DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa proxección de dez das súas longametraxes entre setembro e decembro

A Vicerreitoría dedica un ciclo de cinema ao director Joseph L. Mankiewicz

O monográfico arrinca este venres coa proxección de ‘O americano tranquilo’

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/09/2019

Neste 2019 conmemorase o 110 aniversario do nacemento de Joseph Leo Mankiewicz, “unha figura senlleira dentro do cinema clásico estadounidense, que reunía as tarefas de director de escena, realizador e guionista”, como lembra o programador Suso Novás. Co propósito de homenaxear e reivindicar a súa figura, a Vicerreitoría do campus dedica o habitual ciclo de cinema do primeiro cuadrimestre a este realizador norteamericano. Dez proxeccións e un relatorio, que terán lugar os venres ás 19.00 horas na sede da Vicerreitoría, integran a programación dun ciclo que leva por nome JLM e que arrinca este venres coa proxección de O americano tranquilo.

A través da selección de filmes de diferentes xéneros e épocas o ciclo buscará trazar “unha especie de visión panorámica sobre a obra e a maneira de entender o cine” dun director que Novás destaca “como un mestre nas estruturas narrativas, que se mantivo traballando a un nivel moi alto” durante máis de dúas décadas. De feito, con ese propósito de “bocexar a súa traxectoria” e abordar unha obra cinematográfica que reflexionaba “sobre a representación, o rol do personaxe como intérprete, a dualidade...”, reúnense neste ciclo unha serie de películas “que non son tan coñecidas” como títulos como All about Eve ou Cleopatra, “pero que representan moi ben a súa concepción do cinema”, apunta o coordinador do ciclo. 

Dez filmes estreados entre 1946 e 1970

Con entrada libre ata completar aforo e proxeccións en versión orixinal subtituladas, complementadas por unha presentación e o posterior coloquio, o ciclo arrinca este venres 13 coa proxección de O americano tranquilo (1958), película baseada nunha novela de Graham Greene. O 27 deste mes proxectarase a “comedia sobre a sociedade” O mundo de George Apley (1947), mentres que outubro arrincará, o venres 4, coa exhibición de Julio César (1953), “un dos grandes traballos de Mankiewicz, no que amosa directamente o seu amor polo teatro”. Á semana seguinte, o venres 11, poderá verse o “drama familiar” Odio entre irmáns (1949), mentres que o 18 proxectarase Murmurios na cidade (1951), unha comedia dramática que propón “unha pseudolectura sobre a caza de bruxas” que por aquel entón vivía o cinema estadounidense. Para pechar outubro, Novás ofrecerá o día 25 o relatorio Imaxe vs representación, no que porá o foco nos “grandes temas” do cinema de Mankiewicz.

Xa en novembro, a Casa das Campás acollerá o venres 8 a proxección da película sobre espionaxe Operación Cicerón (1952), mentres que o día 22 poderá verse Só na noite (1946), “un dos mellores thrillers sobre a amnesia da historia do cinema”, pechándose o mes con Carta a tres esposas (1949), “un dos cumios creativos do cinema de Mankiewicz”, destaca Novás. Por último, para decembro están programadas as proxeccións, o día 5, de Mulleres en Venecia (1967), filme que aborda a idea “da representación dentro da representación”, e, o venres 20, de O día dos tramposos (1970), comedia na que este cineasta “dálle unha volta ao xénero do western”.