DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao seu abeiro realízase a dixitalización en alta resolución de varios petróglifos de Penedo do Muro

Unha colaboración internacional pon de relevo o interese dun conxunto de gravados rupestres da comarca de Monterrei

Coa participación do Geaat e membros do proxecto europeo RAW RockArt, Words and Warriors

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 11/10/2021

No marco dunha colaboración internacional entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) e o proxecto de investigación europeo RAW RockArt, Words and Warriors (Arte Rupestre e Interacción Marítima na Europa Atlántica), o conxunto de gravados rupestres de Penedo do Muro (Sandín, Flariz, Monterrei, Ourense) foi recentemente obxecto dunha actuación para a realización dun rexistro dixital de alta resolución.

O traballo de documentación, autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, estivo dirixido pola arqueóloga do Geaat Beatriz Comendador Rey. O equipo de intervención que se desprazou a Ourense por parte do proxecto RAW RockArt, Words and Warriors (Hällristningar och maritim interaktion i Atlantiska Europa, 2019-2022), financiado pola Fundación Sueca de Investigación Vetenskapsrådet, estivo formado por Johan Ling (University of Gothenburg); Magnus Artursson (Sweedish National Historical Museum/ University of Gothenburg) e Marta Díaz-Guardamino Uribe (Durham University), responsable esta última do traballo desenvolvido na península ibérica no marco deste proxecto. Esta colaboración, indican desde o Geaat, é unha mostra do esforzo “de internacionalización e de amosar o rico patrimonio rupestre da comarca de Monterrei alén dos nosos núcleos académicos, xa que a arte rupestre do interior transfronteirizo actualmente queda fóra dos itinerarios temáticos rupestres europeos, como é o caso do CAARP".

A actuación realizada no conxunto arqueolóxico ourensán, explica Beatriz Comendador, centrouse no petróglifo de Penedo do Muro 1 e no petróglifo de Penedo do Muro 2, a escasos 20 metros ao norte do anterior, separado por un muro tradicional de división de fincas. No primeiro caso fíxose un rexistro parcial e no segundo un rexistro case completo. A nova documentación realizada emprega técnicas como o escaneado con láser portátil de gran precisión e Reflectance Transformation Imaging (RTI) para algún dos detalles. “Unha das cousas que permite estudar esta resolución tan ampla é por exemplo comparar a tecnoloxía dos diferentes tipos de sucos con que están feitos os gravados na pedra, para ver se todos os gravados son da mesma época ou non, que é unha cousa que non sabemos con certeza. O rexistro definitivo permitirá facer o estudo microtopográfico da superficie da pedra”, comenta Beatriz Comendador.  Ata o de agora, as e os investigadores dispoñían dun calco dixital dos gravados obtido no 2019 polo Geaat a partir dunha fotogrametría que fora realizada en 2014.

Estelas de guerreiro

Un dos principais obxectivos do proxecto sueco RAW RockArt, Words and Warriors é realizar un estudo comparativo sistemático e detallado das estelas de guerreiro peninsulares e sitios de arte rupestre relacionados coa arte rupestre da Idade do Bronce final do sur de Escandinavia. “Existen unha serie de paralelismos (ademais de diferenzas) relevantes entre as dúas tradicións que recibiron atención renovada recentemente, xa que se considerou a hipótese de posibles contactos entre a península ibérica e Escandinavia neste período. O que estaría por determinar é se estas relacións foron directas ou indirectas.”, sinala Beatriz Comendador. Neste contexto, engade, os estilos de manufactura da arte rupestre, ademais da iconografía da arte rupestre, “teñen o potencial de achegar información valiosa para explorar estas cuestións”.

“Hai moitas estelas de guerreiro por toda a Ruta da Prata, é un fenómeno fundamentalmente do suroeste peninsular. Estas estelas son pezas que teñen gravados na parte dianteira, que estaban chantadas e normalmente tiñan representacións da panoplia dun guerreiro, é dicir, o escudo, a lanza, a espada e ás veces outros elementos”, comenta Beatriz Comendador. Na comarca de Monterrei, engade a arqueóloga, “temos unha estela, a da Pedralta do Castrelo do Val, que é unha das estelas máis setentrionais que se coñecen, e logo hai outras polo val do Támega, como por exemplo as que están en Castelões, en Chaves (Portugal) ou a de Tojais en Montalegre”. Estas estelas tamén foron de interese por parte dos membros de RAW RockArt, Words and Warriors na súa visita ao val do Támega.

Antecedentes

O traballo no conxunto arqueolóxico de Penedo do Muro, sinala Beatriz Comendador, ten os seus antecedente inmediatos no proxecto Alto Támega: Accións na Paisaxe Patrimonial (2013) e posteriormente no proxecto (IDE-OU): Integración e Publicación de Información Arqueohistórica Xeoreferenciada da Provincia de Ourense a través da Rede (2014), desenvolvidos polo Geaat da Universidade de Vigo, no marco da revisión e estudo territorial dos xacementos da prehistoria recente do val do río Támega (concellos de Laza, Castrelo do Val, Monterrei, Verín e Oímbra), no que foron integrados estes conxuntos localizados xa con anterioridade. No marco destes proxectos foi realizada unha limpeza dos gravados, coa finalidade realizar o rexistro seguindo as metodoloxías convencionais. Xa posteriormente, no ano 2019, empregando como base o rexistro gráfico de 2014, o Geaat levou a cabo un calco dixital de ambos conxuntos, moi afectados polas vagas de incendios de 2013 e 2020.