DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala Alterarte acolle unha mostra da artista Mónica Alonso

Todxs somos únicxs

Nela afonda na percepción cromática do alumnado do campus

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
DUVI Ourense 06/03/2020

Desde este venres e ata o 1 de maio, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Todxs somos únicxs, realizada pola artista Mónica Alonso e comisariada por Miguel Anxo Rodríguez. A exposición é o resultado dunha investigación desenvolvida pola creadora sobre a percepción cromática do alumnado do campus de Ourense.

Na inauguración da mostra, Xosé Manuel Buxán, director da sala, salientou como a exposición “é un proxecto moi querido pola artista e polo seu curador e moi traballado” xa que, dixo, é froito de máis dun ano de dedicación. Ana Mª Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, subliñou pola súa banda “o traballo colectivo” e o “canto á diversidade e a singularidade” que recolle esta mostra. Xa o seu comisario, Miguel Anxo Rodríguez destacou na inauguración como Todxs somos únicxs “é un proxecto artístico, de indagación, fantástico, no que os estudantes pensan sobre as cores e que logo ten unha plasmación plástica que implica moitísimo traballo”.

Cores e percepcións

A artista, indicou na presentación, leva moitos anos traballando na percepción espacial e cromática en distintos grupos culturais e sociais. Na exposición inaugurada este venres, explicou, buscou relacionar conceptos con cores e establecer así cales son as cores coas que identifican as e os estudantes unha serie de ideas, como felicidade, infelicidade, amor, odio, saúde, enfermidade, éxito, fracaso ou diñeiro. “Dende o principio esta exposición buscou implicar ao alumnado do campus, obter información e dar a oportunidade de que expresasen as súas preocupacións”, indica a artista na presentación que se pode ler na propia exposición.

Para obter esta información, a creadora deseñou un cuestionario específico que trasladou a alumnado do campus coa colaboración de varios profesores e profesoras. Nel, ademais de cuestións relacionadas coa percepción cromática pedía ao alumnado que se definise a si mesmo e que describise o seu "cuarto de estudante". O cuestionario aplicouse a 191 estudantes de grao (84 mulleres e 107 homes), elixidos aleatoriamente nas titulacións de Xeografía e Historia, Educación Primaria, Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Aeroespacial, Enxeñaría Informática e Ciencias Ambientais. O cuestionario incluía tamén a opción de seguir a traballar coa creadora a través do correo electrónico, opción que escolleron 28 alumnos e alumnas, cos que a creadora, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, contactou, respondendo afirmativamente un total de 21. A artista fixo unha interpretación dos 21 cuestionarios, á que responderon once deles, que foron os que completaron o proxecto. “As obras que forman parte desta exposición son a interpretación do cuestionario”, detalla a creadora.  

Entre as cinco pezas que recolle Todxs somos únicxs está a listaxe de respostas do alumnado á pregunta de en que cren que son únicos. “Pode parecer unha peza moi conceptual pero cando empezas a lela ten case un base máis poética”, indica a creadora sobre esa obra. Tamén inclúe a mostra unha serie de 40 debuxos feitos pola artista a partir da descrición que fan as e os estudantes no cuestionario de como é o seu cuarto de estudo. Outra peza que recolle a exposición é un panel coa cor cZ12, o Pantone 307 C, que “eu considerei que era a cor máis preferida unha vez feito o proxecto”, segundo indica Alonso. Outra das obras debulla varias interpretación cromáticas froito da interacción co alumnado e tres cadernos recollen toda a documentación do proxecto.