DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha serie de encontros co catedrático da Universidade do Porto Jorge Mota

O grupo Hi-10 busca internacionalizar as súas investigacións sobre actividade física e saúde

Dirixidos a analizar diferentes liñas de traballo cun “dos maiores expertos do mundo” neste eido

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/06/2022

Autor de máis de 350 publicacións científicas indexadas en JCR, o catedrático da Universidade de Porto Jorge Mota “é un dos maiores expertos do mundo sobre actividade física e saúde”, segundo sinalan desde o grupo de investigación Hi-10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que promove ao longo desta semana unha serie de encontros dirixidos a dar a coñecer ao catedrático portugués as diferentes liñas de traballo do grupo. O obxectivo desta serie de presentacións, nas que participan diferentes investigadores e investigadoras, é “ver futuras liñas de colaboración” que, como explica o responsable do grupo, José Luis García Soidán, contribúan a avanzar “nas liñas de traballo que xa estamos desenvolvendo, pero levándoas a outro nivel”, a través da colaboración con “redes internacionais e de posibles proxectos conxuntos”

Profesor visitante na universidade británica de Coventry, na estadounidense de California-San Diego e en catro universidades brasileiras, así como director do Centro de Investigación en Actividade Física, Saúde e Lecer (Ciafel) da Universidade do Porto, Jorge MOta é un investigador “cunha enorme experiencia no ámbito da actividade física e saúde, co que xa levamos traballando moito tempo e que vainos axudar a dar un salto importante no noso traballo”, engade o profesor Vicente Romo. No marco do programa Iacobus, que promove a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, Mota leva a cabo ao longo desta semana unha estadía na facultade pontevedresa, na que se insiren esta serie de seminarios dirixidos a que diferentes investigadores e investigadoras lle presenten as súas liñas de traballo. Ese foi o caso, na primeira das xornadas, do alumno do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable Juan López Barreiro, quen, baixo a dirección do profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática Luis Modesto Álvarez e de García Soidán, desenvolve un estudo sobre promoción e monitorización da actividade física, exercicio físico, deporte e envellecemento activo con tecnoloxía blockchain. Así mesmo, no primeiro destes encontros interviu tamén a investigadora Khouloud Mnejja, da universidade tunisiana de Sfax, que presentou a súa investigación sobre equilibrio postural en nenos e nenas da etapa preescolar, baixo a dirección da responsable do grupo EM2S desta universidade, Sonia Sahli. 

Nos próximos días, explicou García Soidán, “seguiremos vendo distintos deseños de investigacións, a posibilidade de participar en proxectos e, sobre todo, a de continuar con liñas de traballo baseadas na utilización das novas tecnoloxías nestes campos”. Nesa mesma liña, Mota destaca o positivo desta serie de encontros tanto para xerar “conexións internacionais” para o grupo que dirixe, como para coñecer “desenvolvementos novidosos e experiencias distintas” en materia de investigación en actividade física e saúde.