DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente da Universidad de Valladolid ofreceu un seminario en liña en CC Xurídicas e do Traballo

Fernando Rey, catedrático de Dereito Constitucional sobre a proposición de Ley Orgánica de regulación da eutanasia. “O procedemento non é axeitado”

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Mª del Camen Echevarría DUVI 16/10/2020

Definido pola docente e investigadora da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e organizadora do acto, Noemí García Gestoso, como “un loitador contra toda forma de discriminación”, o catedrático de Dereito de Constitucional da Universidad de Valladolid Fernando Rey Martínez, ofreceu este mediodía unha conferencia en liña no seminario A proposición de Lei Orgánica de regulación da eutanasia: cuestións para o debate, na que abordou, segundo as súas propias palabras, “de xeito ordenado, razoado e razoable, cal é o estado da cuestión actual en España sobre este tema”. Rey considera que a forma de presentar esta iniciativa parlamentaria, unha proposición de lei, “non é axeitada, e o razoable sería que proviñese do Goberno, é dicir que se presentase como un proxecto”, xa que cando se acude á vía da proposición xa non fai falta consultar aos consultivos do Estado, sobre todo o Consejo de Estado, “porque creo que sobre un asunto xuridicamente complexo, como é a regulación da eutanasia no noso país, sería clave contar con esta opinión”. Tamén en relación co procedemento, Rey sinala que habería que escoitar ás organizacións médicas colexiais e á comunidade médica e profesionais da saúde, ao tempo que lembra que “unha lei reguladora da eutanasia ten que vir en paralelo con outras leis que garantan absolutamente os coidados paliativos no noso país, algo que segundo a organización médica colexial nin sequera está asegurado para a metade da poboación”, explica.

Rey si recoñece que o procedemento en xeral conta con garantías para asegurar que as persoas enfermas toman a decisión de xeito libre, autónoma e sen presións, nin inxerencias, “de feito esíxeselles que sexan maiores de idade, mentres noutro países a partir dos 16 xa se pode tomar esta decisión”. O catedrático, que tamén lamenta a falta dalgunha outra garantía como a presenza dalgún psiquiatra ou psicólogo no proceso, recoñece, non obstante, que “os requisitos son bastante razoables, en comparación con outros países da contorna”.

Un novo dereito que se crearía por lei orgánica 

A proposición de lei, que despois que o Congreso de los Diputados rexeitase as enmendas presentadas polo PP e o VOX segue a súa tramitación parlamentaria, ten, segundo o grupo propoñente, a finalidade de “dar unha resposta xurídica, sistemática, equilibrada e garantista a unha demanda da sociedade actual como é eutanasia”. Fernando Rey asegura, non obstante, non ter claro que sexa una demanda sostida maioritaria, “creo que está dentro do contexto do que poderíamos chamar unha boa morte que pasa por poder morrer sen dor física, isto é clave, e tamén pasa polos pacientes, cada vez máis sexan protagonistas da toma de decisións que afecten a súa saúde a súa vida, iso si que a xente está moi preocupada, non tanto coa eutanasia, pero en todo caso, a resposta xurídica que lle dá, debo dicir que é bastante garantista”. Neste sentido, o catedrático da Universidad de Valladolid destaca que non hai un sistema no panorama comparado como que o se presenta agora, que ofrece un  control anterior á toma de decisión por parte dunhas comisións autonómicas de avaliación e control, que haberá que crear, e que ademais terá un control posterior, unha vez que se realice o que denomina “prestación de axuda a morrer”, que é como se chama o novo dereito.

“Pola súa conexión con dereitos fundamentais, está chamado a converterse nun dereito subxectivo de carácter fundamental. Isto evitaría unha posible cancelación do dereito unha vez que se establecese e seguramente poderían modificarse algúns aspectos parciais, pero non a derrogación total do dereito”, explica o catedrático, que lembra o informe unánime do Comité Nacional de Bioética que considera que non estamos en presenza dun dereito subxectivo. Rey si coincide co Comité en que a prestación de axuda a morrer debera estar dispoñibles para algunhas enfermidades terminais, dexenerativas ou incapacitantes dun modo severo, “creo que nestes casos si debería permitirse. Outra cuestión é se con carácter xeral debera aceptarse”. Neste sentido, o catedrático destaca que a lei formula o problema de porque se podería aceptar a axuda a morrer nestes supostos e non en calquera outro, configurando o que se podería chamar un dereito xeral a suicidarse, que evidentemente esta lei non contempla, “pero abre unha vía aí, ao que se chama a pendente esvaradiza, nalgúns casos pode estar moi xustificada a prestación de axuda a morrer, pero quizais se se xeneralizase esta conducta non sería tan xusto”, sinala. 

Neste intre poucos países no mundo contan cunha lei que regule a eutanasia e ademais se configure como un dereito fundamental. Así, en Holanda no se configura tanto como un dereito, senón como unha excepción a un dereito, un modelo que tamén seguen Bélxica e Luxemburgo. “Logo temos o modelo de EEUU, onde a partir da experiencia de Oregón permítese o suicido asistido por médico, non eutanasia, isto é unha distinción moi interesante. Eu penso que primeiro podería introducirse este modelo de Oregon máis que o modelo holandés, pero optouse directamente pola opción máis xenerosa en relación coa eutanasia”, explica o catedrático de Dereito Constitucional, que considera que proposición de lei ten visos de prosperar, con algunhas modificacións.