DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Maribel del Pozo publica 'La interpretación de enlace. De la teoría a la práctica'

Un libro para encher o baleiro de literatura sobre a interpretación de enlace en España e contribuír á  formación de profesionais 

A investigadora da UVigo afonda nunha actividade pouco coñecida e non profesionalizada

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 04/11/2021

Ademais de empregarse en numerosos ámbitos como o sanitario, social, xudicial, policial ou o de negocios, a interpretación de enlace é a técnica máis utilizada nos servizos públicos entre persoas inmigrantes, refuxiadas ou solicitantes de asilo que non coñecen a lingua do país no que se atopan e precisan de intérpretes para poder acceder a eses servizos. “A interpretación de enlace (IE) é que se leva a cabo de forma dialóxica entre dúas ou máis persoas que non comparten a lingua e diferénciase da interpretación simultánea en que non adoita precisar equipamentos técnicos, e da interpretación consecutiva en que non se interpreta un discurso dunha lingua a outra, senón que se media nun diálogo, con todo o que isto leva consigo”, detalla a docente e investigadora da UVigo e autora do libro La interpretación de enlace. De la teoría a la práctica, Maribel del Pozo Triviño.

O volume, publicado pola editorial Comares, foi presentado hoxe nun acto desenvolvido en liña a través de Campus Remoto, no que ademais da autora, participaron Icíar Alonso Araguás e Jesús Baigorri Jalón, investigadores do grupo Alfaqueque (Universidad de Salamanca). A presentación desenvolveuse, ademais, ao abeiro do terceiro Ciclo de Encuentros Traductológicos (CETra) do Laboratorio de Investigaciones en Traductología (LIT) da Universidad Nacional de La Plata (Arxentina), en cuxa representación participaron Ana María Gentile e Gabriela Yáñez.

Un libro froito experiencia profesional, académica e investigadora

A falta de literatura en España sobre esta técnica de interpretación, fronte a unha maioría de recursos baseados en contextos como o británico ou o americano, “que nada teñen que ver cos nosos”, explica Del Pozo, animou á investigadora a elaborar este volume, no que achega os coñecementos e prácticas realizadas durante anos. “En 2012 creei Linkterpreting, unha web de recursos para a IE e, nos últimos anos, traballei en proxectos para a formación de intérpretes que traballan con colectivos especialmente vulnerables como vítimas de violencia de xénero, trata, menores, solicitantes de asilo, etc.”, detalla Del Pozo, que explica que, plasmando neste libro toda a súa experiencia profesional, académica e investigadora, busca, dunha banda, encher o baleiro existente na literatura e, doutra, contribuír á mellora da formación de intérpretes en contextos de grande importancia para as persoas implicadas.

Dado que a interpretación de enlace require dunha formación específica, debido, por unha parte, ao seu carácter bidireccional (entre as dúas linguas) e, por outro, aos contextos tan específicos nos que se desenvolve, La interpretación de enlace. De la teoría a la práctica está concibido como un recurso básico para a os e as futuros intérpretes, dirixíndose, tanto a estudantes de interpretación, intérpretes que queiran seguir a formarse, e persoas que forman a profesionais da interpretación. “Nas universidades españolas e galegas inclúese a interpretación de enlace na maioría dos  graos en tradución e interpretación. Non obstante, a pesar da importancia de que a comunicación sexa efectiva nos contextos tan importantes para a vida das persoas como unha consulta médica, un interrogatorio policial ou unha entrevista de asilo, este labor non sempre conta co concurso de profesionais e, a miúdo, realizan a mediación lingüística persoas con coñecementos de ambos idiomas, pero que non recibiron formación, co que isto pode levar consigo: omisións, imprecisións, falsos sentidos, etc.”, detalla Maribel del Pozo. 

Unha actividade pouco coñecida e non profesionalizada 

Ao descoñecemento que en moitas ocasións o alumando de Tradución e Interpretación ten da IE, súmase o feito de ser unha actividade que non está profesionalizada, polo que as persoas que deciden dedicarse a ela “a miúdo teñen que facelo de xeito voluntario, e case nunca poden pensar en vivir dela”, explica a autora do libro. Neste sentido, Del Pozo relata que esta mesma semana a chamaron dunha ONG solicitándolle intérpretes de árabe moderno para persoas procedentes de Yemen e Siria, así como de wolof, bambara e soninké. “É difícil, por non dicir imposible atopar persoas formadas nesta combinación lingüística. O ideal sería identificar as persoas que falen estas linguas e ofrecerlles a formación para que poidan desenvolver este labor con garantías”, sinala a docente e investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo.

Del Pozo, que non dubida en gabar o nivel da formación que en IE se imparte en España, mesmo asegurando “que é un referente”, recoñece que países como Australia, Canadá ou Suecia “nos levan a dianteira na profesionalización da interpretación nos servizos públicos. A diferenza é que en España temos persoas ben formadas que despois non poden exercer este labor de forma profesional”, lamenta a autora de La interpretación de enlace. De la teoría a la práctica.