os 6,5 e 10 euros que teñen que pagar respectivamente membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela nun curso sobre lumes e recursos hídricos ata os 80 e 52 que respectivamente pagarían nun sobre a educación emocional infantil.

Tres novidades relacionadas coa educación

Tres dos cursos que se ofertan entran por primeira vez na programación de extensión universitaria e os tres están dirixidos por Alexo Breogán Rioboo e desenvolveranse na Facultade de Ciencias da Educación do campus. O primeiro deles é o de Iniciación á lingua de signos española, á comunidade e cultura xorda e impartirase do 3 ao 14 de xuño. Os seus obxectivos son dar a coñecer esta lingua, promover unha educación de calidade ao alumnado xordo e pór en valor esta comunidade, a súa cultura e a súa lingua. A segunda das formacións é Aplicacións socioeducativas: educación emocional e psicografoloxía infantil e será impartida do 15 ao 31 de xullo. Nela preténdese traballar coas persoas matriculadas a educación emocional, axudarlles a identificar as emocións e servir de guía na súa xestión, ademais de achegarse á análise grafolóxica e o seu interese no ámbito socioeducativo.

Por último, do 2 ao 6 de setembro terá lugar Abordaxe socioeducativa da dislexia. A iniciativa quere achegar o concepto de dislexia á comunidade socioeducativa, axudar a comprender as manifestacións e necesidades derivadas dela, tanto sociais como educativas, e espertar conciencia sobre a importancia da observación na intervención preventiva nas dificultades de aprendizaxe.

Tres opcións xa consolidadas

Aínda que con modificacións sobre as edicións anteriores, a programación deste ano inclúe cursos xa consolidados na programación de extensión universitaria do campus de Ourense. Así, o Curso de medios audiovisuais de celanova volverá a celebrarse, nesta ocasión levando por título Novas fronteiras do audiovisual galego. Talento, industria e internacionalización. Dirixido por Miguel A. Fernández e contando unha vez máis coa colaboración da Fundación Carlos Casares, a iniciativa terá lugar do 9 ao 12 de xullo no Auditorio Municipal de Celanova. Seguindo a dinámica de anos anteriores, ademais de reunir a axentes do sector, a cita contará coa participación de alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra, que gravará unha produción audiovisual durante a celebración do curso.

Outros dos cursos tradicionais desta programación é o que se celebra no Concello de Muíños baixo a dirección do profesorado da Facultade de Ciencias Francisco Javier Rodríguez e Mª Carmen Seijo. Nesta ocasión, a temática elixida é Os lumes forestais e a súa repercusión nos recursos hídricos, tendo lugar a formación do 5 ao 7 de xuño. Nela tratarase de avaliar desde un punto de vista científico a importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade, a loita contra os lumes e a salvagarda dos recursos hídricos cara un futuro de desenvolvemento sostible da sociedade.  

Por último, tamén repite na programación o curso de Turismo do viño, da cervexa e da sidra en Galicia. Dirixida por José Antonio Fraiz e Noelia Araújo desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, a formación, que se terá lugar do 5 ao 13 de setembro, pretende vincular o turismo con sectores de produción artesanal en auxe e na súa programación incluirá unha visita a un negocio de cervexa artesanal.