DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio virtual, puxo en valor as pioneiras que trataron de profesionalizar a súa escritura

A investigadora Helena Establier repasa a historia das escritoras esquecidas no tránsito entre a Idade Moderna á Contemporánea

Presentou a base de datos BIESES, unha “ferramenta moi potente nas humanidades dixitais”

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
M. Del Río DUVI 23/10/2020

O Século da Luces non foi igual de luminoso en todos os países e, mentres en Reino Unido ou Francia as mulleres escritoras comezan a alzar a súa voz na procura dun lugar propio, en España o camiño foi máis complexo. Con todo, e a pesar de que moitas delas son pouco coñecidas, houbo unha serie de mulleres pioneiras que loitaron por profesionalizar a súa escritura. Os seus nomes están recollidos na plataforma Bieses, unha iniciativa que trata de outorgar o sitio que lles corresponde a esas escritoras esquecidas da literatura española dos séculos XVIII e comezos do XIX. 

Unha das impulsoras desta iniciativa é Helena Establier, docente de Literatura Española na Universidade de Alicante, onde dirixe o Instituto Universitario de Investigación de Estudios de Género. Para dar a coñecer esta plataforma, hoxe venres ofreceu un relatorio virtual organizado por Montserrat Ribao, profesora do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura da UVigo. A conferencia, enmarcada na convocatoria de axudas da Unidade de Igualdade para actividades docentes con perspectiva de xénero, permitiu a estudantes e docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución achegarse a unha temática “moi importante para a nosa formación”, como recoñecía Ribao, xa que se aborda “dende o punto de vista da igualdade e das ferramentas que brindan as humanidades dixitais”. Neste aspecto, remarcou que a plataforma Bieses, a base de datos de escritoras españolas, “é unha ferramenta moi potente nas humanidades dixitais”.

A literatura, un coto pechado e masculino

Na súa intervención, Helena Establier fixo un percorrido por algunhas das mulleres máis destacadas da literatura española dos século XVIII e XIX, así como polas barreiras contra as que tiveron que loitar para facerse un oco la escrita do Século das Luces. Explicou que se trata dunha “etapa crucial na historia da literatura que escriben as mulleres en España” no tránsito entre a Idade Moderna e a Contemporánea, “o que en literatura consideramos o paso da Ilustración ao Romanticismo”. Remarca que se trata dunha época “moi importante porque teñen lugar feitos cruciais relacionados coa profesionalización da escritura das mulleres e da súa relación co campo literario”. 

En xeral, relataba a docente, a literatura nesta etapa era “un coto pechado e masculino, no que as mulleres sempre estiveron como inspiradoras, como figurantes cun papel accesorio”. Entre as razóns desta presenza secundaria, Establier destaca unha: a lei patriarcal do silencio. “As mulleres ao longo da historia sempre foron consideradas inferiores aos homes en intelixencia”, dende Aristóteles ata filosofía escolástica “e mesmo ata o século XX”. “Esa falta de intelixencia limita das capacidades expresivas das mulleres e xurde o pensamento misóxino que sostén que unha muller que transgrede o papel de esposa e nai para entrar nun terreo masculino, como a creación, non é de todo muller ou non é de todo decente”. Deste xeito, remarca, “razón e expresión son masculinas e patriarcais na historia da nosa cultura e pertencen ao ámbito do público; mentres, o ámbito das mulleres é o do doméstico, o privado e o pechado”. 

As mulleres que se revelaron

Pero houbo mulleres que se revelaron e trataron de “violar esta lei patriarcal da reclusión e o silencio”. Exemplos de pioneiras son María de Zayas, autora de Novelas amorosas y ejemplares no século XVII ou María Catalina de Caso, que publicou Modo de enseñar y estudiar las bellas letras, un volume francés escrito orixinalmente polo reitor da Universidade de París. Trátase dun “texto clave fundacional da pedagoxía europea e a primeira persoa que o traduce completo ao español é unha muller, unha ilustrada española”. 

Establier tamén se referiu a Josefa Amar y Borbón, que medio século despois escribiu o Discurso sobre la educación física y moral de las mujeres, “o primeiro texto educativo dirixido a mulleres”. Menos coñecida é Inés Joyes y Blake, que traduciu a novela Rasselas, Príncipe de Abisinia, de Samuel Johnson. O seu caso “é relevante porque á a primeira vez que se traduce directamente do inglés ao español, e faino unha muller”, co engadido de ser unha novela filosófica, “un campo alleo ao intelecto feminino no século XVIII”. Ademais, Joyes “fai un xesto de transgresión moi importe, xa que engade á súa tradución un texto ensaístico propio: Apología de las mujeres, onde deixa frases memorables reivindicando as luces, a argumentación e a escritura para o seu propio sexo”.

Pero en xeral, e a pesar destas pioneiras, o espazo que tiñan as mulleres no campo literario a finais do século XVIII era ben limitado. Relata Establier que principalmente se centraba na poesía pero limitándose a temas relixiosos, amorosos, “sempre que non fose apaixonada”, ou pastorís. Entre os nomes máis destacados están María Gertrudis Hore (La Hija del Sol) ou Margarita Hickey. Outro campo con certa presenza feminina era a tradución, xa “que as exime de responsabilidades sobre o contido do texto”, ou teatro, “que as mulleres vían como un instrumento de acceso ao campo literario, cunha enorme visibilidade e unha vía de entrada á esfera pública”, aínda que en xeral “carecían de alfabetización para acceder aos xéneros dramáticos clásicos”.

A modo de resumo, a docente apunta que “a literatura nos últimos decenios do século XVIII e primeiros do XIX quédase como un divertimento esporádico da intimidade do salón aristocrático ou burgués”, aínda que resalta a importancia de poñer en valor e sacar do esquecemento os nomes das pioneiras.  

Ferramentas electrónicas

Ademais do percorrido polo panorama literario feminino do Século de Ouro, Helena Establier tamén presentou Bieses, unha base de datos de acceso libre para o persoal investigador que “nace da necesidade de completar, compilar e sistematizar as fontes informativas das que dispomos para o estudo da escritura feminina”. De feito, esta ferramenta é a primeira que ofrece “un repertorio de conxunto que abarcara con exhaustividade esta produción literaria” dando resposta ás cuestións fundamentais sobre as escritoras españolas anteriores ao XIX. Na actualidade conta con máis de 11.000 referencias primarias e secundarias dende a Idade Media ata 1800.