DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Ulla e Antón Vidal súmanse á lista de Vigueses Distinguidos 2023

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
DUVI 15/03/2023

A catedrática da Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla Miguel e o avogado Antón Vidal Andión, membro do equipo fundador desta institución, serán nomeados o vindeiro xoves, día 23, Vigueses Distinguidos 2023, tal e como adiantou este mércores o alcalde vigués Abel Caballero. Súmanse así a unha lista de persoas distinguidas da que tamén forman parte a catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da UVigo, África González Fernández, e a actriz e profesora asociada da Universidade de Vigo Mariana Carballal.

“Ana Ulla é unha gran científica viguesa”

“Ana Ulla é unha gran científica viguesa”, salientou o alcalde, quen lembrou que se trata da primeira catedrática de Astrofísica da Universidade de Vigo. Nada en Vigo en 1965, a investigadora recibiu a chamada do alcalde en Alemaña, onde está participando nun congreso de astrofísica. Profesora da Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo e docente do Departamento de Física Aplicada, desenvolve, tal e como lembrou Caballero, “o seu traballo na investigación do espazo profundo dos exoplanetas”. Comezou a carreira de Física na Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou os tres primeiros cursos, e logo especializouse en Astrofísica na Universidade de La Laguna, institución na que tamén realizou a súa tese de doutoramento. Entre 1988 e 1995, ocupou diversos postos de investigación e docencia na Universidade de Tromsø (Noruega), o Laboratorio de Astrofísica Espacial e Física Fundamental ( Madrid), a Axencia Espacial Europea (ESA), ou o Instituto Niels Bohr de Copenhague. Na actualidade, entre outros moitos méritos, forma parte do equipo galego da misión Gaia, da Axencia Espacial Europea (ESA), na que participan máis de 450 científicos e enxeñeiros doutros 23 países co obxectivo de elaborar un mapa preciso en 3D da Vía Láctea. En decembro de 2015 publicou a súa primeira novela infantil titulada Desde el jardín, las estrellas

“Antón Vidal Andión é un vigués traballando por Vigo dunha forma excepcional”

“Antón Vidal Andión é un vigués traballando por Vigo dunha forma excepcional durante toda a súa vida”, salientou o alcalde con respecto ao avogado e editor, nado en Pontevedra en 1948. Dende 2002 é vicevaledor do Cidadán de Vigo, tarefa que desenvolve cunha “dedicación altruísta”. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, formou parte de equipo fundador da Universidade de Vigo, da que foi xerente, vicerreitor de Asuntos Económicos e asesor xurídico. Na actualidade preside, salientou Caballero, os consellos de administración da editorial Galaxia, de Merlín Comunicacións ou de Sueños del Gatipedro e é vicepresidente da Fundación Penzol. Nun rápido repaso polo seu extenso currículo, Caballero salientou que tamén forma parte da Fundación Otero Pedrayo, patrón fundador das fundacións Illa Couto e Blanco Amor e foi membro do Instituto de Mediación e Arbitraxe no Consello Galego de Relacións Laborais. “Trátase dun vigués cunha dedicación total a esta cidade, dende a humildade e o anonimato, facendo un traballo excepcional no eido da cultura, no da universidade e no da atención á cidade”, apuntou o alcalde vigués.