DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os I Xogos Intercentros reúnen 43 equipos e máis de 300 participantes

Deporte e cultura protagonizan o arranque das celebracións de Santa Bárbara

Este sábado celebrarase unha andaina ao monte Galiñeiro e a tradicional carreira popular será o venr

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 23/11/2021

Deporte e cultura son os dous ingredientes básicos cos que a Delegación de alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía quere celebrar a súa patroa, Santa Bárbara. As actividades arrancaron xa coa celebración do Mes cultural de Santa Bárbara 2021, charlas semanais nas que especialistas de diferentes eidos afondan en cuestións de interese relacionadas cos graos impartidos na escola, e tamén co despegue dos I Xogos Intercentros, unha actividade coorganizada coas delegacións de alumnado das facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, ao abeiro das celebracións, tamén este mes, do seu patrón, San Alberte.

A estas dúas citas sumarase unha andaina ao monte Galiñeiro, o sábado 27 ás 11.00 horas; un pincho e música o xoves 2 de decembro nunha carpa situada no aparcadoiro do Edificio Fundición; a tradicional Carreira Popular de Santa Bárbara e o partido de profesoras/es vs. Alumnas/os, previstas ambas cousas para o venres 3.

“Orgullosos” polo éxito de convocatoria dos Xogos intercentros

Baixo o lema Aquí non todo é ciencia, os Xogos intercentros “xorden porque o patrón das facultades de Ciencias Experimentais e a patroa da EEME están moi próximos en datas e, como as delegacións non soen facer nada en conxunto con outros centros, pensamos que sería unha bonita iniciativa para que a xente da comunidade universitaria se integre e conviva máis aló da vida académica”, explica Blanca Barros, da delegación de alumnado da Facultade de Química.

En total participan nesta primeira edición do torneo 43 equipos das seguintes categorías: baloncesto, fútbol 7, concurso de triplas, atletismo 100 metros, 200 metros, relevos, voleibol e tenis de mesa. “Contamos ademais con 43 persoas anotadas para participar nos diferentes xogos individuais de atletismo”, explica Barros, ao que engade que a cifra total de participantes é de 320, “algo do que nos sentimos moi orgullosos”. Desglosando os datos, o deporte con máis adeptos é o fútbol 7, con 22 equipos inscritos; seguido do baloncesto, con 10 equipos; o voleibol con 7, e os relevos con 6. En deportes individuais hai inscritas 20 persoas en atletismo 100 e 200 metros, 11 no concurso de triplas e 12 en tenis de mesa.

As actividades arrancaron este mediodía e prolongaranse ata o vindeiro xoves día 2 de decembro, concentrándose a maior parte das actividades na franxa horaria de 13.00 h as 18.00 horas, segundo o deporte.

Charla do escritor e activista Carlos Taibo no peche do mes cultural

As charlas do mes cultural de Santa Bárbara arrancaron xa o pasado día 10 coa participación do profesor Ramón Nóvoa, que falou sobre os sistemas de almacenamento de enerxía (pilas, baterías, corrosión), e o  día 17 coa intervención de José Durany, Tecnoloxía matemática low cost para a industria e o medio ambiente. A seguinte cita será mañá día 24 e nela contarase coa participación da directora da escola, Elena Alonso, que afondará no papel das materias primas minerais na transición enerxética. O ciclo pecharase o 1 de decembro coa participación do escritor, activista e profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidad Autónoma de Madrid, Carlos Taibo, que achegará ao público vigués a súa teoría do decrecemento, un modelo social baseado na redución drástica da produción material das sociedades humanas e co que se persegue asegurar a sustentabilidade medio ambiental.

A carreira popular mantén a súa vertente solidaria

Un ano máis a carreira popular mantén a súa vertente solidaria. Aberta á participación de toda a comunidade universitaria, así como de persoas alleas a ela, o que solicitan desde a organización é que cada participante achegue o propio día do evento 1 kg de alimentos non perecedoiro, que posteriormente se doará ao banco de alimentos.

As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través do campus activo. A cita será o venres 3 ás 12.00 horas nas pistas de atletismo do campus de Vigo. O percorrido total é de 5 km.