DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado do obradoiro que impartirá no campus o videoartista Adrián Canoura

O alumnado do campus levará a Novas Cinemas curtas xurdidas na “intersección con outras artes”

Aberto ata o 25 de setembro o prazo de presentación de candidaturas para este taller

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/09/2021

Achegar unha “nova mirada ao cinema desde a confluencia de diferentes puntos de mestura con outras artes e linguaxes”, experimentar con “formatos, técnicas e ferramentas máis aló da cámara e o guión” e pór en valor “o erro como crecemento artístico da obra”. Estes son algúns dos obxectivos que o cineasta e videoartista Adrián Canoura propón en Videohipnose. Experimentar co cinema na era dixital, un obradoiro promovido por Novos Cinemas e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra que levará a dez estudantes a crear unha serie de curtas que estrearán en decembro, na xornada inaugural do festival. Ata o 25 de setembro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar nun obradoiro aberto tanto ao alumnado de grao, máster e doutoramento do campus como a titulados e tituladas o pasado curso. 

“Trátase dunha proposta un pouco máis heterodoxa e máis aberta, máis relacionada co ámbito da videocreación, a videoarte e as propias interseccións do cinema con outras artes”, salienta Suso Novás, director artístico de Novos Cinemas. Inserido no programa #Aula do festival, trátase da sexta edición dun obradoiro que cada ano leva o estudantado a crear as súas curtas baixo a titorización dun cineasta. Así, despois de que en edicións anteriores directores como Óliver Laxe, Lois Patiño ou Eloy Enciso exercerán como docentes nesta actividade, nesta ocasión avogouse “por unha proposta doutra natureza”, da man dun “dos creadores audiovisuais que máis potencialidade e máis capacidade creativa ten neste momento”, como salienta Novás. Formado tanto en realización e produción como en creación audiovisual contemporánea, Canoura é un cineasta e videoartista, cuxas creacións abranguen desde videoclips ou películas, ata deseños, performances ou proxectos ligados “á creación en directo con grupos como Guerrea, Nistra ou Baiuca”. Así mesmo, Canoura obtivo en 2018 o premio Camira en Filmadrid pola súa peza Caerán lóstregos do ceo, que, como destacan desde Novos Cinemas, “foi incluída pola prestixiosa crítica e teórica do cinema de vangarda Nicole Brenez como un dos mellores traballos” do ano.

Experimentar con liberdade e condicionantes

A idea do cinema expandido e das “imaxes dixitais e electrónicas como unha forma de arte” constitúen, como sinala o seu texto de presentación, o punto de partida deste obradoiro de 24 horas, estruturadas en catro sesións. “Este obradoiro ten como proposta o achegamento a un medio, a unha linguaxe, a unha forma de facer cinema desde a mestura de elementos artísticos máis próximos á poesía que á prosa”, engade o texto de presentación do taller, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Penso que é unha idea moi interesante, que o que vai facer é remover os cimentos sobre os que habitualmente entendemos que está construído o cinema, un cine totalmente narrativo, industrial, vinculado á construción dun relato cuns parámetros máis abertos ou máis pechados”, engade Novás dun taller que, nese senso, busca afondar en como, nesta era dixital, “o cinema vai moito máis aló das salas”. Mais, ao mesmo tempo, a proposta de Canoura busca que a exploración dun “universo practicamente infinito” como o da imaxe audiovisual, se faga a partires dun “marco”, dunha serie de normas e condicionantes que permitan “cuestionar ou pór en valor a liberdade creativa do autor”. 

Estrea no festival

O alumnado interesado en participar “nunha das actividades máis interesantes do festival, que permite validar o talento que está agromando no campus”, como salienta Novás, dispón de prazo ata o 25 de setembro para presentar a súa candidatura, na que, xunto cos seus datos persoais e curriculares, deben achegar o enlace a unha peza da súa autoría “que denote unha sensibilidade acorde cos obxectivos do obradoiro”. 

O luns 27 de setembro farase pública a lista de seleccionados e seleccionadas e o 1 de outubro terá lugar a primeira sesión dun taller que busca tamén ser “unha contorna de natureza colaborativa”, na que as creacións de cada participante poidan enriquecerse grazas á “colaboración e intercambio de opinións”. Os resultados finais exhibiranse o 14 de decembro, na xornada inaugural da sexta edición de Novos Cinemas.