DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor fixo, no Claustro, un firme rexeitamento á universidade privada de Abanca

A UVigo incrementa o seu orzamento ata os 194,9 millóns de euros, o maior da súa historia

Grazas aos fondos do programa Horizonte 2020 e ao éxito na convocatoria de infraestruturas de I+D

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 17/12/2019

A Universidade de Vigo terá en 2020 o maior orzamento da súa historia, con 194.995.837 €. Esta é a cifra presentada este martes polo vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno na derradeira sesión do Claustro deste 2019. A contía, ademais dun teito histórico, supón un incremento do 6,83% respecto do exercicio anterior, que segundo o vicerreitor responde principalmente “ao incremento das axudas finalistas conseguidas no programa marco H2020 da Unión Europea e ao éxito nas convocatorias competitivas de infraestruturas de investigación e as de eficiencia enerxética”. No que se refire á distribución do gasto, a partida de persoal continúa a ser a maior, representando máis da metade do total, cun importe estimado para 2020 de preto de 113 millóns de €, case catro millóns ca en 2019.

Nesta sesión do Claustro, o reitor Manuel Reigosa tamén presentou o informe anual de 2019, no que dedicou especial atención a explicar a posición defendida da UVigo con respecto á implantación en Galicia da universidade privada promovida por Abanca, unha proposta que no último Consello Galego de Universidades recibiu o informe favorable deste organismo con 11 votos a favor e 8 en contra, “os dos tres reitores e xerentes das universidades galegas, cuxa posición foi unánime, máis dous membros elixidos polo Parlamento, que se sumaron ás nosas voces indicando que unha universidade privada tiña que cumprir estritamente a legalidade, e que a oferta que fai esta universidade privada está a saltar os requirimentos que se lle están a esixir aos centros públicos para a implantación de titulacións”. Neste sentido, Reigosa fixo fincapé en que a proposta de titulacións de Abanca non complementa nin mellora a oferta universitaria, incluíndo graos como o de Administración e Dirección de Empresas “titulación multirrepetida nos campus galegos”, así como outras propostas “que aínda non se sabe moi ben en que van consistir nin que profesorado van ter”. 

A proposta, con todo, recibiu o visto bo do CGU con 11 votos favorables, tres deles correspondentes aos presidentes dos consellos sociais das tres universidades galegas. Neste sentido, Emilio Fernández, representante de Ideas que Suman, censurou a actuación do presidente do Consello Social, “que debería defender a institución á que en principio serve e non outro tipo de intereses”. Fernández tamén solicitou a inclusión na orde do día do seguinte Claustro dun punto específico sobre este tema “para que así cando teña que defender a posición da Universidade de Vigo sobre este tema ante calquera foro conte, ademais de coa fortaleza do seu propio equipo de goberno, tamén co aval do Claustro”. A reitor amosouse de acordo con esta proposta e tamén avanzou a súa intención de que o Consello Social da Universidade referende un documento de defensa da universidade pública, pois “é importante que a cidadanía saiba o que fai esta institución pola sociedade, que é o seu fundamento e fai que a sociedade progrese, sexa máis xusta e máis próspera”. 

A orde do día tamén incluíu a aprobación do cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, que pasa a chamarse Facultade de Educación e Traballo Social. Adiouse para a próxima sesión o debate e aprobación do Regulamento da Valedora Universitaria e do Regulamento de Inspección, co obxectivo de atender as suxestións, cambios e concrecións en ambos textos demandados por varios membros do Claustro.

O 58% do total do orzamento, en gasto en persoal 

Analizando os case 195 millóns de euros que o equipo de goberno prevé como orzamento para 2020, no que se refire aos ingresos, destaca un considerable incremento das transferencias de capital (32,37 %), debido ao maior éxito na captación de fondos alleos. No mesmo sentido, a variación de activos financeiros (27,17%) vén derivada do desfase entre ingresos e gastos da financiación afectada. O documento presentado ao Claustro tamén menciona o descenso dos ingresos patrimoniais (-11,46 %), consecuencia dos baixos tipos de interese.

No que se refire ao gasto previsto, mantéñense criterios de previsión racionais, “marcado pola xestión eficiente dos recursos ordinarios, garantindo a capacidade de funcionamento para o noso nivel de gasto, e potenciando o gasto no capítulo de persoal asociado as novas políticas e garantindo a suba salarial”. De feito, o capítulo I, de gastos de persoal, segue a ser a principal partida, representando o 57,95 % do total do orzamento cun importe de 112.996.556 €. Esta cantidade é superior á orzamentada no 2019, que foi 109.126.119 € debido ao incremento salarial que pode acadar o 2,2 % reflectido nos orzamentos do Estado para o exercicio 2020, á redución de horas docentes e ás ofertas de emprego público 2020. O capítulo correspondente aos investimentos reais acada unha contía de 41.883.124€ (a segunda partida en importancia), cun incremento de 17,62 % sobre 2019, representando o 21,48 % do orzamento, un incremento que se explica polo grande éxito na consecución de fondos finalistas destinados a infraestruturas de investigación e de eficiencia enerxética. Os gastos correntes representan a terceira maior partida e supoñen o 16% do gasto total.

Porén, o capítulo de gasto financeiro tamén experimenta un grande incremento debido aos maiores gastos derivados da contratación de novos avais para que a Universidade poida presentarse a licitacións públicas e debido á devolución de axudas non executadas de exercicios precedentes que implican intereses de demora co organismo financiador. 

Estabilización e promoción do persoal

O documento presentado polo equipo de goberno fai fincapé en que as liñas de actuación están deseñadas coa vista posta máis aló do 2020, xa que o obxectivo é construír “unha universidade de futuro adaptada á nova realidade social que atinxa as máximas cotas de calidade formadora, investigadora e de transferencia”. E todo nun contexto que, aínda que marcado pola globalización e as novas tecnoloxías, ten que ter ás “persoas que forman a comunidade universitaria en primeiro plano”. Neste sentido, as políticas relacionadas co PDI e o PAS conforman un dos principais compromisos do goberno universitario. Os orzamentos contemplan “avanzar progresivamente na recuperación do poder adquisitivo do PDI, o que suporá cumprir co obxectivo de aboar as pagas extras íntegras ao PDI no ano 2022”. Tamén continuará a aposta pola promoción e estabilización do PDI, “volvendo a utilizar as Ofertas de Emprego Público para sacar a concurso o máximo de prazas de funcionarios dos Corpos Docentes que permite a taxa de reposición fixada pola lei de orzamentos do Estado (108%)”, creando o máximo de prazas de Catedrática/o e promovendo a promoción a figuras estables de todo o profesorado Axudante Doutor. Tamén se contempla facer un esforzo para rematar a plan de promoción do profesorado asociado e seguirase apostan pola captación e retención de talento. No que se refire ao PAS, seguirase a traballar na revisión e reorganización das relacións de postos de traballo (RPT), na redución das cotas de temporalidade, situando á UVigo por debaixo o 8% que especifica a lexislación e continuarase, entre outras medidas, co proceso de funcionarización do PAS laboral.

O terceiro dos piares da Universidade é o estudantado e, neste eido, tratarase de elaborar e actualizar normativas como o regulamento de Estudantes, o de avaliación e cualificación, o de prácticas externas e o de recoñecemento de créditos. Outras das medidas que se abordarán pasan por mellorar a inserción do alumnado de novo ingreso na institución, elaborar unha guía de saída profesionais, potenciar as diferentes convocatorias de axudas, bolsas e premios en diferentes eidos e fomentar o emprendemento coa posta en marcha de espazos de co-traballo ou unha rede de antigo alumnado. Seguirase a traballar tamén na captación de alumnado a través de diferentes feitas, xornadas e programas de colaboración co institutos, así como nos programas STEMBach e Inspira STEAM.

O fomento da internacionalización será outro foto importante de traballo, apostando pola potenciación e descentralización da ORI, a creación dun Welcome Center ou a visibilización da Oficina da UVigo en Bruxelas. Tamén se creará un programa de persoas embaixadoras e axentes antena na Universidade no exterior ao tempo que se porá en marcha un plan piloto para materias con reforzo de portugués e francés.

No que se refire ao eido académico, en 2020 comezarase a traballar na elaboración da proposta dun novo grao no ámbito das Humanidades para substituír o actual Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, e a elaboración das propostas dos novos graos acadados no antedito acordo: Relacións Internacionais e Tecnoloxías da Automoción. Abordarase tamén a posta en marcha para o curso 2020/21 dos mestrados de Visión por Computador, Nanociencia e Tecnoloxía ou Enxeñaría Aeronáutica.

Atendendo ao eido da I+D, os principais obxectivos para 2020 agrúpanse en tres liñas de traballo: as políticas de agregación e especialización dos centros, agrupacións e campus, a posta en marcha da OPI, Oficina de Proxectos Internacionais, e os programas de axudas na produción científica. No que se refire á transferencia, as liñas de actuación orzamentaria contempla un fondo de protección e valorización dos resultados da I+D+i e o apoio á creación de EBTs, así como a creación dun programa de teses de doutoramento industriais, que permitirá establecer fortes lazos de unión co tecido empresarial.

No que se refire ás infraestruturas, destaca a finalización prevista para o mes de abril do edificio institucional do Berbés que impulsará a presenza da Universidade na cidade e axudará a promover a investigación e os intercambios e sinerxías co tecido empresarial, cultural e social de Vigo. Unha vez finalizadas as obras licitarase o equipamento do edificio. Outra liña destacada de actuación implicará importantes actuacións de eficiencia enerxética nos edificios dos tres campus apostando pola xeotermia, a Enerxía fotovoltaica ou a biomasa, así como melloras en illamentos e iluminación.

No eido da responsabilidade social está previsto completar un estudo sobre a viabilidade dunha escola infantil no campus de Vigo, a constitución dun comité de ética, fomentar a educación afectivo-sexual, un plan de atención a estudantes con altas capacidades, un plan de atención á dependencia ou a mellora da accesibilidade nos tres campus. Ademais, este próximo ano será tamén o da celebración do 30 aniversario da Universidade de Vigo e seguirase apostando tamén por actividades que fomenten a igualdade, a perspectiva de xénero, a conciliación e a corresponsabilidade.

Facendo balance de 2019

A presentación do informe anual do reitor, serviu tamén para que Reigosa resumise os principais logros acadados ao longo de 2019 en diferentes áreas. Con respecto ao tema da matrícula o reitor sacou peito dos bos resultados acadados nos datos de novo ingreso en titulacións de grao, acadándose un 98% de ocupación, e alcanzándose a cifra total de 19.521persoas matriculadas: 10.816 (55,40%) en Vigo; 4683 (23,98%) en Ourense e 4022 (20,60%) en Pontevedra.

Nos datos relativos a transferencia o reitor salientou que este ano se asinaron máis de 600 contratos de I+D por valor de case 6 millóns de euros. A maiores Reigosa explicou que se solicitaron 10 novas patentes (cinco nacionais e cinco europeas/internacionais), se rexistraron catro programas de ordenador froito de programas da I+D, asináronse nove contratos licenza, 14 acordos de transferencia de material e 28 acordos de confindencialidade baseados en patentes, software e Know-how. A maiores creáronse catro novas spin-off e titorizáronse sete iniciativas de grupos de investigadores promotores.

Reigosa  tamén explicou ante o Clasutro que este ano se lograron en convocatorias competitivas máis de 60 proxectos de investigación por un importe de 17,8 millóns de euros e se acadaron preto de tres millóns en axudas para infraestruturas, incluíndo tanto financiamento Feder como do ministerio.

Con respecto ás titulacións o reitor destacou o mantemento das catro titulacións que estaban cuestionadas pola Xunta –Ciencias da Linguaxe, Dirección e Xestión Pública, Enxeñaría Agraria e Enxeñaría Forestal- e o acordo acadado dentro do SUG promovido pola UVigo para pór en marcha un novo grao dual no ámbito da automoción, un novo grao interuniversitario en Relacións Internacionais e a posibilidade dun novo dobre grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Mecánica. Ademais lembrou as dificultades para a posta en marcha do Grao en Deseño e Creación.

En termos de profesorado, o reitor lembrou que se fixo o primeiro POD con 280 horas de dedicación máxima e que está en execución a Oferta Pública de Emprego de 2018 e xa está aprobada a de 2019. “En ambos casos creáronse o número máximo de prazas posibles pensando nesa promesa que temos de baleirar o antes posible as chamadas bolsas de acreditados”, recalcou Reigosa. En concreto, en titularidades sumando as dúas OPEs son 44 novas prazas de profesor/a titular, 47 novas cátedras e, no referente á estabilización de investigadores sacáronse 9 prazas. Ademais, no plan de promoción do profesorado asociado acreditado convocáronse 8 prazas de axudantes doutor.