DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Maioritariamente proceden de Malaisia, pero tamén de India e Indonesia

Unha vintena de estudantes asiáticos arrancan en Vigo un curso intensivo de español

Chegaron titorizados polo programa Campus Spain e a formación prolongarase ata xullo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI 13/01/2020

Maioritariamente proceden de Malaisia, pero tamén de India e Indonesia. O campus de Vigo deulles este luns a benvida a un novo grupo de estudantes asiáticos que chegaron a Galicia titorizados polo programa Campus Spain, unha iniciativa que naceu en 2017 para promocionar España como destino educativo e guiar a estudantes internacionais interesados en completar os seus estudos en España. Permanecerán no campus de Vigo ata o vindeiro mes de xullo, onde realizarán no Centro de Linguas un curso intensivo de español que lles permitirá poder pórse ao día co idioma de cara ao curso que vén poder continuar os seus estudos universitarios nalgunha universidade española.

Este grupo de estudantes súmanse a outros 18 que chegaron ao campus de Vigo o pasado mes de outubro, neste caso procedentes de Malaisia, India, Indonesia, Xordania e Camboxa, estudantes que tamén están a realizar un curso de español no Centro de Linguas, neste caso de dez meses de duración. “Ao longo de todo o curso deseñamos para eles toda unha serie de actividades de carácter cultural e de orientación académica para que o vindeiro curso poidan matricularse nun grao ou un mestrado e desenvolver a súa actividade sen problemas”, explican desde Campus Spain, ao que engaden que “moitos dos alumnos que realizaron esta formación o curso pasado este ano están xa matriculados de xeito ordinario en diferentes graos e mestrados, tanto da UVigo como doutras universidades”.

A sala de xuntas do edificio Ernestina Otero acolleu o acto de benvida a este novo grupo de estudantes. A charla de benvida correu a cargo da técnica de Captación de Alumnado da Universidade de Vigo, Ana Caamaño, que os informou sobre os servizos, a oferta cultural, deportiva e de extensión universitaria da Universidade de Vigo. A maiores a charla contou tamén coa participación das docentes de español do Centro de Linguas e do propio persoal de Campus Spain, que os acompañaron nunha pequena visita guiada polo campus.