DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro que se celebra entre hoxe e o 21 de xuño

O CIM reúne unha trintena de especialistas internacionais para afondar no estudo dos quistes de dinoflaxelados como ferramenta para entender o cambio climático 

Os asistentes participan en mesas redondas, charlas e unha saída de campo á Cíes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • Internacional
  • Investigación
DUVI 18/06/2024

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) reúne en Vigo, desde hoxe e ata o vindeiro venres, preto de 30 científicas e científicos dunha ducia de países para afondar no estudo dos quistes de dinoflaxelados como ferramenta para entender o cambio climático e a dinámica dos ecosistemas mariños. Neste workshop internacional, que se celebra no edificio Redeiras da UVigo, abórdanse, desde diferentes enfoques, a importancia que teñen como indicadores ambientais estas microalgas, cuxos quistes son estruturas de resistencia que poden conservarse nos sedimentos durante milleiros de anos, permitindo o seu estudo reconstruír os cambios climáticos e ambientais que afectaron aos ecosistemas no pasado. Deste xeito, pódense facer predicións cara o futuro e deseñar estratexias de xestión mariña informadas e eficaces.

Así, expertos de países como Noruega, Portugal, Canadá, Alemaña, Alxeria, Reino Unido, Grecia, Holanda, China, México, Francia, Bélxica e Estados Unidos debaterán ata o venres en Vigo sobre a importancia destas estruturas, desde o ámbito da bioloxía e ecoloxía, a súa aplicación na paleoceanografía, a utilización da IA no estudo dos mesmos, a reconstrución de ecosistemas mariños antigos a través dos quistes e a súa taxonomía.

Na procura de respostas sobre o funcionamento do medio mariño

O director do CIM, Daniel Rey, considera que “este obradoiro representa una oportunidade única para interactuar cunha comunidade diversa de científicos e científicas, que proporcionará unha plataforma de intercambio de ideas, discusión de investigacións de vangarda e exploración de novas vías de colaboración”. A organizadora do evento, a investigadora do CIM, Iria García Moreiras, insistiu na inauguración en que “entre os obxectivos deste obradoiro están o compartir coñecementos, identificar necesidades e xuntar forzas  para resolver cuestións científicas cada vez máis complexas sobre o funcionamento do medio mariño”.

O obradoiro inclúe mesas redondas interactivas, sesións de presentacións orais e unha saída de campo ás Illas Cíes. Os e as asistentes poderán compartir as súas experiencias de investigación, xerar ideas relevantes e traballar xuntos na elaboración de recomendacións para mellorar os estudos sobre quistes de dinoflaxelados, de tal forma que, rematado o evento se poidan resumir estes esforzos nun informe técnico.