DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da sinatura de tres convenios coa Universidade

A Deputación de Pontevedra destina 210.000 euros á mobilidade do alumnado da UVigo, ao fomento da investigación e ao impulso do Campus Crea

Unha das liñas será o apoio a proxectos para o desenvolvemento social e económico e da provincia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Pontevedra 24/05/2023

Promover a mobilidade internacional do estudantado, desenvolver proxectos de investigación que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e dar impulso ao proxecto de especialización Campus Crea. Estes son os eixes dos tres convenios cos que, como anunciou este mércores, a Deputación de Pontevedra “reforza a súa colaboración” coa Universidade de Vigo e aos que destina un total de 210.000 euros.

Destes fondos, 80.000 euros dedicaranse á posta en marcha dun programa de axudas para o desenvolvemento de proxectos de investigación en diferentes ámbitos, mentres que outros 100.000 destinaranse a promover a mobilidade do alumnado que participa en programas como o Erasmus+. Finalmente, o ente provincial achegará tamén 30.000 euros ao Campus Crea, para a realización conxunta de eventos culturais ou deportivos e de proxectos con entidades empresariais. Segundo destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o obxectivo destes acordos é “fomentar o coñecemento, favorecer unha mellor atención ao alumnado e á investigación” e tamén a “grandes proxectos que permiten referenciar á Universidade", como o Campus Crea.

Fomento de investigacións en cinco liñas

Unha das iniciativas anunciadas nesta xornada é a posta en marcha dun programa de axudas a proxectos do persoal investigador dos campus de Vigo e Pontevedra. Este programa, destacou a Deputación, “busca apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade”, así como á especialización do campus pontevedrés. 

Concretamente, financiaranse cun máximo de 7900 euros dous proxectos de cada unha das liñas sinaladas neste acordo e relacionadas “cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia”. Por unha banda, no ámbito das ciencias, apoiaranse estudos centrados na biodiversidade e conservación ambiental e tamén na agrobioloxía ambiental; mentres que no eido das ciencias da saúde, as liñas de investigación sinaladas son as novas estratexias de prevención e promoción da saúde e a medicina e saúde pública. Finalmente, no referido ás ciencias sociais, porase o foco na economía, sociedade e territorio e máis concretamente, nos estudos demográficos. 

Así mesmo, esta convocatoria buscará “contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia, polo que se terá en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas”, informou a institución provincial.

Apoio ao Campus Crea

Outro dos eixes desta colaboración é o proxecto de especialización Campus Crea, destinándose 30.000 euros á “realización conxunta de actividades e actuacións para contribuír á consecución dos obxectivos marcados no seu plan estratéxico”. En concreto, esta colaboración está destinada a financiar a divulgación do Programa de Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible, no seo do que se desenvolven investigacións interdisciplinares; así como a promoción e organización de eventos culturais e deportivos e de proxectos colaborativos entre o campus e as entidades empresariais provinciais. 

Neste punto, desde a Deputación poñen de relevo que este proxecto “pretende dotar ao campus de Pontevedra dunha maior singularidade e especialización en base ás súas vantaxes competitivas”, aglutinando “baixo unha mesma identidade e imaxe de marca todas aquelas áreas de coñecemento nas que ten experiencia e capital humano”. 

100 bolsas para o alumnado

Finalmente, Deputación e Universidade asinan un ano máis un convenio para a promoción da mobilidade internacional do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo, ao que se outorgarán 100 bolsas de 1000 euros, dirixidas a complementar as axudas que reciben para realizar estadías en universidades estranxeiras. Concretamente, outorgaranse 80 bolsas ao estudantado participante no programa Erasmus+ Estudos, mentres que as 20 restantes reforzarán as bolsas propias da Universidade, as axudas ISEP e o programa GE4 para estudantes de enxeñaría, co propósito de que poidan completar os seus estudos en países extracomunitarios.

“Na situación actual, coa pandemia ou a suba de prezos e as dificultades que estamos atravesando, moitas familias teñen moi difícil poder achegar recursos para que as súas fillas poidan facer estas mobilidades, fundamentais para acadar unha educación máis global e máis  ampla”, destacou Silva, que incidiu na importancia deste tipo de iniciativas para a formación integral do alumnado e a súa adaptación ás esixencias do mercado laboral.