DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade recoñece co galardón o labor solidario e de cooperación destas organizacións

III Premio Consello Social-UVigo Humana para a ONG AIRE e a Coordinadora Galega de ONGD para o desenvolvemento

No transcurso do acto tamén se entregaron os premios aos mellores TFM/TFG en materia de Axenda 2030

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/12/2021

Premio de ámbito internacional á ONG AIRE, Asociación Integral de Rescate de Emerxencias, e premio de ámbito autonómico para a Coordinadora Galega de ONGD para o desenvolvemento. A Universidade de Vigo entregou este luns, coincidindo co día da Solidariedade Humana, os III Premios Consello Social-UVigo Humana, galardóns co que a institución académica viguesa busca recoñecer o labor desenvolto por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais que teñan sobresaído pola súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación. Xunto a eles entregáronse tamén os Premios Traballo Fin de Grao e Traballo Fin de Mestrado en materia da Axenda 2030 e da Cooperación ou da Responsabilidade Social Universitaria, un agarimo da institución académica viguesa co alumnado máis comprometido cos valores que representa a Axenda 2030.

Presidiron o acto de entrega a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa. Ambos fixeron fincapé en felicitar aos premiados e, sobre todo, agradecerlles o “inmenso labor” que estas organizacións están a levar a cabo en favor das persoas máis vulnerables. “Sodes verdadeiros altofalantes das realidades silenciadas”, recalcoulle o máximo responsable do Consello Social, ao tempo que fixo fincapé na importancia duns premios cos que se trata de tecer unha sólida rede de solidariedade e afecto. “UVigo Humana é unha marabillosa representación plástica da Universidade e da súa capacidade de estar onde realmente importa a súa presenza, máis aínda nestes tempos de pandemia que trouxeron tanta dor e tanto dano,  tempos nos que cobra aínda máis valor a acción xenerosa de quen coma vós estivestes e estades en primeira liña no contacto directo con quen máis o precisa”, salientoulles Pedrosa ás persoas que recolleron os premios no nome das entidades premiadas.

A coordinadora galega de ONGD, 45 entidades e 26.000 persoas

No caso da Coordinadora galega de ONGD para o desenvolvemento, o xurado valorou a súa traxectoria de 30 anos, salientándose especialmente a súa actividade en Galicia, onde ten amosado ser un actor de referencia no eido da cooperación. Tal e como subliñou  a vicerreitora, Maribel Doval, valorouse moi positivamente o traballo en rede e as alianzas establecidas e, polo tanto, a contribución realizada ao ODS 17 aglutinando a 45 ONGDS e traballando en rede cos principais actores da cooperación galega. “Consideramos que o liderado da coordinadora ten resultado fundamental á hora de fortalecer o sector galego da cooperación ao desenvolvemento”, subliñou Doval, quen tamén fixo fincapé no impacto do traballo desenvolvido  pola coordinadora no eido da incidencia política, “demandando unha política galega de cooperación de calidade, sendo altofalante de realidades esquecidas e promovendo a transformación social, creando un sector galego de cooperación cohesionado, fortalecendo as ONGD para que fagan cada vez mellor o seu traballo e fomentando que sexan transparentes e cumpran cos estándares máis esixentes”.

Recolleu o premio en nome desta organización o vigués José luis Barreiro, responsable da asociación Entre Culturas, que, ademais de agradecer o galardón, fixo un rápido repaso pola historia dunha asociación que este ano celebra o seu trinta aniversario e que representa a 26.000 persoas entre socias, voluntarias e traballadoras. “Traballamos actualmente en 21 países, sempre da man de organizacións locais, e o ano pasado puxemos en marcha máis de 60 proxectos que contribuíron a mellorar as condicións de vida de miles de persoas”, explicou Barreiro, ao que engadiu que “os retos seguen sendo moitos e desde a coordinadora seguiremos traballando colectivamente para superalos”.

Premio internacional para quen dá ‘aire’ en situacións de emerxencia

No caso do premio de ámbito internacional á ONG AIRE, Asociación Integral de Rescate de Emerxencias, a comisión valorou o traballo desta nova ONG, nada en 2016, en materia de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria a prol das persoas que se atopan nunha situación de plena vulnerabilidade, nos países de destino das migracións forzosas como campamentos de persoas refuxiadas, escenarios de conflito, ou situacións de emerxencia.
 
“O obxectivo fundamental desta ONG é a asistencia para salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter e protexer a dignidade humana en situacións de emerxencia e rehabilitación”, salientou a vicerreitora, quen recalcou que se valoraron os proxectos dos que a ONG Aire é responsable como o Elna Maternity Center en Atenas, un refuxio para mulleres embarazas e en período de lactación do que durante o ano 2020 foron beneficiarias de xeito directo 120 persoas e máis dun cento de xeito indirecto, así como o Proxecto protección civil saharauí, que consiste na construción de cinco parques de bombeiros e un hospital de referencia nos campamentos saharauís cos que se pretende que as persoas que viven en eles poidan ter recursos de protección civil e mellorar a atención sanitaria para facer fronte aos desastres de orixe natural ou antrópico, do que 100 persoas son  beneficiarias directamente e entre 94.000 e 165.000 beneficiarias indirectas. 

En nome da asociación, a súa coordinadora, Teresa Méndez, enfatizou “o empuxe que dá o premio ás ONG de pequeno tamaño”, sobre todo nuns intres “tan complicados nos que todo o noso traballo na rúa se viu drasticamente reducido e no que a situación das zonas que axudamos lonxe de ir a mellor vai a peor”.

Un agarimo para o alumnado máis comprometido 

Como xa vén sendo habitual, o acto de entrega de premios Consello Social UVigoHumana arrancou co recoñecemento ao alumnado da Universidade de Vigo máis comprometido coa Axenda 2030, as gañadoras e gañadores dos Premios Traballo Fin de Grao e Traballo Fin de Mestrado en materia da Axenda 2030 e da Cooperación ou da Responsabilidade Social Universitaria. Tal e como destacou a vicerreitora, este ano presentáronse á convocatoria un total de 47 solicitudes, “entre os que había traballos de enorme calidade, polo que resultou moi difícil a selección”. 

Recolleron o premio seis estudantes. No ámbito das Artes e Humanidades, recibiu o galardón  Lucía Lobelle, do Grao en Belas Artes, polo seu traballo Na regueira de Xigonde, dirixido por Anne Heyvaert. No caso da rama de Enxeñaría e Arquitectura, os premios foron para Gabriel Eduardo Suárez, polo seu traballo Análise e obtención da estrutura forestal a partir de Sistemas de Información Xeográfica, datos LiDAR e imaxes satelitais para o establecemento de riscos asociados a infraestruturas do transporte, traballo do Grao en Enxeñaría Forestal dirixido por Henrique Lorenzo e cotitorizado por Joaquín Martínez; e para Bruno Portela, Máster de Mecatrónica, polo traballo Contorna Integrada de impresión 3D para materiais reciclados na industria marítima, dirixido por Julio Garrido.

Na rama de Ciencias e Ciencias da Saúde, o premio foi para a alumna de Enfermaría, Paula Cristina González, polo seu traballo Enfermaría e medioambiente. Impacto dos filtros ultravioleta na contorna natural, dirixido por María Paz Diéguez e cotitorizado por Ángeles Flórez. No eido das Ciencias Sociais e Xurídicas, premiáronse os traballos da alumna do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible Flavia Barrio, Potencialidade do proxecto Rede de Eco Hortas Escolares para incorporar os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible na educación primaria, titorizado por Aida Ovejero e Brais Suárez; e de Lucía España, do Grao en Educación Primaria, á que lle foi imposible asistir ao acto,  por Academia de lectores, academia de valores: Deseño dunha intervención para educar en valores en educación primaria dende a lectura e a relación coa contorna, dirixido  por Mª del Mar Fernández.