DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa formativo gratuíto 'e-destrezas' ofrece cursos de 3D e Matlab

Tres opcións para a formación dixital da comunidade universitaria en Ourense

As actividades teñen relación con titulacións que se imparten neste campus

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 08/10/2019

Facilitar o desenvolvemento e a mellora das competencias e habilidades dixitais da comunidade universitaria, en especial do colectivo de estudantes. Con este obxectivo, nos tres campus da Universidade de Vigo está en marcha o programa formativo gratuíto e-destrezas, impulsado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria xunto co Consello Social da Universidade de Vigo. Nesta iniciativa, o campus de Ourense participa con tres cursos gratuítos dirixidos aos membros da comunidade universitaria.

A iniciativa, explican os seus promotores, parte da idea de que a adquisición de competencias dixitais é unha necesidade e unha esixencia dos actuais sistemas de ensino universitario e ten o propósito de contribuír ao desenvolvemento de habilidades multidisciplinarias e de competencias no uso e no manexo de información. O catálogo de cursos ofertado, indica o director da Área de Extensión Universitaria, Ignacio Armesto, deseñouse en cooperación coas delegacións de alumnado dos centros, apuntando como neste proceso foron especialmente activas no caso do campus de Ourense as delegacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Do deseño ao cálculo

As tres actividades ofertadas en Ourense son Fundamentos de deseño 3D na nube con Onshape, Iniciación práctica á impresión 3D e Fundamentos e principios de cálculo científico con Matlab. O primeiro dos cursos, que se imparte os martes pola tarde desde principios de outubro e ata o 19 de novembro, quere “proporcionarlle ao alumnado os fundamentos de deseño 3D, de forma colaborativa e en tempo real na nube, mediante a ferramenta Onshape”. Nesta formación de 40 horas, indican desde a organización, abordaranse conceptos relacionados coa elaboración de esbozos, planos, ensamblaxes, etc. O segundo dos cursos é de iniciación práctica á impresión 3D e “pretende dotar ao alumnado dos coñecementos da tecnoloxía de impresión necesarios para deseñar e fabricar as súas propias pezas en 3D”. Tamén, engaden desde a organización, se ensinará a montar unha impresora 3D desde cero e recoñecer os elementos que a compoñen, ademais de permitir identificar os problemas habituais de funcionamento e como corrixilos. Esta actividade, de 30 horas de duración, tamén se impartirá os martes pola tarde desde o 5 de novembro ao 10 de decembro. “Ests dous cursos teñen un forte vínculo, pois co primeiro pódense deseñar obxectos e co segundo pódese aprender a fabricalos nunha impresora 3D”, explica Ignacio Armesto. 

Por último, a programación de e-destrezas contempla no campus de Ourense o curso Fundamentos e principios de cálculo científico con Matlab, que pretende “familiarizar ao alumnado no uso do software científico Matlab e o seu ámbito traballo”. Así, detallan, traballaranse, entre outros, conceptos relativos á contorna de usuario, comandos, variables, vectores, matrices, gráficos, arquivos, scripts e funcións. Neste caso a actividade, de 24 horasde duración, desenvolverase do 5 de febreiro ao 4 de marzo coa colaboración de Mathworks.