DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns retorna o ciclo Docs del Mes, coa proxección de ‘Como yo quiera’ no Teatro Principal

O campus mantén a súa aposta polo cinema documental

A programación continuará, o terceiro luns de cada mes, na sede da Vicerreitoría

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/09/2021

Tras o verán, Pontevedra recupera en setembro a súa cita mensual co cinema documental da man de Docs del Mes, un ciclo de cinema de documental que se desenvolve de xeito paralelo en preto de 70 cidades de toda España. Impulsada pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello de Pontevedra, esta programación retómase o vindeiro luns coa proxección de Como yo quiera (as I want), de Samaher Algadi, no Teatro Principal. Con entrada libre ata completar aforo, as proxeccións continuarán desenvolvéndose o terceiro luns de cada mes, ás 20.00 horas, trasladándose en outubro á sala de conferencias da Vicerreitoría do campus, por mor das obras previstas no Teatro Principal.

“Docs del Mes é un evento que ofrece a posibilidade de ver documentais sumamente interesantes pola visión crítica e plural que ofrecen sobre problemáticas que azoutan non só á nosa sociedade, senón tamén a outros contextos”, salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, que incide nese senso no positivo desta programación de cara a “provocar a reflexión e sensibilización” respecto de “realidades das que normalmente non temos noticia”.

Catro citas por diante en 2021

Nese senso, Agrelo pon de relevo a importancia outorgada á perspectiva de xénero nesta programación que o vindeiro luns 20 retómase cun documental no que a directora Samaher Algadi, presentada como “unha voz emerxente no cinema documental árabe”, retrata en primeira persoa a indignación e protestas das mulleres exipcias a raíz das violacións en grupo perpetradas na praza Tahir do Cairo en xaneiro de 2011, no marco das mobilizacións da chamada Primavera Árabe. 

Xa en outubro, o ciclo continuará con El retorno. La vida después del Isis, da directora e produtora española Alba Satorra, quen tivo acceso ao campo de al-Roj, no noroeste de Siria, desde onde puido amosar neste filme “a dura realidade dun grupo de mulleres atrapadas polo seu pasado como membras do Isis”, segundo recolle a empresa organizadora deste ciclo de cinema documental. O teceiro luns de novembro poderá verse na Vicerreitoría Lobster Soup, un documental dos directores e guionistas Pepe Andreu Ibarra e Rafa Molés Vilar, centrado no café Bryggian, “o alma da vila máis gris de Islandia”, nun filme que a coordinadora de Docs del Mes presenta como “unha comedia deliciosa sobre as comunidades humanas”. 

Para pechar 2021, o ciclo deterase de novo nas discriminacións e inxustizas que sofren as mulleres en diferentes partes do mundo, coa proxección de Mothers, un filme no que a cineasta Myriam Bakir pon o foco en como en Marrocos “unha muller pode ir a prisión se queda embarazada sen estar casada”, ao estar tipificadas como delito as relacións sexuais fóra do matrimonio. Unha problemática que esta realizadora denuncia a través da historia da asociación Oum El Baninente e da súa impulsora, Mahjouba Edbouche.