DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas que se celebran este xoves e venres no campus

Especialistas de dez universidades abordan os avances na historiografía do goberno dos primeiros Borbóns

No marco dun proxecto estatal sobre o reino de Galicia na monarquía de Felipe V

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 21/10/2021

Os primeiros Borbóns. Poder e dinámica política. Este é o título dunhas xornadas que este xoves e venres se celebran na Facultade de Historia do campus de Ourense. Nelas, especialistas de dez universidades abordan os avances na historiografía do goberno dos primeiros Borbóns. O seu obxectivo é dar a coñecer e pór en común os últimos traballos feitos no eido da investigación histórica nesta etapa, desde a xustiza e o goberno ata a guerra e a facenda.

Visión interdisciplinar

A iniciativa, coordinada por María López (Universidade de Vigo) e María del Carmen Saavedra (Universidade de Santiago de Compostela), está organizada como parte das actividades do proxecto O reino de Galicia na monarquía de Felipe V e polo Grupo de Investigación H2M-Equipo Historia Moderna da Universidade de Vigo. Trátase dun proxecto de I+D posto en macha en 2017 con subvención do Ministerio de Economía e Competitividade, cofinanciado pola Axencia Estatal de Investigación e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional cuxo principal obxectivo é fomentar a análise comparada e o debate sobre o estudo do poder, institucións e dinámicas políticas durante o período dos primeiros Borbóns entre persoal investigador de distintas universidades, así como sentar as bases para futuras colaboracións con outros grupos de investigación. Conta coa participación interdisciplinar das tres universidades galegas, xa que están implicados especialistas das áreas de dereito, política e historia, e está coordinado por María López.

Na inauguración das xornadas, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou que esta actividade ten como finalidade “debater e facer unha proposta común sobre avances e novas liñas de investigación sobre unha etapa que marcou a nosa historia, unha etapa baseada na instauración e goberno dos primeiros Borbóns españois”. Pero alén do seu contido específico, a vicerreitora subliñou que a iniciativa “é un exemplo do dinamismo e do bo facer” do grupo organizador e da facultade que acolle as xornadas, salientando como estas características “queremos que lideren a actividade deste campus e a actividade da nosa universidade, a Universidade de Vigo”. Pola súa banda, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, tamén puxo de relevo ese dinamismo. Así, quixo “agradecer publicamente á Área de Historia Moderna, encabezada por María López, e a todos os seus compoñentes pola colaboración constante co centro e por ese esforzo que fan do que hoxe denominamos boas prácticas, que van máis alá do que temos que facer como docentes e investigadores”. Concretamente, subliñou o seu esforzo na visibilización do traballo que realiza o profesorado con iniciativas como estas xornadas de posta en valor do traballo investigador.

Dous eixes temáticos

Como co-coordinadora da actividade, María López explicou que esta iniciativa segue a filosofía das anteriores xornadas realizadas no marco do proxecto de “reunir unha serie de especialistas e intercambiar e debater pareceres sobre unha temática; sobre os nosos propios resultados e avances, confrontándoos á opinión de outros expertos, ademais de relacionarnos con outros grupos de investigación e coñecer o que se está facendo noutros sitios, que é unha maneira sobre todo de aprender e avanzar na investigación”. A pretensión das xornadas, recalcou, “é profundar basicamente no que é a política e o goberno dos primeiros Borbóns españois, con enfoques e metodoloxías diferentes pero co mesmo obxectivo, que é ter un coñecemento un pouco máis axustado, reconsiderar ou revisitar temáticas que xa foron estudadas e abrir novas liñas de traballo de cara á investigación futura”.

Con este reto, indicou María López, “convidamos a un nutrido grupo de especialistas procedentes ademais de distintas disciplinas académicas e de distintas universidades, estando representadas once universidades”. Así, participan especialistas das tres universidades galegas, das universidades Complutense de Madrid, Murcia, Cantabria, Oviedo, Castilla-La Mancha, País Vasco, Pompeu Fabra e Universidade Nacional a Distancia. Esta ampla participación, indicou, “é significativa do dinamismo da historiografía e da investigación” no eido temático que se aborda nas xornadas.

O programa está estruturado en dous grandes bloques. O primeiro deles está centrado en cuestións e problemáticas específicas dos ámbitos da xustiza e do goberno político e económico dos primeiros Borbóns. As súas conferencias arrancaron cunha intervención de Javier Guillamón, da Universidad de Murcia, sobre o movemento incorporacionista e as anotacións aos rexistros achegados por Moxó e a Escribanía Mayor de Rentas del Archivo General de Simancas. Neste bloque, ao longo das sesións abordaranse temas como o reinado de Carlos III e as Cortes de Barcelona (1701-1702/1706); o sistema municipal castelán durante os primeiros Borbóns; os alcaldes maiores da Coruña durante o reinado de Felipe V; o uso da xustiza extraordinaria durante a Guerra de Sucesión e a representación de Galicia na Corte durante o reinado de Felipe V. O segundo bloque céntrase nas esferas de guerra e a facenda e nel falarase de temas como as mobilizacións e protestas en Cataluña contra o catastro no século XVIII, o reformismo militar, a recuperación do poder naval da monarquía para reverter o Tratado de Utrecht ou a influencia da carreira militar nas elites de Ourense durante o primeiro terzo do século XVIII.