DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o título ‘Que facemos’ e elaborados pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación

A Universidade lanza unha serie de vídeos para divulgar o labor dos grupos de investigación

Este venres estreouse a primeira peza, centrada no Laboratorio de Neurociencia

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 20/09/2019

Vídeos para difundir as actividades que realiza a comunidade investigadora da Universidade de Vigo, explicando como os seus avances impactan na diaria das e dos cidadáns. Así describe a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) a serie Que facemos?, pequenas pezas audiovisuais que se van difundir a través das redes sociais e que forman parte do seu plan anual de actividades Unha Cuestión de Ciencia.

O obxectivo desta iniciativa é, segundo explican, achegar á sociedade o labor dos grupos de investigación da Universidade de Vigo para que o público en xeral coñeza o impacto do seu traballo en diferentes aspectos do seu día a día e para que a propia comunidade universitaria vaia compartindo o que se está facendo nas diferentes áreas de coñecemento.

Pioneiros no estudo da farmacoloxía con neuronas en cultivo

A serie estreouse este venres cun vídeo sobre o Laboratorio de Neurociencia, coordinado polo profesor José Antonio Lamas, que é o encargado de ir explicando como realizan a súa investigación e como esta ten aplicación na vida diaria de todas e todos. Grazas ao traballo desenvolvido é posible explicar como afectan ás neuronas determinados medicamentos e, polo tanto, permítelle a un médico ou médica explicar aos pacientes como inciden ditos fármacos nas súas patoloxías.

Trátase dun grupo pioneiro en Galicia, porque, en palabras de Lamas,  “agora mesmo somos os únicos que estamos a utilizar o Patch Clamp, unha variedade da técnica electrofisiolóxica, que permite estudar a farmacoloxía en neuronas en cultivo”, ao que engade que a súa parte da investigación está dirixida directamente ao estudo de como funcionan as neuronas de xeito individual. En concreto, aclara que “unha neurona é como unha pequena pila, que ten unha diferenza de potencial entre o interior e o exterior desa célula, e eses cambios de potencial realmente son os que fan que as neuronas poidan xerar mensaxes. En moitas das enfermidades que coñecemos do sistema nervioso central, ese proceso está danado dalgún modo”.

Coincidindo coa véspera do Día Mundial do Alzhéimer

No Laboratorio de Neurociencia o que se fai é, segundo insisten os seus integrantes, observar a reacción das neuronas tras estimulalas cun eléctrodo para adquirir o sinal eléctrico que esa célula está a xerar en cada momento.  José Antonio Lamas explica no vídeo que “en ocasións, o que facemos é aplicar drogas, fármacos, toxinas, antagonistas, agonistas... a esas neuronas, e podemos ver cal é o cambio que se produce na súa actividade eléctrica”. Deste xeito, poden describir a interacción desas sustancias coas neuronas e explicar o que sucede cando entran en contacto.

Segundo José Antonio Lamas, “este traballo é fundamental para o desenvolvemento de novos fármacos, tanto que se poden usar no tratamento do alzhéimer como en calquera outra enfermidade neurodexenerativa”. Precisamente, a estrea da peza audiovisual coincide co día previo á conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer (21 de setembro) debido a esa vinculación que existe entre a investigación realizada polo Laboratorio de Neurociencia e esta patoloxía.