DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Problemas co chasis impediron que o monopraza rodase en Montmeló e Hockenheimring

Búscanse alumnas e alumnos dispostos a meterse de cheo na construción do UM22

O prazo para inscribirse no único equipo de Formula Student de Galicia manterase aberto ata o día 23

Tags
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 09/09/2021

Tras meses de plena dedicación e moito traballo e esforzo, problemas co chasis impediron que o monopraza UM21 rodase este verán no circuíto catalán de Montmeló. A este problema técnico houbo que sumar outras complicacións que, finalmente, motivaron que o equipo decidise renunciar a participar na pista alemá de Hockenheimring. “Foi un momento duro” pero son conscientes que salvo ese problema técnico, que lles impediu pasar o  scrutineering -a inspección técnica e de seguridade do coche que realiza un grupo de especialistas-, foron quen de fabricar, e así llo fixeron saber os xuíces da proba, “un bólido que é competitivo”, o que lles dá “a forza e motivación necesarias para seguir mellorando”, tal e como explican desde UVigo Motorsport, o único equipo de Formula Student de Galicia. Na súa mente está xa a nova tempada e, pensando nela, acaban de abrir o prazo para a ampliación dos seus integrantes: buscan mozas e mozos dispostos a meterse de cheo na construción do que será o UM22.

O curso pasado formaron parte de UVigo Motorsport 37 estudantes e a intención é ampliar este número. Xa abriron o prazo para anotarse e as persoas interesadas deben inscribirse a través das súas redes sociais antes do vindeiro día 23. “O equipo vaise renovando cada ano. Na actualidade somos unhas 30 persoas e encantaríanos que se unisen a nós moitos máis estudantes”, explica Sara Barbeito, responsable de Comunicación. Búscanse persoas para todas as seccións: aerodinámica, organización e marketing, chasis, propulsión, dinámica, electrónica...

“Con máis ilusión e motivación ca nunca”

“A pesar das complicacións e de que as cousas non rematasen como desexabamos, estamos orgullosos de todo o traballo realizado polo noso equipo durante esta tempada”, salienta Barbeito, ao tempo que fai fincapé en que demostraron que “grazas ao traballo e esforzo realizado, ademais da axuda proporcionada polos patrocinadores, soubemos superar a gran cantidade de dificultades que se nos presentaron durante este ano tan complicado”.

Arrancan agora a nova tempada “con máis ilusión e motivación ca nunca”, dispostos a aplicar todo o aprendido e “aproveitando desde xa o monopraza recen xestado”. Neste sentido, animan a todas as persoas interesadas en ver de preto o bólido a achegarse a algunha das feiras nas que van participar nos vindeiros días por toda a xeografía galega. Do 14 ao 16 estarán en MindTech, en Vigo; o 18 e 19 no Open Science de Cambre; o 24 na Noite Galega das Persoas Investigadoras, e o 25 na feira de empredendemento Pont-Up Store de Pontevedra.