DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nuns talleres promovidos xunto coa Área de Emprego e Emprendemento

Diferentes seminarios achegan ao alumnado de Dirección e Xestión Pública ferramentas para a súa inserción no mercado laboral

A iniciativa completarase cun taller co Colexio de Xestores Administrativos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/05/2022

Do xeito de dar a coñecer a traxectoria académica e profesional nunha entrevista de traballo, a como enfrontarse a test psicotécnicos e dinámicas de grupo nun proceso de selección de persoal, pasando pola propia elaboración do currículo. Mellorar as competencias do alumnado da Facultade de Dirección e Xestión Pública en aspectos que “en moitos casos abórdanse nas materias desde un punto de vista teórico ou dunha maneira máis tanxencial”, como explica o seu decano comisario, Enrique Varela, é o obxectivo dos talleres que integran o Seminario de empregabilidade que levan a cabo coa colaboración da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade. 

“Son seminarios profesionalizantes que se lles ofrecen fundamentalmente ao alumnado de terceiro e cuarto curso e que organizamos coa delegación de alumnado como unha actividade formativa complementaria”, engade dunha iniciativa que este venres levou a cabo os seus dous primeiros talleres. Impartida por técnicas da Área de Emprego e Emprendemento, esta actividade verase posteriormente complementada por un seminario organizado coa colaboración do Colexio Oficinal de Xestores Administrativos de Galicia e a empresa Siga, dirixido a iniciar aos futuros titulados e tituladas nas aplicacións que se empregan nas xestorías.

De como presentarse a onde buscar traballo

Impartido pola técnica de orientación laboral Belén Fernández Durán, o seminario arrancou este venres cun taller titulado Coñécete a ti mesmo/a: o teu proxecto profesional, dirixido fundamentalmente, como explica Varela, a abordar como deben “contar a súa historia laboral e profesional” nunha entrevista de traballo. “Un dos principais problemas entre a xente nova é que poden ter un moi bo currículo, moitas gañas e moita capacidade de traballo, pero non saben contalo”, engade nese senso o decano comisario da futura facultade. Por outra banda, esta primeira xornada completouse cun segundo taller centrado na busca de emprego, “xa que é moi importante saber seleccionar e segmentar o mercado”, engade Varela, que destaca que, alén “dos procesos de selección das administracións públicas”, os graduados e graduadas teñen tamén “moito potencial” para traballar en empresas como xestorías ou consultorías, así como en “organizacións de carácter social”.

A actividade continuará o vindeiro venres con dous novos talleres, un centrado na elaboración do currículo e a carta de presentación e outro dirixido a preparalos para os diferentes “filtros que deben pasar nun proceso de selección de persoal”, como a realización de tests psicotécnicos, dinámicas de grupos dirixidas a coñecer “a súa capacidade de traballo en equipo” ou a realización de entrevistas, explica Varela. 

Seminario co Colexio de Xestores

Ao abeiro do convenio de colaboración asinado o pasado ano pola Universidade e o Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, esta actividade verase continuada o mércores 1 de xuño por un seminario no que técnicos da empresa Siga, “que presta soporte tecnolóxico aos colexios de xestores de toda España”, amosarán ao alumnado o funcionamento “dalgunhas das aplicacións coas que traballan os xestores administrativos”. Esta actividade abrirase cunha presentación introdutoria sobre o acceso ao emprego no ámbito das xestorías, que contará coa participación da presidenta do colexio galego, Pilar Otero, e o director xeral de Siga, Miguel Ángel Romero.