DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Ángel Fernández Holgado desenvolveu na súa tese un modelo para o estudo deste xénero

Unha análise sobre os valores que reflicten as distopías cinematográficas que a pandemia conectou co presente

A investigación afonda no “transfondo humanista” destes filmes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/10/2021

Representacións de mundos nos que reina a inxustiza, os filmes que recrean realidades distópicas abordan temáticas cun “un importante trasfondo humanista”. Esta é unha das conclusións que o realizador e investigador José Ángel Fernández Holgado extrae da súa tese de doutoramento, que centrou na representación dos valores sociais neste xénero cinematográfico. A análise deste eido, non estudado previamente nun tipo de cinema habitualmente considerado un subxénero da ciencia ficción, viuse ademais marcada pola pandemia da covid-19, que, como recoñece, “serviu para confirmar moitos dos conceptos explorados no traballo, como a presenza do xénero no día a día” ou a “crise de valores” da sociedade actual.

Esta serie de filmes “fálannos de sociedades nas que rexe a inxustiza e a desigualdade e da loita dos seus protagonistas contra eses antivalores, fomentando unha serie de valores diametralmente opostos”, salienta Fernández Holgado, técnico superior en realización audiovisual e de espectáculos e profesor na Universidade da Coruña. O xa doutor en Comunicación pola UVigo, que traballou durante anos na realización de longametraxes, series e programas de televisión, decidiu centrar a súa tese nun “xénero cinematográfico que me gusta e sobre o que non hai moita investigación por considerarse unha categoría menor, a pesar de que se trata dun dos xéneros máis populares”. O cine distópico, engade, “caracterizase máis por mostrar lugares nos que reina a inxustiza social que por presentar grandes avances científico-tecnolóxicos emprazados nun futuro máis ou menos distante”. De feito, mentres que as películas de ciencia ficción ambiéntanse polo xeral en “futuros distantes, para así poder facer un despregue de avances científicos e tecnolóxicos que resulten fascinantes aos espectadores”, as distopías adoitan representar “tempos próximos ao presente”, co propósito de trasladar unha “maior verosimilitude” ao público e facelo “consciente de que se lle está contando algo que podería suceder na súa vida”.

Nese senso, o investigador buscou tamén coa súa tese Los valores sociales en el cine distópico del siglo XXI, dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mercedes Román, “dignificar” un xénero que, pese aos “nexos comúns” coa ciencia ficción, posúe unha serie de “características que o definen como un xénero autónomo e independente”. A súa intención, engade, “era prestixiar este tipo de cine” a través do estudo dos valores que transmite “e defender que os temas presentados, en lugar de ser frívolos e escapistas, teñen un importante transfondo humanista”. 

Definición dun modelo de análise

Poucos estudos previos á súa tese consideran este tipo de cinema como un xénero de seu e durante a súa investigación, Fernández Holgado non atopou ningún que puxese o foco nos valores sociais que transmite. De aí que un dos seus propósitos fose desenvolver un modelo de análise, baseado por un lado nas temáticas máis habituais das películas e por outro no comportamento dos seus principais personaxes “a partires do rol que interpretan nos filmes”, tomando como referencia os principais arquetipos definidos polo guionista Christopher Vogler, como os do heroe e o seu antagonista, o mentor que lle proporciona “un código moral” ou o heraldo, a figura que “altera a vida cotiá” do protagonista.

Na tese, Fernández Holgado aplicou este modelo para extraer os valores do cine distópicos á análise de tres longametraxes, Matrix (1999), dirixida por Lana e Lilly Wachowski; Hijos de los hombres (2006), de Alfonso Cuarón; e Elysium (2013), de Neil Blomkamp. “A miña intención é seguir investigando os valores no xénero distópico e aplicar o modelo de análise non só ás películas, senón tamén a outros produtos audiovisuais en auxe, como as series de televisión e os videoxogos”, sinala o investigador, que incide á súa vez en que este sería aplicable tamén a outros xéneros, “xa que os valores son temas universais”. 

Da liberdade á crise de valores

“Fixándonos na temática, trátase de películas nas que hai gobernos nos que unha minoría oligárquica utiliza os mecanismos institucionais para someter a unha maioría social”, salienta o investigador, que subliña que trátase de filmes “que falan fundamentalmente da liberdade e a dignidade dos seres humanos”. Non obstante, tamén pon de relevo a necesidade de ter en conta que os filmes que centraron a súa tese “foron producidas en países rexidos por democracias liberais” que transmiten “valores que fomentan o seu estilo de vida e que non son necesariamente valores positivos”. Por exemplo, sinala, “xustifícase o uso da violencia exercida polos protagonistas para loitar contra a inxustiza dos opresores”, á vez que fomentan “antivalores individualistas e hedonistas que non son percibidos como negativos nestas sociedades”. 

Neste senso, Fernández Holgado pon de relevo na súa tese a existencia dunha “crise de valores na sociedade actual”, que viu reflectida neste xénero. “Nalgunhas persoas prima o individualismo sobre o ben común, apélase a liberdade para xustificar actitudes egoístas e hedonistas e hai pouca empatía cara as persoas con máis necesidades”, subliña o autor desta tese, que recoñece que a irrupción da covid-19 no treito final da súa investigación levouno tanto a confirmar ideas como “a presenza do xénero no día a día” como a cuestionarse “moitas outras ideas exploradas, como por exemplo a liberdade, a dignidade ou o respecto ás persoas”. A este respecto, sostén que a medida que avanzou a pandemia e se alongaron no tempo as restricións, esta serie de “contravalores” víronse tamén reforzados.