DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estableceranse de novo unha vez finalizado o estado de alarma

Suspéndense os prazos de inscrición nas probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Quedan tamén en suspenso as datas de celebración

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/03/2020

O estado de alarma e as medidas decretadas polas diferentes institucións co propósito de evitar a propagación da COVID-19 motivan a suspensión dos prazos de inscrición nas probas de aptitude para o acceso ao grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así como das datas de celebración inicialmente previstas. Dirixidas a garantir que os alumnos e alumnas posúen habilidades suficientes para cursar con aproveitamento a titulación que se imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o prazo de inscrición nestas probas físicas permanecía aberto desde o pasado 5 de marzo e estaba previsto que concluíse o 22 de abril. Segundo informou o decano, Vicente Romo, a situación provocada polo coronavirus motiva que “os prazos de entrega de documentación para a solicitudes de inscrición queden en suspenso”, de tal xeito que fixarase “unha nova data final de entrega unha vez finalizado o estado de alarma”.

Na convocatoria destas probas fixábanse o 22 de maio e o 18 de xuño  como os días da celebración das dúas convocatorias destas probas, datas que tamén quedan en suspenso ata o fin do estado de alarma, que será cando se fixen as novas datas para a súa realización.

Un requisito previo ao acceso á titulación

Coordinadas pola profesora Águeda Gutiérrez, estas probas teñen, explica, o obxectivo “de garantir esas aptitudes mínimas de condición física para poder levar a cabo con solvencia as materias prácticas que terán ao longo da carreira”. Trátase nese senso, dunhas probas “moi accesibles para calquera persoa cun mínimo de condición física”, nas que as e os aspirantes deberán superar as marcas mínimas fixadas nos exercicios de adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica, forza explosiva en membros superiores e resistencia aeróbica. Segundo recolle o seu regulamento, o alumnado deberá obter a condición de apto en seis dos sete exercicios, incluíndo o de adaptación ao medio acuático, de carácter obrigatorio.

Estas probas de aptitude constitúen un requisito previo para poder acceder á titulación, non obstante, serán as cualificacións da ABAU e o expediente académico as que determinen finalmente a matrícula no grao. Segundo recolle a convocatoria, están exentos de realizar estas probas aqueles que as superasen no ano natural anterior ou que obtivesen a cualificación de apto noutra universidade española. Tampouco están obrigados a realizalas aqueles e aquelas que estean acreditados como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consejo Superior de Deportes ou polo organismo competente da súa comunidade autónoma.