DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi presentado este xoves na Cidade da Cultura

Un estudo analiza os retos éticos e normativos e o potencial impacto da intelixencia artificial en Galicia

Elaborado para Amtega polas tres universidades públicas galega

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 16/03/2023

A Cidade da Cultura, en Santiago de Composta, acolleu este xoves a presentación dun informe elaborado polas tres universidades públicas galegas, entre elas a UVigo, sobre o marco ético e normativo para o desenvolvemento da intelixencia artificial (IA) en Galicia. Acorde aos seus resultados, a Xunta anunciou que regulará o uso da IA na administración autonómica. 

O estudo, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), da Xunta de Galicia, e elaborado por equipos multidisciplinares das tres universidades, “é o primeiro elaborado nunha comunidade autónoma española para afrontar os retos para unha IA fiable a acorde cos valores humanos que promove a Unión Europea”. O acto contou coa participación dos reitores Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo), destacando este último que Galicia é "un país que moitas veces chegou tarde” pero que "nesta ocasión está chegando en primeira liña, porque hai moitas cousas que durante moitos anos se fixeron ben".

Na presentación deste Estudo sobre o marco ético e normativo e o potencial impacto da adopción da intelixencia artificial en Galicia, Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública, destacou pola súa banda que a aposta da comunidade pola colaboración e a implicación de todos os actores no proceso de transformación dixital sitúana nunha posición de vangarda. Miguel Corgos sinalou ademais que, a intelixencia artificial é unha responsabilidade compartida e que desde esta posición se poden afrontar mellor os retos relacionados coa especialización da sociedade galega en tecnoloxías e a forma na que se aplican, tendo sempre en conta o benestar das persoas e o desenvolvemento social e económico.

Marxe para as comunidades autónomas

O estudo foi presentado polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago Luis Míguez; a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña Amparo Alonso, e o profesor titular de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense-Universidade de Vigo Alberto Vaquero. Nel, especialistas das tres universidades indican, segundo sinala en nota de prensa a Xunta de Galicia, que “hai marxe para que os estados e as comunidades autónomas reforcen os obxectivos da lexislación europea sobre intelixencia artificial, incluso dende antes da súa entrada en vigor”. Neste sentido, inciden en que “nada impide que a comunidade autónoma regule xa a utilización das tecnoloxías baseadas en IA polo propio sector público autonómico e, no seu caso, polas entidades locais galegas”. Tampouco hai impedimento, engaden, a que “a comunidade autónoma poida desenvolver unha política propia de fomento do desenvolvemento de tecnoloxías baseadas na IA”. Porén, advirten de que “está xurdindo un mosaico de normas nacionais con posibles diverxencias que entorpecerá a circulación fluída na UE de produtos e servizos asociados a sistemas de intelixencia artificial e non garantirá de maneira efectiva a seguridade e a protección dos dereitos fundamentais e os valores comunitarios”.

Entre as conclusións do traballo, as e os autores subliñan que “para estudar posibles escenarios de regulación da IA en Galicia resulta recomendable seguir activamente os acordos e avances da AI Act (lei europea de IA) de cara a situarse como pioneiros na aplicación que corresponda e lograr aliñarse para impulsar o mercado único europeo e crear oportunidades claves arredor do desenvolvemento e uso da IA en Galicia”. Sinalan, así mesmo, que “as empresas galegas contan con certas vantaxes, como as derivadas da existencia dunha clara aposta da Xunta pola IA, materializada nunha estratexia formal, e a implantación de graos universitarios neste ámbito de formación”.

O documento articulouse arredor de tres aspectos: o marco lexislativo da IA, a identificación das claves do éxito na adopción da IA no mundo e un sistema de indicadores para Galicia, e a análise da situación actual da adopción da IA nesta comunidade autónoma e recomendacións para o seu impulso. En canto ao sistema de indicadores proposto, os expertos tomaron como referencia a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e os datos dispoñibles a través do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia. Entre os aspectos de análise atópanse as conexións da rexión coas principais redes de intelixencia artificial; a formación e adaptación do capital humano e da poboación; o desenvolvemento das condicións necesarias para o desenvolvemento da IA: administracións públicas, empresas e sectores estratéxicos; e o apoio dende os axentes do ecosistema de innovación galego e a súa aportación á evolución social e económica de Galicia. O traballo tamén incide en que debe ser prioritario “a creación de espazos de datos empresariais compartidos, a transformación dixital das empresas, o despregue de infraestruturas e o fomento da creación de empresas de prestación de servizos de IA especializados en pemes.

Previamente á presentación do estudo desenvolveuse un espazo de diálogo sobre O papel da linguaxe para unha IA ética e fiable no que participaron o catedrático de Teoría da Literatura Darío Villanueva, e o director do Foro de Humanismo Tecnolóxico de Esade, José María Lassalle. O debate foi moderado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.