DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro que se celebra de xeito virtual ata o 4 de decembro

Alumnado do campus afonda no uso de cans en intervencións terapéuticas e educativas

A formación incide no respecto ao animais

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 19/11/2020

Por terceiro ano consecutivo, o campus de Ourense acolle a celebración do obradoiro Intervencións Asistidas con Cans/Cadelas. Nel unha ducia de estudantes da Facultade de Educación e Traballo Social están a coñecer “os beneficios do traballo con cadelas e cans tanto en actividades como en terapia baixo o prisma da educación social e sempre tendo en conta o estado emocional e cognitivo do animal que permite a xeración destes espazos diferenciados”. Atendendo á situación sanitaria provocada pola covid-19, a iniciativa desenvólvese a través do Campus Remoto da UVigo.

O obradoiro conta coa dirección do profesor e decano da facultade Xosé Manuel Cid e o seu desenvolvemento corre a cargo de membros de varias entidades que levan a cabo iniciativas destinadas a achegar as intervencións asistidas con animais a distintos colectivos. Concretamente, participan Virginia Torrecillas, de Globus Natura, educadora e terapeuta canina e técnica en terapia asistida con animais, e Judit García, terapeuta ocupacional de Terocu. A pesar das restricións que supón a pandemia en canto a aforo e o formato do desenvolvemento da actividade, destacan como “conseguimos darlle continuidade ao curso, que outros anos tivo moi boa acollida de participación e de resultados”. Neste obradoiro, resumen as súas docentes, “aprendemos doutra especie, os cans, e achegámonos con eles a axudar a outras persoas”.

Contidos e valores

A formación, explican as súas responsables, conta cun primeiro bloque centrado en ofrecer ás persoas asistentes unha visión xeral do que é a terapia asistida por cans, os seus beneficios, os seus riscos potenciais, a súa situación actual, etc. O segundo bloque está dedicado a explicar como facer unha terapia con estes animais, abordando desde as normas xerais ata as áreas de mellora terapéutica. Por último, o alumnado céntrase no papel do técnico en terapia asistida por cadelas ou cans, desde as súas funcións ata o seu traballo nunha intervención, e na selección e avaliación da cadela ou can e o seu adestramento. Debido ás limitacións derivadas da loita contra a covid-19, nesta edición son once as persoas matriculadas, a maioría alumnas de Educación Primaria pero tamén de Educación Social do campus de Ourense.

“O obxectivo é que as persoas participantes coñezan os diferentes tipos de intervencións asistidas con animais: que é a actividade asistida con animais, que é a terapia con animais e que é educación asistida con animais. Tamén que saiban o que non é unha intervención”, explica Virginia Torrecillas. Ademais, indica, as alumnas coñecen cales son os profesionais que interveñen en cada unha destas accións e elas mesmas aprenden a crear determinadas actividades nas que inclúen estes animais con determinados obxectivos. “O animal dentro dunha intervención é un motivador, fai que a intervención sexa algo diferente a calquera outro tipo de terapia ou actividade educativa”, comenta.

Máis aló dos contidos sobre intervención, as responsables da actividade indican como “o máis importante que aprenden as participantes neste obradoiro é a comunicarse co can, tanto para este tipo de actividades como para outras. É fundamental entender o que nos queren dicir os animais para poder traballar con eles desde o respecto. Eles non elixen estar aí, nestas intervencións, e debemos saber se realmente queren ou non estar aí”. Neste senso fan fincapé en que é preciso que se comprenda o papel que xoga o animal en cada intervención e que se asuma que os animais teñen emocións que hai que entender e respectar. “O can non é unha ferramenta, é un compañeiro de traballo, que pode non querer participar en todas as intervencións ou con calquera colectivo”, afirman. Así, subliñan, no deseño das actividades sempre hai que ter en conta “se ao animal iso non lle provoca un problema de estrés tan importante como para que ao final teña problemas de saúde ou de comportamento”, sinalan por último.

As sesións, que arrancaron o pasado 6 de novembro e que continuarán ata o 4 de decembro, emítense en directo desde a Facultade de Educación e Traballo Social a través do Campus Remoto da UVigo, permitindo ás persoas inscritas seguir desde os seus domicilios a docencia e realizar practicas cos seus propios cans e cadelas. “A docencia en directo permítenos que as clases sexan 100% interactivas, vamos atendendo as dúbidas das participantes a medida que vamos falando, hai un diálogo continuo”, comentan as responsables da actividade.