Training

A cooperación universitaria ao desenvolvemento (CUD) e o voluntariado configuran un ámbito preferente de actuación dentro da estratexia de responsabilidade social da Universidade de Vigo.

Como paso previo e impulso da CUD e do voluntariado na nosa Universidade, cómpre pór en marcha un plan formativo orientado a proporcionar aquelas competencias
necesarias para que tanto a comunidade universitaria (PDI, PAS e estudantes) como as entidades que conforman o tecido asociativo da nosa contorna poidan desenvolver de forma efectiva tarefas de cooperación no ámbito educativo, investigador, tecnolóxico e da gobernanza.

 

Obxectivos

Este plan ten como fin primordial proporcionar unha formación en CUD e voluntariado que contribúa a xerar espazos de intercambio de experiencias á vez que facilite a creación de redes estables entre os principais actores. Se ben, o desafío actual é a súa posta en marcha, a clave do seu éxito radica na perseveranza e o compromiso de toda a comunidade UVigo.

En liñas xerais, este plan pretende acadar os seguintes obxectivos:

  • Fomentar a cultura da cooperación ao desenvolvemento e voluntariado na Universidade de Vigo baixo o prisma dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) impulsados pola Axenda 2030.
  • Ofrecer unha oferta variada de formación en CUD en resposta das necesidades e as demandas da comunidade universitaria e das entidades sociais.
  • Incentivar entre o profesorado a introdución de competencias sobre a cooperación e o voluntariado nas guías docentes das súas materias e a metodoloxía de aprendizaxe-servizo.
  • Achegar o PDI e o PAS ao deseño e a xestión de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
  • Formar o estudantado na cooperación e o voluntariado como complemento á súa formación académica, incluíndo tamén o estudantado internacional.

Modelo 

O plan fundaméntase nos seguintes principios básicos: 

  • Orientación á práctica. As accións formativas teñen unha orientación eminentemente aplicada e serán impartidas por persoas con experiencia acreditada nun ámbito específico da CUD e o voluntariado.
  • Fomento de redes de cooperación. Ademais do traballo de competencias, as accións formativas buscan que as persoas participantes interaccionen entre si para consolidar un soporte de relacións estable no tempo.
  • Aplicación de metodoloxías innovadoras de aprendizaxe. As accións formativas baséanse en métodos de ensinanza-aprendizaxe que facilitan a adquisición de competencias de forma activa e sitúen o alumnado no centro do proceso.
  • Impacto na realidade. A formación recibida debe ter un impacto directo no ámbito do traballo das persoas asistentes e contribuír á sensibilización social sobre a situación de vulnerabilidade, iniquidade e desigualdade que sofren determinados colectivos.
  • Transversalización. A Axenda 2030 reforza o compromiso que a UVigo ten sobre a transversalizacion dos enfoques da cooperación e de xénero, así como a nosa contribución de salvagarda social e ambiental do noso sistema de rendición de contas.

Eixos

Os eixos formativos do presente plan son os seguintes:

  • ODS e Axenda 2030. Nesta categoría inclúense aqueles cursos orientados a tratar os diferentes obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 que teñen unha incidencia directa nas políticas implementadas pola Universidade de Vigo.
  • Cooperación ao desenvolvemento. Os cursos comprendidos baixo este epígrafe buscan proporcionar, tanto ao estudantado como ás entidades, unha formación básica e especializada sobre cooperación ao desenvolvemento e voluntariado.
  • Deseño e implementación de proxectos CUD. Esta serie de cursos céntrase nas dúas principais fortalezas que pode ofrecer a institución académica no ámbito da cooperación ao desenvolvemento: a formación e investigación. Con eles preténdese achegar, preferentemente o persoal docente, ás chaves da xestión dos proxectos CUD.
  • Currículo educativo. Esta categoría engloba os cursos destinados a que o profesorado inclúa competencias sobre cooperación, voluntariado, Axenda 2030 e aprendizaxe-servizo na súa práctica docente.
  • Voluntariado. Estes cursos buscan ofrecerlles ás persoas voluntarias da UVigo unha formación específica de acordo coas demandas das entidades sociais onde desempeñan tarefas de voluntariado.

Os cursos son ofertados baixo dúas modalidades de ensinanza. Por unha banda, cursos semipresenciais que combinen a presenza física das persoas asistentes co apoio do servizo de teledocencia da UVigo (Faitic) e, por outro, cursos non presenciais, cuxa realización será completamente virtual.

Os cursos destínanse a todos os colectivos da comunidade universitaria (PDI, PAS e estudantes) así como ás entidades sociais

Alumnado

PDI

PAS e PDI

Alumnado, PAS e PDI

 

Máis información:
 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal