DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras obter o permiso da Agencia Estatal de Seguridad Aérea-AESA

Vigo, primeira universidade española autorizada a realizar voos con drones en espazo aéreo controlado

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 11/10/2019

Vigo acaba de converterse na primeira universidade española autorizada a realizar voos con drones en espazo aéreo controlado. Así o acredita o permiso recibido da Agencia Estatal de Seguridad Aérea-AESA, dependente do Ministerio de Fomento, un certificado co que ata agora tan só contan oito empresas privadas. Esta autorización significa que a Unidade de Detección Remota do CACTI poderá voar aeronaves non tripuladas de ata 25 kg. dentro do espazo aéreo controlado, é dicir dentro dun radio de 8 km dun aeroporto, pero sempre fóra da contorna aeroportuaria. 

Segundo explica Ramiro Álvarez, técnico responsable da Unidade de Detección Remota, de agora en diante poderanse realizar voos neste espazo aéreo controlado “para actividades aéreas profesionais de investigación e desenvolvemento, fotografía e levantamentos aéreos (topográficos, fotogrametría, etc.) e investigación e recoñecemento instrumental en espazo aéreo controlado”. De feito, engade, “ata agora non podíamos voar nas praias de Vigo, sobre a ría de Vigo ou en Mos, xa que están dentro da área de 8 km de espazo aéreo controlado respecto a Peinador” pero con esta autorización, o persoal investigador poderá solicitar voos nestas zonas para os seus estudos e tamén no espazo aéreo controlado doutros aeroportos, como os de A Coruña, Sabadell, Jerez, Valencia, Sevilla, Ibiza, Alicante, etc.

Na súa opinión, o feito de ser a única universidade autorizada para realizar este tipo de voos supón unha “vantaxe á hora de realizar proxectos en lugares nos que outras universidades non poden”. Ademais, tanto as institucións académicas como empresas poden solicitar os servizos do CACTI para realizar este tipo de voos para os que non están acreditadas.

Pendentes do primeiro voo 

A Unidade de Detección Remota xa recibiu a primeira solicitude para a realización dun destes voos. Como explica Ramiro Álvarez , “xa hai unha empresa interesada en contratar ao CACTI para realizar un voo fotogramétrico sobre unha parcela moi próxima ao campus”. Se se confirma o acordo, engade o técnico, o seguinte paso será enviar ao aeroporto de Peinador a autorización de AESA cun mínimo de 20 días de antelación. Será o propio Álvarez o que pilote o drone da Universidade polo que, ademais do permiso da AESA, o propio técnico conta co título de piloto de vehículos aéreos non tripulados, unha radio para manter o contacto coa torre de control do aeroporto e un curso de radiofonista para pilotos remotos “para poder comunicarme na linguaxe aeronáutica con ditas torres de control”.