DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa sexta edición celebrarase do 7 de outubro ao 4 de novembro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil volve á palestra para fomentar ler e pensar “sen tabús”

Debido á situación provocada pola covid-19 as conferencias serán virtuais

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Ourense 21/09/2020

A sexta edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que cada ano se celebra no campus de Ourense xa ten data e programación. A cita terá lugar nesta ocasión do 7 de outubro ao 4 de novembro co lema Sen tabús: ler para pensar e nela participarán as e os escritores Fina Casalderrey, An Alfaya, Xavier Estévez, María Canosa e o ilustrador Marcos Viso. Debido á pandemia, as conferencias pasan do formato presencial ao virtual.

Esta iniciativa está coordinada pola profesora da UVigo Isabel Mociño e conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. “Empezamos coa sexta edición e ao igual que en anos anteriores programamos facer unha sesión semanal”, explica Isabel Mociño. As sesións, apunta, “serán nesta ocasión virtuais atendendo á situación da pandemia e as posibilidades de espazos dispoñibles para o aforo que necesitabamos en caso de facelas presenciais”. A pesar dos condicionantes provocados polo coronavirus, sinala a coordinadora do ciclo, “a idea é manter a cita, aínda que sexa nun formato diferente, e seguir dándolle ao alumnado a oportunidade de encontrarse con autores e autoras de referencia”.

Os obxectivos do ciclo, lembra Isabel Mociño, continúan sendo os mesmos: visibilizar a produción literaria e a autores e autoras para o público máis novo desde unha perspectiva dinámica; abrir novas vías e temáticas para complementar a visión arredor do sistema literario e darlle a oportunidade a futuros mestres e mestras de coñecer de primeira man a produción de autores e  autoras sobre os que traballarán cando exerzan. Nesta edición, apunta, afondarase nos tabús, como poden ser a morte ou a enfermidade. “Ultimamente obsérvase que hai demasiada literatura politicamente correcta. Hai como unha dulcificación de temáticas como poden ser a morte nesta tendencia a termos á infancia superprotexida, case nunha burbulla distanciada da realidade”, comenta a coordinadora da iniciativa. Nun momento histórico coma o actual, recalca, “onde os nenos e nenas tamén son conscientes do que é a morte, a perda ou incluso a falta da liberdade á que estabamos acostumados, a lectura, a literatura estanos dando respostas a como enfrontarnos á perda. En malos tempo ou tempos complicados coma estes, a lectura é máis necesaria ca nunca”, comenta Isabel Mociño.

Cinco sesións

A programación arrancará o 7 de outubro cunha intervención titulada Fórmula máxica para derrubar valos e ofrecida por Fina Casalderrey, da que Isabel Mociño subliña como “é unha das autoras máis consolidadas da literatura infantil galega e unha autora que sempre abordou con moitísima naturalidade temáticas tan duras como a morte de seres queridos". O 14 de outubro tomará o relevo An Alfaya coa súa conferencia Desbotando tabús. Ler: eu imaxino, viaxo, soño, emociónome, penso, sinto e vivo. E ti? Trátase, apunta a coordinadora do ciclo, “dunha autora cunha traxectoria moi dilatada e recoñecida que foi pioneira en integrar con total naturalidade nas súas obras temáticas consideradas tabú hai anos, como a sida". Pola súa banda Xavier Estévez intervirá o 21 de outubro nunha sesión que leva por título Escrito na marxe. “Nas súas obras, este escritor ofrece unha visión diferente, na liña de botar abaixo barreiras, integrando na literatura cuestións como as enfermidades ou as minusvalías e ofrecendo unha ollada inclusiva da diversidade”.

María Canosa participará nesta sexta edición do ciclo o día 28 baixo o título LIX tamén é Lanzadeira de Ideais Xustos. “María é unha autora máis nova que os anteriores pero que tamén ten abordado a temática da perda nas súas obras, ofrecendo unha visión ao mellor máis fantástica de como afrontar a desaparición de seres queridos”. A programación deste VI Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil pecharase o 4 de novembro cando Marcos Viso fale de O equilibro poliédrico ou a arte de escribir con imaxes. “Trátase dun ilustrador ourensá que ademais de colaborar cos autores anteriores, el mesmo publicou un álbum que aborda directamente a dobre cara da vida e a morte”.O ciclo, pensado principalmente para o alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social, está aberto á inscrición de balde das persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria.