DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Isabel González analizou na súa tese as súas vantaxes nos distintos ordes xurisdicionais 

A mediación xoga un papel fundamental no proceso de modernización da Xustiza ao permitir acadar unha mellor xestión do conflito 

Tags
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/03/2023

Recoñecer, consolidar e reforzar as vantaxes da mediación como sistema de xestión do conflito, reforzando a súa autonomía e contribuíndo á paz social, co conseguinte beneficio para a administración de xustiza, son os obxectivos da tese La mediación como método de resolución de controversias da avogada e ex alumna do Grao en Dereito e do Mestrado de Avogacía, Ana Isabel González Fernández (Ourense, 1994). “A motivación á hora de escoller a mediación como obxecto de estudo xorde a raíz da necesidade de procurar, na medida do posible, fórmulas complementarias ou alternativas de resolución de conflitos para facer fronte á crise  da administración de xustiza”, explica a autora da investigación, que sinala que, “como se pon de relevo ao longo da miña tese de doutoramento, a mediación é unha grande aliada para acadar estes obxectivos, debido, entre outras cousas, á xestión do conflito desde unha óptica ampla e que procura que sexan as propias partes as que acaden, de ser posible, unha solución ao seu conflito”. Unha circunstancia, que Ana Isabel González, destaca que se pon de manifesto, non só na actualidade, senón tamén en épocas pasadas onde experiencias que se poden reconducir á mediación demostraron a súa eficacia e operatividade para solucionar amigablemente as controversias sen necesidade de acudir á vía xudicial e que foron obxecto de análise na súa tese, dirixida pola catedrática da Área de Dereito Procesual da UVigo Inés Iglesias Canle

Analizadas todas as vantaxes da mediación en diferentes ordes xurisdicionais, especialmente civil e penal, o traballo de investigación de Ana Isabel González, conclúe, “sen temor a equivocarnos, que a mediación xoga un papel fundamental no proceso de modernización da xustiza ao permitir avanzar e acadar unha mellor xestión do conflito co que as partes atopen unha resposta satisfactoria e relativamente rápida ao seu conflito con todas as garantías”. A avogada tamén sinala que na orde xurisdicional penal se avoga por unha regulación completa da xustiza restaurativa no ámbito da responsabilidade penal de adultos á luz do éxito das experiencias levadas da cabo en España e outros países da Unión Europea que conduciron a unha menor reincidencia e unha sensación de maior implicación por parte das vítima, que diminúa os efectos da vitimización secundaria.

Posible aplicación da mediación penal a outras figuras propias da xustiza restaurativa

Polo que respecta ao método empregado para a realización da súa investigación, Ana Isabel González abordou a temática desde unha perspectiva crítica, facendo fincapé nalgunhas lagoas da regulación existente en España sobre esta materia e os problemas xerados por este motivo, “que repercuten nunha escasa acollida da mediación pola cidadanía”, sinala a investigadora. Ao longo dos cinco anos que durou o seu traballo, a investigadora realizou estadías que lle permitiron analizar con detalle a situación actual desta institución noutros países da UE onde a mediación atópase perfectamente adaptada nos seus ordenamentos xurídicos, como Portugal e Italia e, a partir, de aí, achegar propostas de mellora que repercutan nunha maior utilización da mediación en España. 

Ana Isabel González considera que se ben, na orde xurisdicional civil a mediación está amplamente regulada e delimitada a nivel comunitario, nacional e autonómico, “non sucede o mesmo coa xustiza restaurativa na orde penal. Neste contexto, vemos como se poden tratar as consecuencias xurídicas derivadas da comisión dun ilícito penal a través de mecanismos menos duros e complementarios ao proceso penal, na medida de que o principio de intervención mínima permite ou aconsella a imposición de medidas sancionadoras máis axeitadas ao caso concreto, para iso, a mediación penal eríxese como un medio axeitado para a súa xestión”. A avogada sinala, non obstante, que poden aparecer dúbidas sobre a compatibilidade con outros principios procesuais propios do ámbito penal, especialmente co de presunción de inocencia. “Ao noso entender, a mera participación do acusado nun procedemento de mediación non é proba suficiente para a admisión de culpabilidade nun proceso posterior, polo que é necesario que existan probas de cargo suficientes para avaliar a culpabilidade do acusado, sempre tomando en consideración o principio de in dubio pro reo”, explica. 

A autora de La mediación como método de resolución de controversias sinala que se o principio de igualdade entre as partes expón dúbidas en todo tipo de delitos, máis dúbida expón aqueles supostos de especial vulnerabilidade da vítima, como os delitos de violencia de xénero, sexual ou a menor idade da vítima, mesmo a minoría de idade do agresor. “Nestes casos, as nosas principais conclusións non se delimitan unicamente á posible aplicación da mediación penal, senón tamén a outras figuras propias da xustiza restaurativa, especialmente os circles, esta modalidade adáptase mellor de cara á posible consecución de acordos que satisfagan ao conxunto da sociedade, sempre que se respecten os principios procesuais e constitucionais”, conclúe a autora da tese.