Orientacións da OMS verbo do actual brote de enfermidade por coronavirus (COVID-19) 

UVigo - Communication 27/02/2020

Información da Universidade de Vigo
 

25/06/2020

 

 

 

17/06/2020

 

 

12/06/2020

 

 

02/06/2020

 

 

01/06/2020

 

 

29/05/2020

 

 

27/05/2020

 

 

25/05/2020

 

 

19/05/2020

 

 

17/05/2020

 

 

15/05/2020

 

 

14/05/2020

 

 

13/05/2020

 

 

12/05/2020

 

 

11/05/2020

 

 

07/05/2020

 

 

06/05/2020

 

 

04/05/2020

 

 

30/04/2020

 

 

28/04/2020

 

 

27/04/2020

 

 

24/04/2020

 

 

22/04/2020

 

 

20/04/2020

 

 

19/04/2020

 

Unha vez realizada a consulta ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, enviámosvos a seguinte información sobre os desprazamentos do estudantado universitario para o seu coñecemento e cumprimento:

  1. Os desprazamentos desde as localidades dos centros universitarios nas que realizan os seus estudos e o regreso á súa residencia familiar considéranse autorizados, por canto se estiman incluídos dentro das excepcións previstas no artigo 7 do RD 463/2020, polo que se declarou o estado de alarma.
  2. No que respecta á posibilidade dunha nova viaxe do dito estudantado universitario ata a súa residencia académica para recoller materiais ou outros elementos persoais relacionados coa súa formación universitaria e de novo con retorno ao domicilio familiar, estímase que non están amparadas no artigo 7 do RD citado e, por tanto, na actual situación non están permitidas.

Consonte estas indicacións, xa non teñen validez os escritos remitidos ao estudantado pola Universidade de Vigo nos que se facía constar que se ía desprazar ata a súa residencia académica para recoller materiais ou outros elementos persoais relacionados coa súa formación.

 

15/04/2020

 

 

14/04/2020

 

 

13/04/2020

 

 

08/04/2020

 

 

07/04/2020

 

 

06/04/2020

 

 

05/04/2020

 

 

04/04/2020

 

 

01/04/2020

 

 

30/03/2020

 

 

Duración do coronavirus en aluminio, luvas, madeira, cristal e papel

29/03/2020

 

Unha vez transcorridos 14 días desde a suspensión da docencia presencial na Universidade de Vigo, o Comité de Seguimento da COVID-19 informa de que nese período se contabilizaron un total de seis casos na institución. Así, enténdese que os novos positivos non serán xa consecuencia da actividade na universidade. A partir de agora, estes consideraranse como de transmisión comunitaria.

 

27/03/2020

 

 

23/03/2020

 

Información de cant dura o coronavirus nos obxectos

 

Hoxe luns 23 de marzo reuniuse por medios telemáticos o Comité de Seguimento da COVID-19. 

Nesta cuarta xuntanza do comité, repásase o ‘Protocolo básico de actuación nas instalacións da Universidade de Vigo ante confirmación de casos pola COVID-19’ publicado o pasado 18 de marzo de 2020.

Establécese que a partir da vindeira semana a Universidade de Vigo deixará de informar dos casos positivos en membros da comunidade universitaria posto que o xoves 26 de marzo se cumprirán dúas semanas desde a suspensión da docencia presencial. Polo tanto, os casos que poidan xurdir a partir desa data xa non poderían ser contaxios ocasionados nas aulas ou nas sesións.

A data da entrega do material sanitario para ser distribuído nos hospitais ou nos centros onde sexa necesario para conter a expansión do coronavirus queda pendente de concretar con Sanidade. 

No caso de que cheguen á universidade pedidos de xel hidroalcohólico, doaránselles aos hospitais ou aos centros que nos indiquen as autoridades sanitarias.

Finalmente, decídese informar na web e nas redes sobre a supervivencia do virus en diferentes superficies.

 

 

21/03/2020

 

 

20/03/2020

 

 

18/03/2020

 

Neste apartado atoparás a información sobre os cambios no procedemento das prácticas externas debido á COVID-19. Esta información é válida tanto para o estudantado como para o resto de persoas e entidades implicadas na xestión das prácticas.
 

  1. Estou a facer as prácticas nun centro sanitario podo continuar co programa formativo? 

    Non. Ante da situación epidemiolóxica actual, co fin de garantir a protección de pacientes, profesionais sanitarios e estudantes, considérase necesario suspender as prácticas que se realizan en calquera centro sanitario, por parte do estudantado dos graos en Ciencias da Saúde ou doutras titulacións. 
     
  2. Se estou a facer as prácticas nunha empresa ou noutra institución colaboradora distinta a centros sanitarios, podo continuar co programa formativo? 

    Si, pero só baixo a modalidade de prácticas telemáticas. Todas as prácticas externas que teñan lugar dentro do territorio español e que esixan a presencialidade por parte do estudantado quedan suspendidas e será necesario formalizar esta suspensión temporal. Para iso é necesario que te poñas en contacto, ben coa persoa que coordina as prácticas no teu centro (no caso de prácticas curriculares), ben coa entidade xestora (a FUVI no caso das prácticas extracurriculares) para que te trasladen o procedemento que debes seguir. Para máis información, podes ver a pregunta «Como podo tramitar a suspensión das prácticas». 
     
  3. Dado que as prácticas presenciais se suspenderon, podo realizalas na modalidade telemática? 

    Si. A Universidade de Vigo, do mesmo xeito que outras universidades de España, contemplou a modalidade das prácticas telemáticas. Esta opción estará condicionada a que o teu proxecto formativo poida seguir realizándose de forma remota, a que a empresa onde realizas a práctica así o autorice e a que contes cos medios oportunos para poder levalas a cabo. Con todo, precisarase que, se a empresa e o/a estudante acordan adoptar as prácticas externas en modalidade telemática, te poñas en contacto ben coa persoa que coordina as prácticas no teu centro (no caso de prácticas curriculares), ben coa entidade xestora (a Fuvi no caso das prácticas extracurriculares) para que te trasladen o procedemento que debes seguir. Para máis información, podes ver pregunta «Como podo tramitar a modificación da modalidade das prácticas, se tanto eu como as persoas que me titorizan decidimos que estas sigan baixo a modalidade telemática». 
     
  4. Como podo tramitar a suspensión das miñas prácticas? 

    É importante que formalices a suspensión das prácticas presenciais que estabas a realizar. Para iso debes de poñerte en contacto, ben a coa persoa que coordina as prácticas no teu centro ou co túa titora ou titor académico (no caso das prácticas curriculares), ben coa entidade xestora (a Fuvi, no caso das prácticas extracurriculares) para que che indiquen o procedemento que debes seguir. Ademais terás que cubrir o seguinte formulario:

    Formulario de suspensión temporal das prácticas externas
     
  5. Como podo tramitar a modificación da modalidade das prácticas, se tanto eu como as persoas que me titorizan decidimos que estas sigan baixo a modalidade telemática? 

    É importante que formalices a nova situación. Se este é o teu caso, ponte en contacto, ben a coa persoa que coordina as prácticas no teu centro ou coa túa titora ou titor académico (no caso das prácticas curriculares), ben coa entidade xestora (a Fuvi, no caso das prácticas extracurriculares) para que che indiquen o procedemento que debes seguir. Tamén terás que cubrir o seguinte formulario:

    Formulario de adopción das prácticas externas en modalidade telemática
     
  6. Se as miñas prácticas se suspenderon temporalmente, poderei renovalas? 

    Sempre que exista un acordo entre a empresa ou a entidade colaboradora e o estudantado afectado, poderán continuarse as prácticas polo tempo restante. Con todo e á espera das instrucións precisas por parte do Goberno e/ou das propias institucións, esta posibilidade tamén implica que o estudantado siga matriculado na titulación e/ou na materia pola que se accedeu ás devanditas, no momento da reincorporación e polo tempo que reste para a súa realización. 
     
  7. Ao dicir que as prácticas se interrompen temporalmente, tamén se interrompe a súa remuneración? 

    Non hai instrucións precisas por parte do Goberno de como proceder, polo que a decisión sobre a continuidade da remuneración ao estudantado en prácticas recae na propia institución colaboradora.  
     
  8. A paralización da práctica implica a baixa na Seguridade Social? 

    Non hai instrucións precisas por parte do Goberno de como proceder. Con todo, ao tratarse dunha suspensión por causa maior, a recomendación da Universidade de Vigo é que as empresas e as entidades colaboradoras manteñan o alta na Seguridade Social do estudantado ao longo da segunda quincena do mes de marzo. En calquera caso, a decisión última sobre este punto tena a propia institución colaboradora. 
  9. Que ocorre se ías realizar prácticas extracurriculares para posteriormente solicitar o seu recoñecemento por una materia optativa da que estás matriculado e non puideches facelas?

    Neste caso debes cursar a dita materia. Se é do primeiro cuadrimestre, o exame realizarase en xullo e se é unha materia do segundo, terías dúas oportunidades de avaliación.

  10. E se teño algunha dúbida máis? 

    Se tes calquera pregunta, estaremos encatados de atenderte! E lembra que o máis importante agora é que vixíes o teu estado de saúde e cumpras cos protocolos establecidos polo Goberno e as autoridades competentes en cada comunidade.

     

Prácticas curriculares: emprego@uvigo.es

Prácticas extracurriculares: practicas@fundacionuvigo.es

Prácticas no estranxeiro: dir.ori@uvigo.es

​​​

 

17/03/2020


Hoxe notificáronse os dous primeiros casos confirmados de infección por coronavirus en membros da comunidade universitaria. 

Trátase dunha estudante do Grao en Dereito no campus de Ourense e un profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que imparte clase no campus de Vigo.

Para o resto da comunidade, servan estes dous primeiros casos para tomar conciencia da seriedade da situación. Para revertela, é imprescindible que nos quedemos na casa, agás nos casos realmente xustificados e tomando todas as precaucións aconselladas.
 

 

Neste momento estamos preparando, en coordinación cos equipos directivos e decanais dos centros, unha ferramenta que nos permitirá impartir as clases a través de Internet.

A dita ferramenta chámase Campus Remoto e en cada centro farase un xemelgo virtual dos espazos docentes.

Esta ferramenta estará preparada ao longo desta semana para que os centros poidan, de xeito experimental e voluntario, traballar durante a vindeira semana e, eventualmente, ata as vacacións de Semana Santa.

A valoración deste piloto permitiranos comprobar se é posible utilizar a plataforma nunha eventual prolongación do período de confinamento.

En canto a ferramenta estea operativa, avisarémosvos a través da web, das redes e o resto dos nosos medios e animámosvos a facer algunhas probas.

Ademais das salas operativas, cada centro disporá de catro salas virtuais de probas.

En todo caso, reiteramos a necesidade de que cada docente repense a organización das materias para que, a través do uso prioritario da plataforma Faitic, se poida aproveitar o tempo.

 

  • Manteñense todos os contratos laborais de obra/servizo con cargo aos proxectos e os celebrados ao abeiro do artigo 83 da LOU que estean vixentes.
  • De ser necesario, permitiranse celebrar novos contratos laborais con cargo aos proxectos ou ao abeiro do artigo 83 da LOU.
  • En breve, elaborarase un procedemento para que as prórrogas destes contratos ou os novos que se realicen se poidan efectuar de xeito telemático, e estableceranse as condicións, entre elas, se é necesario que o IP xustifique a necesidade desta contratatación e asine unha declaración responsable de que coñece as medidas de contención do contaxio establecidas no Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

O PDI deberá continuar o seu labor docente a distancia, sen acudir ao seu centro de traballo. No caso de que precise acudir porque teña que recoller material para levar a cabo o dito labor, deberá permanecer nas instalacións o menor tempo posible e estar en contacto co menor número de persoas. Este acceso deberá facerse preferentemente os días 17 e 18 de marzo.

Para acceder utilizarase a tarxeta universitaria, debidamente habilitada. Calquera incidencia deberá comunicarse ao centro de control do Servizo de Vixilancia por teléfono ao 618 873 387. Na saída deberá comprobar que a porta queda pechada.

O persoal que non dispoña de tarxeta de acceso, chamará previamente ao centro de control do Servizo de Vixilancia por teléfono ao 618 873 387 e informará do centro ao que precisa acceder. Desde o Servizo de Seguridade indicaráselle cando pode acudir ao edificio e será unha persoa do servizo quen, logo da identificación e da comprobación oportunas, habilitará a entrada. Así mesmo deberá comunicárselle a saída ao centro de control do Servizo de Vixilancia. Co fn de que o Servizo de Vixilancia lle permita o acceso, o persoal deberá acreditar a súa condición de PDI mediante algún documento (contrato de traballo, nomeamento, ....)

 

 

16/03/2020

 

O persoal investigador deberá, na medida do posible, pospor os traballos e os experimentos que poidan ser adiados, tanto nos seus laboratorios como nos servizos centrais de investigación.

No caso de que precisen acudir á universidade porque teñan algún experimento en curso que non poidan cancelar ou anular, deberán permanecer no laboratorio o menor tempo posible e estar en contacto co menor número de persoas posible.

No referente aos experimentos realizados con animais que requiran da súa alimentación e supervivencia, tratarase de organizar quendas para poder mantelos nas mellores condicións posibles.

O persoal contratado accederá ás dependencias mediante o uso da tarxeta universitaria, debidamente habilitada. Calquera incidencia deberá comunicarse ao centro de control do Servizo de Vixilancia por teléfono ao 618 873 387. Na saída deberá comprobar que a porta queda pechada.

O persoal que non dispoña de tarxeta de acceso, chamará previamente ao centro de control do Servizo de Vixilancia por teléfono ao 618 873 387 e informará do centro, instalación ou dependencia ao que se precisa acceder. Desde o Servizo de Seguridade indicaráselle cando pode acudir ao edificio e será unha persoa do servizo quen, logo da identificación e da comprobación oportunas, habilitará a entrada. Así mesmo deberá comunicárselle a saída ao centro de control do Servizo de Vixilancia.

Polas limitacións establecidas no Real Decreto 463/2020 (BOE nº 67 do 14 de marzo), a través do cal se declara o estado de alarma, no caso de ser preciso desprazarse ao laboratorio, o persoal deberá levar consigo a oportuna xustificación.

 

15/03/2020

 

 

14/03/2020

 

Benqueridos compañeiros e compañeiras da comunidade universitaria,

Nestes momentos, toda Europa comparte unha prioridade absoluta: atallar os contaxios debidos ao coronavirus. Ata o de agora, seguindo as recomendacións sanitarias, non semellaba preciso tomar medidas como as que estamos a tomar, pero imos proceder ao peche dos centros co fin de que todas e todos permanezamos na casa, evitemos saír á rúa, agás para o que sexa imprescindible, e sigamos sempre as precaucións que promovemos desde o inicio (e que podedes atopar na nosa páxina web que iremos actualizando coa información institucional, a do Sergas e a do Ministerio de Sanidade).

Espero de vós que sexades exemplares en cumprir todas estas recomendacións e que, na medida do posible, tentedes que as persoas que vos rodean sexan tamén conscientes da importancia de diminuír o nivel de contaxio.

Unha vez dito isto, que é o máis importante, quero comunicarvos que o Equipo de Goberno está a traballar xunto cos actores implicados no funcionamento da universidade para minimizar, na medida do posible, os danos que se van a causar nos labores docentes, investigadores e de xestión.

Docencia

Aínda sería precipitado promover medidas drásticas para salvar o curso académico, como pode ser a modificación do calendario académico. Seremos prudentes e iremos avaliando o escenario para, unha vez pasada a crise, atopar unha solución.

Pero a día de hoxe, se pensamos nun peche probable de actividades docentes de dúas a tres semanas, solicítolle ao profesorado que reconsidere o resto do cuadrimestre e reorganice a actividade docente, primando durante este período o traballo individual do estudantando titorizado a distancia.

Obviamente, naqueles casos nos que o profesorado utiliza a plataforma de teledocencia FAITIC, deberíanse poder propoñer algunhas actividades que substitúan, na medida do posible e sequera parcialmente, as actividades presenciais previstas para estas semanas. Algunha bibliografía adicional, se é preciso, algún traballo novo que poida asegurar que o estudantado pode seguir aproveitando o tempo na súa casa para avanzar na materia… e, sobre todo, unha reformulación razoable das guías docentes nos casos nos que sexa necesario.

Tamén é especialmente importante unha comunicación co estudantado que lle faga ver que, seguindo os pasos marcados, vai ter éxito na materia correspondente.
Sería desexable que, nos casos nos que haxa que facer modificacións nas guías docentes, o coordinador ou coordinadora de cada materia lle faga chegar os cambios á dirección do departamento e do centro correspondente vía correo electrónico, para que quede constancia dos cambios que se van ter en conta nos procesos de docencia e de avaliación, se os hai.

Para o PDI que non estea utilizando a plataforma de teledocencia FAITIC, poranse á súa disposición, por se o necesita, salas virtuais nas cales poderá dar clases síncronas (recomendamos que sexan de máximo media hora). Para a súa utilización, publicaremos durante a semana un titorial. Son bastante doadas de utilizar. Obviamente, tamén pode utilizarse o envío mediante correo electrónico, as páxinas web ou outras ferramentas que habitualmente utilice este profesorado. Recomendamos, a estes efectos, a lectura do extracto do documento CRUE – TIC que compartimos hoxe nas redes.

Durante o período de peche, o equipo preparará distintos escenarios por se fora preciso incluír medidas máis profundas, que serían postas en marcha tras negocialas cos centros e cos departamentos.


Investigación e transferencia

Obviamente, a investigación é un piar básico en calquera universidade de calidade como é a nosa. E a transferencia ten un valor extraordinario a través do cal lle devolvemos valor á sociedade que nos apoia. Neste senso, a resolución que vou asinar indica que, con carácter xeral, se substitúe toda a actividade neste eido pola súa alternativa non presencial. O que intentamos é que os investigadores e investigadoras non actúen como factor de contaxio. Por suposto, para evitar que se perdan experimentos en marcha, naquelas investigacións experimentais iniciadas, poderase acceder aos centros con tarxeta, pero pídovos que só o fagades para casos realmente xustificados, durante o tempo mínimo que poidades e sendo especialmente escrupulosos e escrupulosas coas medidas anticontaxio. Estou convencido de que seredes solidarios e solidarias co esforzo que nos demanda a sociedade e faredes bo uso das recomendacións.

Persoal de administración e servizos

Nas xuntanzas do vindeiro luns queremos establecer os servizos mínimos. Obviamente, o obxectivo primordial é evitar os contaxios. Pero si é certo que imos precisar servizos mínimos, en particular para reforzar a atención telefónica e por medios telemáticos. Como estas actividades se poden facer desde o domicilio, penso que lle podemos ofrecer unha boa oferta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.

Estudantado

Ao igual que co resto da comunidade universitaria, teño a esperanza de que teñades moito coidado e sigades todas as recomendacións sanitarias. Espero tamén que prestedes atención ás recomendacións dos vosos profesores e profesoras no que atinxe ás materias que esteades a cursar.

Seguimento local da pandemia

Como xa sabedes, se tedes síntomas de estar infectados, debedes permanecer na casa e chamar aos servizos sanitarios que vos indicarán cales son os pasos que debedes seguir. Pero tamén nos gustaría facer un seguimento dos contaxios entre o noso persoal. A estes efectos, pídovos que, no caso dalgún contaxio, lle comuniquedes o positivo á universidade mediante un correo electrónico a sprl@uvigo.es. Aínda que estou seguro de que as autoridades sanitarias farán todo o que é preciso para seguir os procedementos, gustaríanos poder informar os vosos compañeiros e compañeiros de clase e de centro, se existen casos positivos. Todo isto farémolo seguindo a normativa de protección de datos.

Grazas a todas e todos pola vosa comprensión e colaboración.

Manuel J. Reigosa Roger
Reitor
 

 

13/03/2020

 

Á vista da evolución dos acontecementos na Comunidade Autónoma de Galicia, o Equipo de Goberno da Universidade de Vigo decide adoptar as seguintes medidas a partir do luns 16 de marzo:

  1. Centros pechados, sen PAS agás os servizos mínimos. Chamada ao persoal investigador para extremar coidados e evitar contaxios.
     
  2. Servizos centrais abertos, tal e como se acordou hoxe venres 13 de marzo coas forzas sindicais, pero sen atención ó público.

    Para o luns 16 de marzo:
     
  3. Xuntanza ás 9.30h  para preparar a proposta de servizos mínimos
     
  4. Xuntanza ás 11.30 h coas forzas sindicais 
     
  5. Xuntanza ás 12.30 h cos xefes e xefas de servizo 
     
  6. Publicación dunha nova resolución reitoral
     
  7. Posta en marcha da docencia en liña
     

Ao longo da fin de semana seguirémosvos informando a través de todos os nosos medios.

  1. Debes prestar atención aos medios que normalmente utilice o profesorado para contactar contigo. A actividade docente continúa e tan só se suspenden as actividades presenciais. En todo caso, a Universidade de Vigo garantirá o dereito de avaliación do estudantado, incluído o de mobilidade. 
     
  2. O obxectivo principal das medidas adoptadas non é que non te contaxies, senón que non transmitas o virus se xa es portador ou portadora. Por iso debes seguir as recomendacións de minimizar a actividade social presencial. Neste sentido, non deberías acudir ás instalacións da Universidade de Vigo, a non ser que sexa estritamente necesario para realizar algunha xestión. Neste caso deberás informarte previamente de se podes facer esa xestión a distancia e ter en conta que os horarios de atención ao público poden estar restrinxidos. 
     
  3. Sigue a información oficial da Universidade de Vigo a través da súa páxina web e/ou as redes sociais para dispoñer da información actualizada sobre as medidas adoptadas. 
     
  4. Se dás positivo por Covid-19, debes notificalo a través dun correo a sprl@uvigo.es, para que a universidade poida tomar as medidas pertinentes. 
     
  5. Queremos que a nosa universidade sexa, como noutros eidos, un referente para a sociedade, polo que che solicitamos que, como membro da nosa comunidade, sigas escrupulosamente as recomendacións das autoridades sanitarias. 

A Universidade de Vigo suspendeu a actividade docente presencial a partir do día 13 de marzo de 2020 por un período inicial de 14 días. Segundo o acordo do Consello da Xunta de Galicia, este período podería prorrogarse en función da evolución da situación xerada pola epidemia do coronavirus COVID-19 (SARS-CoV-2). Ante esta situación e co fin de minimizar o seu impacto no proceso formativo do estudantado, dítanse as seguintes recomendacións a todo o PDI:

  1. Redefinir as diferentes actividades formativas e de avaliación pendentes ata a fin do cuadrimestre e recollidas na guía docente de cada materia, tendo en conta o período de suspensión da actividade docente presencial. A nova programación de actividades deberá comunicarse a todo o estudantado matriculado a través de FAITIC. 
     
  2. Actualizar o material docente na plataforma FAITIC segundo a nova programación de actividades da materia, de tal forma que o estudantado teña acceso á información de todos os contidos dos que vai ser avaliado. 
     
  3. Substituír, na medida do posible, as sesións de prácticas de laboratorio por outras actividades que poidan ser realizadas sen presencialidade física, como poden ser exercicios, resolución de casos prácticos, prácticas na casa etc.  
     
  4. Substituír, na medida do posible, as probas e os exames parciais programados para o período de suspensión por actividades de avaliación que poidan ser realizadas a distancia como, por exemplo, traballos, tests, exercicios de autoavaliación ou outras que permitan comprobar a adquisición de coñecementos e competencias por parte do estudantado. 
     
  5. Elaborar e facerlle chegar ao estudantado unha guía detallada e estruturada por sesións diarias de cada materia, para que poida autoorganizarse e manter o ritmo de progreso adecuado no proceso formativo durante o período de suspensión das actividades presenciais. 
     
  6. No caso de que nalgunha das actividades programadas na materia (sesións prácticas, exames parciais, probas, ...) se considere imprescindible a actividade presencial nas aulas ou nos laboratorios, debe comunicarse esta necesidade á dirección ou ao decanato do centro, para que este elabore, na medida das posibilidades e dos recursos dispoñibles e en colaboración cos departamentos, unha programación das ditas actividades unha vez se retome a actividade presencial. 
     
  7. O PDI deberá seguir cumprindo os horarios oficiais de clase aprobados polos centros para as seguintes actividades: 
    a. Emisión de clases por streaming, no caso do profesorado que dispoña dos medios necesarios para utilizar esta modalidade de docencia e decida utilizala. 
    b. Titorías, que se atenderán por medios telemáticos (correo electrónico, videoconferencia, foros de FAITIC, ...) 
     
  8. Calquera outra actividade docente presencial, incluídas as saídas de campo, as visitas e os actos de defensa de TFG, TFM e teses de doutoramento, deberá substituírse, de ser posible, por actividades equivalentes non presenciais. No caso de non ser posible, deberán ser aprazadas ata a recuperación da situación da actividade docente presencial habitual. 

A excepcionalidade desta situación require do esforzo e do bo facer de todo o PDI, que debe ser consciente de que o noso obxectivo colectivo como comunidade universitaria é superar esta dificultade conseguindo minimizar o seu impacto na formación do estudantado. Neste sentido deberiamos facer un esforzo por conxugar a especificidade e a importancia de cada unha das materias coa necesidade de facer que o seguimento e a finalización do curso por parte do alumnado sexa viable. 

Desde os servizos e o goberno da universidade seguiremos traballando nas medidas que minimicen o impacto da actual situación na formación do noso estudantado e no traballo do noso PDI. Comunicarémosvolas a medida que estean dispoñibles. 

  1. O reitor acorda a suspensión das actividades académicas de conformidade coas recomendacións das autoridades competentes.
     
  2. A resolución de suspensión das actividades académicas publícase na web da universidade e envíase por correo a toda a comunidade universitaria. Así mesmo, a resolución comunicaráselles a: 

    - Autoridades sanitarias competentes
    - Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia
    - Decanos/as e directores/as dos centros, directores/as dos departamentos afectados e responsables dos servizos da Universidade de Vigo; 
    - representantes dos traballadores e traballadoras
    - Consello de Estudantes
    - Centros adscritos á Universidade de Vigo que impartan docencia en instalacións da universidade
    - Universidades con convenio de mobilidade de estudantes na Universidade de Vigo, e 
    - Xerencias de CITEXVI,  FUVI e CUSA e responsables doutras as entidades que poidan resultar afectadas. 
     
  3. Con carácter xeral suspéndese calquera tipo de actividade que supoña a presenza física do estudantado en dependencias da universidade.  
     
  4. A suspensión das actividades académicas ou de extensión comportará:  

    a. O peche das seguintes instalacións e servizos:

    - Aulas e laboratorios nos que se leven a cabo actividades docentes, excepto os labores imprescindibles de mantemento

    b. As seguintes restricións: 

    - O acceso ás salas de estudo e bibliotecas, ás que só poderá acceder o PDI para realizar actividades de investigación así como o persoal propio do servizo
    - A defensa de TFG, TFM e teses de doutoramento non se poderán realizar de forma presencial
    - O servizo de deportes só manterá a actividade do persoal propio do servizo 

    c. A suspensión das seguintes actividades: 

    - As saídas de campo e as propias dos estudos de doutoramento
    - As actividades deportivas, culturais e de extensión: cursos, obradoiros, xornadas etc. 
    - Os cursos e as actividades programadas en espazos da Universidade de Vigo orientados ás persoas que non pertenzan á comunidade universitaria
    - A actividade presencial dos bolseiros e bolseiras de colaboración da Universidade de Vigo. O estudantado beneficiario non verá afectada a súa credencial, duración, contías que percibe, nin obrigacións á Seguridade Social.
    - As prácticas curriculares e extracurriculares. Permitirase a súa realización en remoto sempre que se teña o visto bueno da empresa e o programa formativo así o permita.
    - No caso de prácticas no estranxeiro, seguiranse as recomendacións das autoridades do país correspondente.
    - As actividades formativas presenciais para o persoal da Universidade de Vigo. 
     
  5. Manteranse as obrigacións do PDI e do PAS, que deben continuar prestando os seus servizos nas condicións que se acorden, incluído o persoal adscrito a unidades que se pechen ao público, sen prexuízo da non asistencia a clase.  Acordaranse medidas coa parte social para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar.  
     
  6. Desde a Vicerreitoría de Profesorado e Organización Académica enviarase un documento de recomendacións sobre a forma de continuar o ensino non presencial para tentar minimizar o impacto destas medidas. 
     
  7. En ningún caso poderanse organizar reunións nin titorías presenciais co estudantado. 
     
  8. Unha vez finalizado o período de suspensión, a universidade reprogramará de acordo coas instrucións dos directores/as e decanos/as dos centros, sempre que sexa posible, todas as actividades académicas que resultasen afectadas. En todo caso garantirase o dereito de avaliación do estudantado, incluído o estudantado de mobilidade. 
     
  9. Sempre que sexa posible, reprogramaranse as actividades externas suspendidas. 
     
  10. Os centros serán os responsables de comunicar a suspensión das actividades ás persoas ou ás entidades que teñan previstas actividades nos seus espazos. 
     
  11. A Xerencia comunicará este protocolo ás empresas responsables dos contratos de limpeza, mantemento, seguridade, transporte, xardinaría, cafetaría, restaurantes e outros. Acordarase con estas contratas as actuacións que se levarán a cabo. 

Á vista da situación derivada da aparición e evolución do coronavirus COVID-19, adóptanse as seguintes medidas para o persoal laboral de administración e servizos, sempre baixo a premisa de quedar garantida a prestación dos servizos públicos.

  1. Establécese, desde o próximo luns 16 de marzo unha xornada laboral de 25 horas á semana de luns a venres de 9.00 a 19.00 h.
     
  2. Flexibilidade da xornada laboral. As persoas responsables dos servizos, unidades e áreas, permitirán a flexibilización da xornada laboral do persoal. Daráselle prioridade ao persoal que teña ao seu cargo menores de 12 anos ou maiores dependentes e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores.
     
  3. Así mesmo facilitaráselle ao persoal a realización da modalidade non presencial de traballo, sempre que o posto de traballo permita o seu desempeño.
     
  4. O persoal especialmente sensible (traballadoras embarazadas, e empregadas e empregados públicos con patoloxías recorrentes ou enfermidades crónicas) poderán ausentarse do posto de traballo.
     
  5. No caso de que sexa imprescindible para o persoal que teña ao seu cargo menores de 12 anos ou maiores dependentes e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores, permitirase a permanencia do persoal no seu domicilio, tendo a consideración de deber inescusable de conformidade co disposto no artigo 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Correspóndelle á xerencia a pertinente autorización neste suposto. No caso de que ambos os proxenitores ou responsables do maior dependente teñan a condición de empregados públicos, non se poderá utilizar esta medida simultaneamente.
     

Á vista da situación derivada da aparición e a evolución do coronavirus COVID-19, adóptanse as seguintes medidas para o persoal docente e investigador, sempre baixo a premisa de quedar garantida a prestación dos servizos públicos.

  1. Establécese desde o próximo luns 16 de marzo de 2020 unha xornada laboral de 25 horas á semana de luns a venres, de 9.00 a 19:00 h.
     
  2. Flexibilidade da xornada laboral. O persoal docente e investigador poderá flexibilizar a súa xornada laboral dentro da franxa horaria indicada no punto anterior, sempre que cumpra coas súas obrigas docentes e investigadoras. Daráselle prioridade ao persoal que teña ao seu cargo menores de 12 anos ou maiores dependentes e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores.
     
  3. Así mesmo, o persoal docente e investigador poderá optar pola modalidade non presencial de traballo, sempre que esta lle permita cumprir coas súas obrigas docentes e investigadoras.
     
  4. O persoal especialmente sensible (traballadoras embarazadas e empregadas ou empregados públicos con patoloxías recorrentes ou enfermidades crónicas) poderán ausentarse do posto de traballo.
     
  5. No caso de que sexa imprescindible para o persoal que teña ao seu cargo menores de 12 anos ou maiores dependentes e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores, permitirase a permanencia do persoal no seu domicilio, tendo a consideración de deber inescusable de conformidade co disposto no artigo 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Correspóndelle ao reitor a pertinente autorización neste suposto.
    No caso de que ambos os proxenitores ou responsables do maior dependente teñan a condición de empregados públicos, non se poderá utilizar esta medida simultaneamente.
     
  6. O persoal docente e investigador deberá comunicar ao decanato ou á dirección do seu centro e departamento as medidas de flexibilidade horaria e traballo non presencial polas que opte. No caso do persoal contratado con cargo a proxectos, a dita comunicación faráselle ao investigador ou investigadora principal do devandito.

 

12/03/2020

 

  • Suspéndense as actividades lectivas presenciais a partir do 13 de marzo de 2020 e ata novo aviso.
  • Péchanse as bibliotecas e as instalacións deportivas.

En primeira instancia apélase á tranquilidade e ao bo xuízo dos membros da comunidade universitaria para seguir as pautas sanitarias.

Non hai actividade docente presencial (clases teóricas e prácticas e exames) nin servizos complementarios (biblioteca, titorías, deportes, saídas de campo...) para o estudantado. Polo tanto non debería acudir ás instalacións universitarias.

Os centros permanecerán abertos e a actividade administrativa e do profesorado mantense.

Mañá venres 13 de marzo, a partir das 13.00 h, daranse instrucións a todo o persoal ante a situación de suspensión de actividades académicas.

Suspéndense ata novo aviso as seguintes actividades

Programa de Maiores.

Prácticas externas en centros sanitarios.

Festas organizadas polos centros ou polo estudantado (San Pepe, Santa Catalina, San Aquiles…).

Calquera evento extraacadémico que supoña unha aglomeración de persoas (HappygoRunning, …).

Congresos, reunión de seguimento de proxectos

Non se autorizan os desprazamentos cara ou desde universidades ou centros nas que se suspendera a actividade presencial.

A participación das persoas pertencentes a estas institucións deberá realizarse de forma telemática. 

Prácticas externas

Seguir as instrucións das respectivas empresas sobre a continuidade, cese ou teletraballo. En calquera caso o estudantado deberá notificarlle a súa situación á persoa que supervise as súas prácticas.

Deportes

Extremar as medidas de hixiene e de prevención

Persoas sensibles  

As persoas da comunidade universitaria especialmente sensibles deberán extremar as medidas preventivas de hixiene. 

Teñen a consideración de persoas sensibles:  

- As mulleres embarazadas. 

- As persoas de calquera idade con enfermidades crónicas cardiovasculares, pulmonar, renal e diabetes, inmunodeprimidas, que estean a realizar terapias fronte ao cancro ou presenten obesidade mórbida etc.

Mobilidade

O estudantado que supenda a súa mobilidade poderá incorporarse á Universidade de Vigo, transcorridos 14 días desde o momento do seu regreso, logo de realizar os trámites administrativos necesarios.

A atención por parte dos servizos da Universidade de Vigo ao estudantado que proceda das universidades que suspenderan a súa actividade académica presencial farase unicamente por vía telefónica e correo electrónico.

Outros

Non divulgar información non contrastada.

Extremar medidas preventivas

Chamar ao teléfono de información gratuíto 900 400 116 para consultas e deixar o 061 para as emerxencias médicas.

 

Información da administración estatal e autonómica

Ministerio de Sanidade


Premendo na seguinte imaxe, accederás ao vídeo informativo do Ministerio de Sanidade:

 

Pantallazo do vídeo do goberno español con recomendacións sobre o coronavirus

Consellería de Sanidade

Que debes saber do novo coronavirus

 

Información sobre o coronavirus


Premer na imaxe para ampliala 

 

 

Información internacional

Indicacións da OMS para a hixiene das mans


Medidas de protección básicas contra o novo coronavirus (OMS) 

Lavar as mans frecuentemente 

Lava as mans con frecuencia cun desinfectante de mans a base de alcol ou con auga e xabón. Por que? Lavar as mans cun desinfectante a base de alcol ou con auga e xabón mata o virus se este está nas túas mans. 
 
Adoptar medidas de hixiene respiratoria 

Ao tusir ou esbirrar, cubre a boca e o nariz co cóbado flexionado ou cun pano; tira o pano inmediatamente e lava as mans cun desinfectante de mans a base de alcol, ou con auga e xabón. Por que? Ao cubrir a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar, evitarás a propagación de xermes e virus. Ao tusir ou esbirrar cubríndose coas mans, podes contaminar os obxectos ou as persoas que toques. 
 
Manter o distanciamento social

Mantén polo menos un metro de distancia coas demais persoas, particularmente aquelas que tusan, esbirren e teñan febre. 

Por que? Cando alguén cunha enfermidade respiratoria, como a infección polo 2019-nCoV, tuse ou esbirra, proxecta pequenas gotas que conteñen o virus. De estar demasiado preto, podes inhalar o virus. 
 
Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca 

Por que? As mans tocan moitas superficies que poden estar contaminadas co virus. Se te tocas ollos, o nariz ou a boca coas mans contaminadas, podes transferir o virus da superficie a ti mesmo. 
 
Se tes febre, tose e dificultade para respirar, solicita atención médica a tempo 

Indícalle ao persoal médico se viaxaches a unha zona na que se notificou a presenza do 2019-nCoV, ou se tiveches un contacto próximo con alguén que viaxase desde algún deses lugares e teña síntomas respiratorios. 

Por que? Sempre que teñas febre, tose e dificultade para respirar, é importante que busques atención médica de inmediato, xa que os devanditos síntomas poden deberse a unha infección respiratoria ou a outra afección grave. Os síntomas respiratorios con febre poden ter diversas causas, e dependendo dos seus antecedentes de viaxes e circunstancias persoais, o 2019-nCoV podería ser unha delas. 
 
Se tes síntomas respiratorios leves e ningún antecedente de viaxe a zonas con casos notificados 

Se tes síntomas respiratorios leves e non viaxaches a lugares con casos notificados do 2019-nCoV, practica coidadosamente unha hixiene respiratoria e de mans básica e queda na casa ata que te recuperes, se é posible. 
 
Como precaución xeral, adopta medidas xerais de hixiene cando visites mercados de animais vivos, mercados de produtos frescos ou mercados de produtos animais

Lava periodicamente as mans con xabón e auga potable despois de tocar animais e produtos animais; evita tocar os ollos, o nariz ou a boca coas mans, e evita o contacto con animais enfermos ou produtos animais en mal estado. Evita estritamente calquera contacto con outros animais no mercado (por exemplo, gatos e cans rueiros, roedores, aves ou morcegos). Evita o contacto con refugallos ou fluídos de animais posiblemente contaminados que se atopen no chan ou en estruturas de tendas e mercados. 
 
Evita o consumo de produtos animais crús ou pouco cociñados 

Manipula a carne crúa, o leite e os órganos de animais con coidado, a fin de evitar a contaminación cruzada con alimentos crus, con arranxo ás boas prácticas sobre inocuidade dos alimentos. 

Cando e como usar máscara 

Cando usar máscara 

Se estás san, só necesitas levar máscara se atendes alguén en quen se sospeite a infección polo 2019-nCoV. 

Leva tamén máscara se tes tose ou esbirras.  As máscaras só son eficaces se se combinan co lavado frecuente de mans cunha solución hidroalcólica ou con auga e xabón. Se necesita levar unha máscara, aprende a usala e eliminala correctamente. 
 
Como por, usar, quitar e refugar unha máscara 

Antes de poñer unha máscara, lava as mans cun desinfectante a base de alcol ou con auga e xabón. 

Cubre a boca e o nariz coa máscara e asegúrate de que non haxa espazos entre a túa cara e a máscara. 

Evita tocar a máscara mentres a usas e, se o fas, lava as mans cun desinfectante a base de alcol ou con auga e xabón. 

Cambia de máscara tan pronto estea húmida e non reutilices as máscaras dun só uso. Para quitala, faino pola parte de atrás (non toques a parte dianteira da máscara); desbótaa inmediatamente nun recipiente pechado; e lava as mans cun desinfectante a base de alcol ou con auga e xabón. 

Nota emitida polo Sistema Operativo Sanitario da Presidencia do Goberno coas recomendaciones da Organización Mundial da Saúde (OMS) en relación co actual brote de enfermidade por Coronavirus (COVID-19).

Outra información de interese