DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dereito e Ciencias Xurídicas e do Traballo acollen varias iniciativas sobre estas temáticas

Tres actividades para a reflexión sobre o dereito e as súas interseccións coa igualdade e a literatura

Están organizadas polo catedrático Pablo Raúl Bonorino

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 21/10/2019

Tres espazos para a reflexión sobre o dereito e sobre e as súas interseccións coa igualdade e a literatura. Esta é a proposta varias actividades que se están a celebrar nas facultades de Dereito e Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo. Trátase do Seminario de Dereito e Literatura, as xornadas Feminismo e Teoría do Dereito e o ciclo de conferencias Pensar o Dereito. As tres desenvólvense no campus de Ourense desde hai varios anos baixo a dirección do catedrático Pablo Raúl Bonorino e este curso dan o salto tamén ao campus de Vigo.

“Grazas ao apoio do profesor axudante doutor Xosé Manuel Pacho, a principal novidade da edición deste curso destas actividades é que todos os convidados e convidadas participan en actividades nos dous campus, replicando no campus de Vigo o que viñamos facendo no de Ourense”, comenta Pablo Raúl Bonorino. Ademais, todas as iniciativas se celebran no marco das accións de proxectos estatais nos que participa este catedrático de Filosofía do Dereito e co financiamento de varias áreas da Universidade de Vigo, concretamente a de Innovación Docente e a Unidade de Igualdade.  

Da innovación docente á reflexión

Desde o pasado 23 de setembro e ata o 12 de decembro, celébrase o IV Seminario de Dereito e Literatura. Estado, administración e novas tecnoloxías na narrativa contemporánea. Esta iniciativa, explica Bonorino, nace no marco do grupo de innovación educativa Innova Dereito, creado para fomentar o uso de ferramentas didácticas novidosas no ensino regrado, neste caso no eido xurídico e en relación coa literatura. “Este enfoque non é un enfoque demasiado desenvolvido en Europa, aínda que en Estados Unidos tivo moita forza e implantación”, comenta o catedrático. Segundo detalla o profesor do campus de Ourense, a relación dereito e literatura desenvólvese en diferentes ramas, escollendo neste caso a perspectiva de dereito como literatura, intentando facer analoxías entre, por exemplo, a metodoloxía xurídica e a literaria, vendo ata que punto a interpretación xurídica comparte características coa interpretación literaria. A actividade conta coa participación de J.M. Pérez Collados e Manuel Vial, da Universitat de Girona; J.A. Sendín, da Universidad de Salamanca, e J.A. García Amado, Concepción Gimeno, Pilar Gutiérrez e Marta Ordás, da Universidad de León. “Son algúns dos profesores e profesoras máis relevantes que están traballando este tema en España”, afirma o director académico da actividade.  

As xornadas Feminismo e Teoría do Dereito desenvólvense desde o 17 de outubro ao 15 de novembro, contando por terceiro ano co apoio da Unidade de Igualdade para a adopción de perspectivas de xénero na docencia. “As conferencias  realízanse no marco de materias de grao, aínda que están abertas á comunidade en xeral polo seu interese”, comenta Pablo Raúl Bonorino. O programa inclúe a participación de Paula Muniagurria, da Universidad Nacional de Mar del Plata, Arxentina, que realizou a súa tese de doutoramento sobre discurso xurídico e xénero; e de Antonia Durán e Marta León, ambas da Universidad de Salamanca e “xuristas que forman parte dunha rede de constitucionalistas feministas que opera en toda España”, segundo explica Bonorino. No caso destas xornadas, explica o seu director académico, a temática está axustada ás materias ás que se vinculan as intervencións, como son Teoría do Dereito ou Argumentación e Interpretación Xurídica, levando a perspectiva de xénero a estas áreas de interese. Como fío entre as diferentes conferencias, nos exemplos que se desenvolven en cada materia afóndase nunha temática concreta como é a legalización ou non da xestación por substitución, “que está xerando moitos debates na actualidade”, tal e como indica Bonorino.

Por último, o ciclo de conferencias Pensar o Dereito ten lugar desde o 23 de setembro ao 12 de decembro. “Esta é a actividade máis libre. Está centrada en diferentes conferencias aproveitando a visita de diferentes profesores e profesoras no marco dos proxectos que desenvolvemos e nas actividades antes citadas”, comenta Pablo Raúl Bonorino. A idea deste ciclo, detalla, “é dar espazo a unha reflexión máis libre, máis axustada ao perfil do profesor convidado, abordando cada un deles temáticas relacionadas cos seus campos de investigación”. O programa inclúe as intervencións de Eleonora Slavin e Paula Muniagurria, da Universidad Nacional de Mar del Plata; Pablo Slavin, do Instituto Carlos Nino, tamén de Arxentina; os xa citados J.A. Sendín, J.M. Pérez Collados, Manuel Vial, M.C. Gimeno e J.A. García Amado, da Universidad de León, e Victoria Iturralde, do País Vasco.