DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da sinatura dun convenio

A EE Forestal explora vías de colaboración en docencia e investigación coa empresa Redenor

O obxectivo é que poida converterse nun socio do centro en diferentes tipos de proxectos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 21/06/2022

Con 25 anos de traxectoria, Redenor (Repoblaciones y Desbroces del Noroeste) é unha das empresas de servizos forestais cunha traxectoria máis lonxeva e maior volume de traballo no sur de Galicia, o que a converte nun interesante aliado para a Escola de Enxeñaría Forestal, tanto en aspectos docentes como de investigación, segundo explica o seu director, Juan Picos. Con esa idea, a empresa asinará un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, que o director deste centro do campus pontevedrés e o xerente de Redenor, Fran Abilleira, concretaron nunha reunión na escola. 

“Para nós, Redenor supón unha ventá moi boa”, salienta Picos, que apunta que as empresas que traballan en ámbitos como a silvicultura, as repoboacións ou as rozas adoitan ser “moito máis pequenas e locais” que noutros sectores da cadea madeira-industria, como podería ser o da transformación. De aí que poña o de relevo a importancia de contar como socio “cunha empresa que leva 25 anos realizando fundamentalmente traballos sobre o monte, contratados por comunidades de montes, polas administracións ou por empresas concesionarias”. Formado na escola, o novo xerente de Redenor destaca que o obxectivo deste convenio é “estreitar lazos coa Universidade e contribuír á formación de futuros enxeñeiros forestais, facéndolles partícipes no día a día dunha empresa que ofrece servizos forestais manuais e mecanizados e conta cun equipo técnico que dá saída a gran diversidade de proxectos, que van desde a tramitación, seguimento e execución de subvencións ata a elaboración de proxectos medioambientais”.  

Tres vías de colaboración

Como acordaron nesta xuntanza, Redenor e a UVigo asinarán un convenio marco de colaboración que, en primeiro termo, contribuirá á completar a formación do propio alumnado “nas visitas de campo que realizamos na metade das materias do grao”, explica Picos. Nese  senso, esta colaboración permitirá aos e ás estudantes coñecer de primeira man diferentes tipos de obras forestais ou observar a evolución de repoboacións. Mais, ao mesmo tempo, o director da EE Forestal pon o foco no papel que a empresa pode xogar como socio en diferentes proxectos de investigación, “xa que pode axudarnos a levar adiante tarefas que nós polos nosos medios non seríamos capaces de realizar” e nas que é clave, de cara á posterior análise de resultados, que sexan realizadas seguindo unhas determinadas pautas, explica. Así mesmo, Picos sinala a posibilidade de concorrer a proxectos “como grupos operativos ou actividades de transferencia nas que participan tanto centros de investigación como empresas”, á vez que incide na colaboración que os investigadores e investigadoras da escola poden prestar á empresa “á hora de mellorar ou adaptar os seus procesos”

Por outra banda, este acordo de colaboración verase complementado pola sinatura dun convenio de cooperación educativa que permita ao alumnado realizar prácticas na empresa.