DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presentación, este venres, dunha publicación centrada nas producións do National Film Board

O FIC Bueu achega á Vicerreitoría un percorrido pola idade de ouro da curtametraxe canadense 

A cargo do programador do festival Severiano Casalderrey

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 12/01/2022

Máis de 80 anos de historia e un catálogo de máis de 13.000 títulos fan do National Film Board de Canadá a maior produtora cinematográfica de carácter público do mundo, que destacou así mesmo “pola súa relación coa curtametraxe e o seu sentido da creatividade e do artístico”. Así o salienta o programador do FIC Bueu Severiano Casalderrey na introdución da publicación que o festival dedica á “idade dourada” desta produtora no referido á produción de curtametraxes; volume que este venres ás 20.00 horas presenta na Casa das Campás, nunha actividade impulsada polo festival coa colaboración da Vicerreitoría do campus.

Este festival internacional incorporou en 2019 á súa programación unha sección retrospectiva dirixida a pór en valor “unha serie de filmes de relevancia histórica”, á súa vez complementada pola publicación dos Cadernos FICBUEU, cos que buscan, como sinalan desde o festival, non só profundar nas obras seleccionadas para a retrospectiva, senón tamén que sirvan como unha “contribución á historiografía da curtametraxe”, un formato “excluído das salas de cinema e sen apenas representación nos circuítos de distribución”. Despois de que a primeira entrega desta serie estivese dedicada á Nouvelle Vague francesa, o Caderno#2, escrito polo programador, historiador da arte e docente Severiano Casalderrey, leva por título O National Film Board of Canada e a súa “idade dourada” da curtametraxe (1965-1983)

A publicación que este venres dará a coñecer na sede da Vicerreitoría céntrase nunha “das produtoras máis afamadas da historia pola súa relación coa curtametraxe”, da que busca dar unha visión global do seu labor no ámbito das curtametraxes, poñendo o foco “nun dos seus marcos temporais máis inesquecibles, tanto en calidade artística como en cantidade de feitos vividos en tan pouco tempo”. Deste xeito, este ensaio, do que unha das súas partes foi recoñecida cun accésit nos premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual, permite achegarse á traxectoria de figuras como Noman McLaren, “xenio indiscutible da animación mundial”, ou o Studio D, unha “iniciativa pioneira do cinema feminista”, como salienta Casalderrey no texto de presentación deste volume.