Concerto solidario de Juancho Marqués

Xornadas sODStendo o Planeta

16, 17 e 18 de outubro

UVigo – Social responsability agenda 2030 09/10/2019

Xornadas sODStendo o Planeta

A Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación xunto co Consello Social e a campaña Impórtanos organizan as xornadas «sODStendo o Planeta. Semana da Axenda 2030 na UVigo» os días 16, 17 e 18 de outubro no campus de Vigo. 

O obxectivo é dar a coñecer a Axenda 2030 durante tres días a través de diferentes actividades en torno á economía sostible, as persoas refuxiadas e a crise climática, desde conferencias e obradoiros con entidades sociais ata obras de teatro, un concerto solidario e unha mostra de cociña con produtos de proximidade e tempada. 

Trátase dun programa completo e moi dinámico polo que o estudantado recibirá ata 16 horas e 30 minutos de recoñecemento ECTS.

 

Concerto solidario de Juancho Marqués

Dentro da programación das xornadas, o teatro Vidal Bolaño acolle o 17 de outubro, ás 18.30 h, o concerto solidario de Juancho Marqués. As persoas que desexen asisitir doarán 2 euros a un programa de promoción do dereito á auga en Honduras desenvolvido por Enxeñería Sen Fronteiras.

Os donativos e a recollida de pases realizaranse na entrada do Teatro Vidal Bolaño o 16 de outubro, de 12.00 ha 16.00 h, e o 17 de outubro de 12.00 a 19.30 h. Lembrámosvos que as persoas menores de 18 anos deberán acceder ao evento acompañadas dun titor ou titora legal.

 

Entrega do I Premio Consello Social_UVigoHumana

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa Roger, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa Silva, teñen o pracer de convidar a toda a comunidade universitaria ao acto de entrega do I Premio Consello Social_UVigoHumana e dos Premios aos mellores traballos de fin de grao e de máster en Axenda 2030, cooperación ao desenvolvemento e Responsabilidade Social. 

A cita será o venres 18 de outubro, ás 11.30 h, na sala I do edificio Miralles (acceso 4) do campus de Vigo.

Agradecémosvos que confirmedes a asistencia no teléfono 986 813 618 ou no enderezo electrónico protocolo@uvigo.es antes do 17 de outubro.

 

Máis información:

Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal