DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os postos poden visitarse ata mañá xoves en CC Económicas e Empresariais

Medio cento de empresas do ámbito xurídico-empresarial e linguas participan en Vigo na I edición da feira EmpregoInCampus

En outubro celebraranse novas edicións en Ourense, Pontevedra e Vigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/04/2022

Abanca, Bimba y Lola, Cuatrecasas, Garrigues, Grupo Nueva Pescanova, Deloitte, Eulen, Anfaco-Cecopesca, Randstad, Ernst & Young, Olsen & Lancaster Partners, Rinoceronte editora… máis de 40 empresas e institucións participan esta semana no campus de Vigo na I edición da Feira Internacional EmpregoInCampus, unha nova iniciativa impulsada pola Área de Emprego e Emprendemento coa que a UVigo busca pór en contacto, nas propias instalacións de cada un dos tres campus, a titulados e tituladas e estudantes de último curso con empresas colaboradoras que están buscando talento nas aulas universitarias. A iniciativa arrancou este mércores na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais cunha feira especializada no ámbito xurídico-empresarial, de linguas nos negocios e comercio e a idea é celebrar outras tres edicións o vindeiro mes de outubro: unha no campus de Ourense, outra en Pontevedra e unha nova sesión en Vigo específica para o ámbito científico e biotecnolóxico.

“Quero agradecerlles a todas estas empresas que se rexistraran na feira e que cheguen aquí cun abano dunhas 60 ofertas laborais para os nosos estudantes e recén titulados”, salientou na inauguración a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria Natalia Caparrini, que estivo acompañada polos decanos dos centros involucrados: Francisco Torres, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; José Montero, de Filoloxía e Tradución, e Santiago Gómez Fraiz, vicedecano de Organización Académica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que acudiu en representación do decano Miguel Ángel Crespo, a quen escusaron por motivos de saúde. Contouse ademais coa participación de Teresa González Ventín, coordinadora do Eures Transfronteirizo Galicia-norte de Portugal, que, “xunto co Consello Social e o Concello de Vigo apoian economicamente este evento”, tal e como lembrou a vicerreitora.

Máis de 200 alumnas e alumnos e recén titulados rexistrados

Con máis de 200 alumnas e alumnos rexistrados, “probablemente a esta hora xa sexan moitos máis”, admitiu a vicerreitora, o ir e vir de persoas foi constante ao longo de toda a mañá polos corredores da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde se situaron os postos das empresas, e de Ciencias Xurídicas e do Traballo, onde se levaron a cabo parte das actividades complementarias. “Esta feira é a transformación de distintas actividades que xa se viñan realizando na Universidade de Vigo, tanto feiras que as propias escolas e facultades organizaban para os seus estudantes, como da feira de emprego internacional que se realizaba desde a Área de Emprego, tamén co apoio de Eures, e que se celebrou por última vez no 2019 nas instalacións do Ifevi”, explicou a vicerreitora, quen fixo fincapé en que todas estas actividades se foron reformulando para “unir esforzos” e perseguindo dous obxectivos claros: por unha banda, facilitar a asistencia do alumnado e, polo outra, conseguir que as empresas se acheguen aos propios campus e que coñezan a vida universitaria.

“Para nós esta é unha oportunidade única para achegar as necesidades das empresas aos nosos estudantes e tamén para que as empresas coñezan o que se fai aquí”, explicou o decano de Ciencias Xurídicas, Francisco Torres, quen, xunto aos outros participantes na inauguración, agradeceron o labor realizado polo profesor Jorge Falagán, en anteriores feiras de emprego. “Pola nosa banda estamos encantados de incorporarnos a este tipo de actividades”, salientou o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, que fixo fincapé en que os tres graos que se imparten neste centro deben ter unha forte relación co ámbito empresarial.

Programa complementario repleto de actividades

Ademais das propias actividades nos postos das empresas, cada unha das edicións da feira irá acompañada dunha xornada de orientación laboral e estarán complementadas cun amplo programa de seminarios e obradoiros “de moitísimo interese tanto para o alumnado actual como para os recén egresados e egresadas”, tal e como subliñou a directora da Área de Emprego e Emprendemento Maruxa Álvarez. Neste caso as actividades arrancaron xa o pasado luns na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo cunha charla do profesor de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Anxo Bastos, titulada Educación, economía e traballo: presente e futuro. A partir de aí o programa complementario de actividades incluíu diferentes obradoiros, seminarios, presentacións de entidades colaboradoras…

O martes os obradoiros e seminarios centráronse na preparación dos candidatos: como deseñar o teu curriculum vitae, oratoria e técnicas de presentación, como afrontar un proceso selectivo… Hoxe mércores, coincidindo coa apertura dos postos das empresas, celebráronse varias presentacións de entidades colaboradoras (Deloitte, Ernst & Young e Abanca) e a mediodía tivo lugar unha mesa redonda na que sete egresados e egresadas da UVigo contarán “en primeira persoa” a súa experiencia no mundo laboral nunha mesa redonda moderada polos profesores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Xosé Manuel Pacho e Belén Fernández Docampo.

O intenso programa de actividades prolongarase ata o xoves pola tarde, incluída a presentación do ciclo Xoves con Chicha e Limoná coa participación de Brais Armiño, alumni da Escola de  Enxeñaría de Minas e da Enerxía da Universidade de Vigo, consultor  en tecnoloxías emerxentes de hidróxeno e socio fundador de #AtlantHy, que impartirá a charla Desenvolvemento da economía do hidróxeno verde. Será ás 16.00 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.