DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con clases de cociña, un club de lectura, voluntariado lingüístico e co teatro como novidade

‘Falamos’ retorna de xeito presencial para fomentar o uso do galego entre o alumnado

Este martes ábrese a inscrición na iniciativa que promoven Concello e Universidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Teatro
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/09/2021

Promover o uso do galego entre o alumnado do campus é o obxectivo do programa Falamos, que a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra promoven conxuntamente e que iniciará nas próximas semanas a súa segunda andaina, con novas edicións do seu voluntariado lingüístico, club de lectura e clases de cociña, ás que se suma como novidade unha actividade centrada no teatro. Impulsado pola Concellaría de Normalización Lingüística e a Área de Normalización Lingüística (ANL) da UVigo, Falamos botou a andar o pasado curso, mais a situación provocada pola covid-19 obrigou a converter en virtuais unha serie de actividades concibidas inicialmente para desenvolverse de xeito presencial. Nese senso, a volta á presencialidade constitúe outra das principais novidades desta edición, que este luns presentaron en rolda de prensa o vicerreitor do campus, Jorge Soto, o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, e o director da ANL, Fernando Ramallo.

“Esperamos que este sexa realmente o ano de Falamos”, salientou Ramallo, que presentou as catro actividades que se desenvolverán ao longo do primeiro cuadrimestre no marco dunha iniciativa que ten como obxectivo “promocionar e protexer a lingua galega”. Nese mesmo senso, o vicerreitor fixo énfase na colaboración co Concello e en como esta contribúe a “empezar a falar xa non de campus, senón dunha cidade universitaria”. Jorge Soto lembrou que o galego é o idioma oficial da Universidade de Vigo e que o campus ten que “ser un espazo fundamental para socializarnos na nosa lingua, na nosa forma de entendernos e de crear sociedade a través dos nosos vínculos”. 

Nesa idea de promover o uso do idioma como lingua de socialización, Falamos parte da idea de que o inicio da etapa universitaria “sempre é un momento de moitos cambios na nosa vida”,  no que mudar de lingua “é moitísimo máis sinxelo”, salientou Oubiña. Tras unha primeira edición, o pasado curso, que “foi case como a fase cero”, na que pór a proba as diferentes iniciativas, o proxecto buscará agora acadar unha “maior participación”, engadiu o edil de Normalización Lingüística. Nese senso, recoñeceu que a pesares de que o pasado curso o programa sumou máis de 200 inscritos, a conversión en virtual das diferentes actividades motivou que a participación nestas fose moi variable. Fóra diso, engadiu Oubiña, “os obxectivos continúan sendo os mesmos, axudar a dar o paso” a aqueles estudantes que queiran converter o galego na súa lingua habitual e tamén axudar a que as persoas galegofalantes que chegan ao campus poidan “manter a lingua no seu día a día”, contribuíndo deste xeito a “achegar o noso gran de area para tratar de reverter ese proceso de ocultación social do idioma que se dá en moitos casos”. 

Tres actividades que continúan e o teatro como novidade

Entre as propostas para este primeiro cuadrimestre figuran tres actividades que xa formaron parte da programación de Falamos o pasado curso, como o voluntariado lingüístico, que busca pór en contacto a unha persoa galegofalente con outra que queira mellorar o seu dominio do idioma coa idea de que manteñan unha serie de encontros para falar en galego dos temas do seu interese. Como explicou Ramallo, a novidade é que esta iniciativa abrirase “a grupos de ata cinco persoas”, seguindo as suxestións dos propios participantes. Así mesmo, tamén continuará a súa actividade o club de lectura, que guía Aurora Redondo e que se centra en textos de autores e autoras galegos actuais, “que ademais serán convidados a participar” nas diferentes sesións. Repite tamén presenza o club de cociña, a cargo de Bolboretas no Bandullo, e súmase a estas propostas o teatro. Esta actividade terá á fronte a Vicky Estévez e nas sesións semanais que se desenvolverán ao longo do cuadrimestre as e os participantes “traballarán a creatividade e a improvisación” co obxectivo final, sinalou Ramallo, de levar a cabo unha performance nas rúas de Pontevedra. Nese senso, o director da ANL sinalou que se trata de catro actividades que constitúen “espazos seguros” para o galego, que de ter boa aceptación poderían repetirse no segundo cuadrimestre.

Inscricións desde este martes

Este programa de actividades foi definido por un grupo de traballo do que forman parte tanto representantes da ANL e do Servizo de Normalización do Concello como estudantes do campus. De feito, alumnado que participou na primeira edición do Falamos colaborará nos próximos días na difusión desta actividade. Esta segunda edición abrirá mañá martes a súa inscrición coa instalación de dúas casetas informativas nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes. Nos seguintes días, estes postos percorrerán diferentes puntos do campus co propósito de informar e inscribir ao alumnado interesado. Xa a vindeira semana, o xoves 22 terá lugar na sede da Vicerreitoría unha xuntanza coas persoas participantes, na que se lles informará das actividades e definiranse os seus horarios.