DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante da Facultade de Comunicación Diego Domínguez participará nas olimpíadas

Das aulas da UVigo aos Xogos Olímpicos de París

Este piragüista competirá na proba de C2 500 metros

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/07/2024

“Realmente, a día de hoxe non son quen de darlle a importancia que igual lle dou dentro dun ano, pero a sensación que teño é a de ter cumprido o maior soño da miña vida”. Deste xeito asume o piragüista e estudante da Facultade de Comunicación Diego Domínguez a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París. A medalla de prata que acadaba hai unhas semanas, xunto a Joan Antoni Moreno, no Campionato do Mundo celebrado en Hungría certificaba tamén que serían os representantes de España na competición de canoa por parellas (C2), na distancia de 500 metros, nunha cita á que acudirán, recoñece, “sen presión”, pero “con fame e ilusión”. 

Natural de Madrid, onde se iniciou na práctica de piragüismo, Domínguez Martín iniciaba no curso 2021-2022 a súa etapa como estudante do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. Facíao tras lograr poucos meses antes a súa primeira medalla nun campionato do mundo júnior e co inicio da súa etapa universitaria chegaba tamén o salto á categoría absoluta, o que facía que por aquel entón vise como un soño, “que de momento está lonxe”, sinalaba, a clasificación para unhas olimpíadas. Mais, os éxitos continuaron chegando e en 2022 lograba xunto co seu irmán Noel, estudante do Grao en Dirección e Xestión Pública, proclamarse tanto subcampión de Europa como do mundo sub23 na distancia olímpica do C2 500 metros, ademais de bronce na competición de mil metros. 

Un traballo que comezou co campionato do mundo sub23

Dous anos máis tarde, a prata acadada en Hungría xunto con Moreno supuña a súa primeira medalla nunha competición internacional de categoría absoluta, mais tamén a súa clasificación para os xogos de París. Previamente, Domínguez e Moreno lograban en xullo do pasado ano proclamarse campións do mundo sub23 na distancia olímpica, o que sería a súa vez o detonante para que ambos traballasen xuntos co obxectivo de acadar unha praza en París. Como lembra este alumno da UVigo, despois de que a ambos lles "saíse mal o selectivo absoluto” de 2023, decidiron preparar xuntos a proba clasificatoria para mundial sub23. “Gañamos ese selectivo, fomos ao Campionato do Mundo e gañámolo sacándolle case un barco ao segundo clasificado”, lembra, e isto levounos a pensar “que igual darlle continuidade a ese barco tiña sentido”.

Comezaron entón a remar xuntos o que motivou á súa vez que Domínguez se trasladase o pasado mes de outubro a Mallorca, co obxectivo de prepararse xunto co seu compañeiro de embarcación. “Era ano olímpico e pensei que había que intentalo e dar ese pequeno plus”, recoñece. Tras meses de traballo, ambos lograban impoñerse no selectivo, superando a Cayetano García e Pablo Martínez, que foran os vencedores o ano anterior. Isto provocaba que a embarcación que representaría a España nas olimpíadas fose a decidirse no mundial de Hungría, no que Domínguez e Moreno debían rematar por diante de García e Martínez, campións do mundo en 2020 e olímpicos en Tokio 2021, xa que do contrario serían estes os que acudirían a París. “A nosa mentalidade en Hungría foi non centrarnos neles e fixar o noso traballo en gañar a Copa do Mundo, porque se non, ao final estás máis preocupado do que faga o outro barco que de que vaia ben o teu”, lembra o piragüista do Breogán do Grove. Finalmente, non acadaron o ouro, que foi para os rusos Ivan Shytl e Alexey Korovaskhov, pero si a clasificación e semanas despois atopábanse na presentación do equipo olímpico de piragüismo. 

Por diante, quedan a últimas semanas de preparación antes de viaxar a París. Alí, acudirán co obxectivo de loitar polo ouro, recoñece, despois de no mundial de xuño superasen a boa parte dos que serán seus rivais na proba olímpica. “Nos imos a vivir a experiencia. Sendo realistas, son os nosos primeiros xogos e non temos presión pola medalla”, recoñece Domínguez, ao tempo que admite que “espérase moito de nós, porque é evidente o potencial que hai no barco e que pode conseguirse un bo resultado”. 

A comunicación como campo de futuro

Estes meses de preparación en Mallorca dificultaron, por outra banda, que Domínguez puidese compaxinar a súa faceta de deportista cos estudos de Publicidade e Relacións Públicas do mesmo xeito que facía nos cursos previos, cando adestraba no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Pese a todo, lembra, “no primeiro cuadrimestre aprobei catro das cinco materias”, mais nestes últimos meses, recoñece, “estou tendo o problema de que non me podo desprazar a Pontevedra a realizar os exames”, o que fai que “necesitas que o profesor estea un pouco implicado, porque, ao final, se non te tenden a man, non podes facer as cousas”. Pese a todo, Domínguez recoñece tamén o seu interese por estes estudos. “Gústame a comunicación e creo que é o meu sector. De feito, trato de desenvolverme nel o máximo posible, a nivel persoal e profesional”, destaca este alumno, que puxo e marcha a súa propia axencia de creación de contido para redes sociais. Esta iniciativa, explica, naceu da súa propia experiencia como deportista á hora de potenciar as súas redes sociais. Optou por facelo por el mesmo e isto levouno a pór en marcha un proxecto dirixido a “axudar a deportistas e xente con marcas persoais que busquen profesionalizar e monetizar as súas redes sociais”. Neste senso, Domínguez incide en que, ao igual que no piragüismo, “no que realmente che gusta, hai atreverse e facer cousas”, posto que a súa idea é, máis aló do deporte, “buscarme a vida e o meu futuro neste sector”.